10 02 21 De La Malva a La Riera (Somiedo) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Somiedo (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Área recreativa de La Malva

ACCESO: Dende Cornellana pola AS – 15 ata San Martín de Lodón, onde collemos a AS – 277 que vai a Somiedo. No km 36 está a área recreativa de La Malva.                              

HORARIO: 5/6 horas                    DESNIVEL: 730 m de subidas; 800 m de baixadas 

DISTANCIA: 15 km   DIFICULTADE: Media   TIPO DE RUTA: Travesía  MAPA: I.G.N. – 76 – II 

SINOPSE: Esta actividade sitúanos, unha vez máis, no Parque Natural de Somiedo, descorrendo dentro do concello do mesmo nome. A travesía céntrase entre os vales da Trapa polo Oeste e o río Somiedo polo Leste, pasando por descoñecidos vales, aldeas e brañas somedanas, o que é un dos obxectivos desta camiñada.

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos da área recreativa de La Malva (645 m) cruzando a estrada que vai a Somiedo para coller un camiño balismado como PR – AS - 13 que vai subindo suavemente bordeando os estribamentos da pena Carbachinos. Pasamos por lugares moi pintorescos e con excelentes vistas. Aos poucos minutos chegamos a unha área de descanso que ten unha fonte seca, situada xusto enriba da central de La Malva. O camiño, cada vez máis fermoso, cruza o cristeirío que baixa da pena para ir descendendo pola braña Sabugueda, logo, facendo varios zigzags ata chegar preto da ermida de Castro (650 m).

Uns cen metros antes de chegar a dita ermida, abdicada a virxe do Rosario, sae un camiño á esquerda, que no seu comezo está empedrado e con bastante pendente. Subimos por este camiño faldreando o monte da Las Paradas, para despois de pasar un tramo en chan, comezar a baixar ata atravesar o regato de Pineda (730 m). Neste tramo existen varias cabanas abandonadas así como corripas. Despois de atravesar o regato por unha ponte, espéranos unha forte pero non moi longa pendente que nos leva á aldea de  Pineda (870 m).

            Atravesamos esta aldea e seguimos subindo por unha pendente pista de formigón pasando as derradeiras casas da aldea en dirección ao val, sempre cara arriba. O camiño fai algunhas reviravoltas pasando xunto a varias cabanas, ata que despois dun xiro á esquerda, minora a pendente e así chegamos ao cimbro de La Collá (1.140 m), onde existe unha cabana. Aquí rematan os tramos máis duros deste día.

            Aproveitamos para reagruparnos e coller folgos e logo, traspasado o cimbro, baixamos por un sendeiro cara ao val da Trapa. O camiño segue unha boa parte polo fondo deste val cruzando numerosos prados cerrados con paredes, moitas árbores, e pasando as cabanas da braña de Ortigueiru ata chegar a un muíño.

Deberemos prestar atención neste lugar, pois logo de sobordar o muíño temos que seguir con tendencia á dereita ata conectar cun claro camiño que, sen perda, nos vai levar val abaixo deixando unha derradeira cabana a esquerda e atravesando un fermoso bosque. O camiño segue a media altura cambeando a dirección cara ao leste para saír do val da Trapa e desembocar na braña de Pineda. Pasada esta braña, vemos ao fondo a estrada de Somiedo, temos unha pequena subida por camiño empedrado que nos leva a un novo val que xa non vamos abandonar ata rematar a travesía. O camiño neste tramos está bastante enlamado, tendo algunhas baixadas nas que teremos coidado de nos esvarar.

            Agora o camiño é chan, chegando a aldea de Las Viñas (850 m) onde debemos coller á esquerda, despois de pasar as primeiras casas, o antigo camiño que baixa, con pronunciada pendente, dende esta aldea ata La Riera (480 m).

          Central hidroeléctrica de La Malva

      A Central hidroeléctrica de La Malva, está situada na estrada xeral que conduce a Pola de Somiedo dende Aguasmestas. O edificio principal é unha construción característica da arquitectura industrial de principios de século, e data do ano 1915.            Durante séculos as comunicacións dende o pobo de Castro coa capital somedana, La Pola ou Pola de Somiedo, realizábanse a través dun camiño real que discorría a gran altura sobre o río Somiedo. Co gallo dos traballos da edificación da central de La Malva, que entrou en funcionamento en 1917, e antes de que se construíse a estrada actual para poder acceder facilmente ao emprazamento elixido, a empresa promotora da central hidráulica, Saltos de Agua de Somiedo, construíu un camiño carreteiro que, dende a paraxe de La Cueva de La Malva, descendía en zigzag a través da ladeira, pola zona onde o relevo e máis favorable.       

    Nos anos vinte, a finca en que se enmarca e os arredores da central foron axardinados, plantándose diversas especies de árbores e arbustos de orixe alóctono, tal como era costume na época. Unha vez que o camiño deixou de ser útil, a parte máis pendente da parcela, situada entre a actual estrada e o camiño real, foi transformándose nunha zona forestal ao ser recolonizada pola vexetación natural. Por elo, na actualidade, conviven aquí gran número de especies autóctonas de Somiedo con outras que foron introducidas polo home. Non ocorreu o mesmo co terreo existente entre a estrada e o río, nin nos arredores da central, mantidos como xardín, onde as árbores inicialmente plantadas acadaron un porte que, no caso dalgunhas coníferas, pode cualificarse de espectacular.

   A vexetación natural arborada da Area Forestal de La Malva e a que se desenrola sobre sustratos calíos das zonas máis baixas —con clima máis benigno— do Parque Natural de Somiedo. A maior significación territorial téñena os dous tipos de bosque que colonizan a parte superior da finca. Practicamente a metade do terreo desta, na súa zona máis avesía e onde os solos son máis profundos, está poboada por un bosque mixto fresco no que participan gran cantidade de árbores de folla caduca como o freixo, o olmo de montaña, a avelaira, o castiñeiro, o espiño albar, os tileiros de folla grande e de folla pequena, o carballo albar e o padrairo. O sotobosque desta formación e moi rico en musgos e fentos, o que crea recunchos de gran beleza. As marxes do antigo camiño que discorre principalmente polo seo deste bosque mixto conservan parte do arborado introducido a partir dos anos vinte, sendo frecuentes os castiñeiros de Indias, os padrairos reais, os carballos americanos, as nogueiras, as falsas acacias e os pinos silvestres.

A outra metade desta parcela, máis soleada e de carácter máis natural no seu conxunto, está colonizada por un aciñeiral —que é o bosque que domina a paisaxe de toda a zona circundante— e as súas matueiras de sustitución. Xunto coa aciñeira, conviven outro grupo de árbores e arbustos que como ela posúen follas perennes, o sanguiño e o albedro, outros con follas caducas, o cereixo de Santa Lucía e o abruño, e o  caxigo, de follaxe con carácter intermedio o marcescente. As flores dos breixos e das  gancelas proporcionan fermosos coloridos ao matueiro de sustitución destes bosques esclerófilos.

O resto da Area Forestal de La Malva, o terreo situado entre a estrada e o río e os arredores da central, está ocupado fundamentalmente por arborado de carácter alóctono entre o que destacan varios exemplares de tuia xigante e outras coníferas de gran porte. A naturalidade volvémola a atopar nas beiras do río Somiedo que aparecen colonizadas por un bosque de ribeira ou amieiral no que dominan árbores como o amieiro e diversas especies de salgueiros.

Ademais hai que destacar a presenza na zona dunha das especies vexetais máis emblemáticas do Parque Natural, la centáurea de Somiedo, xencianácea case exclusiva destas terras onde foi descuberta, como reflexa o seu nome científico, Centaurium somedanum, e que está catalogada pola Administración Rexional como especie protexida dada la vulnerabilidade das súas poboacións.