O GRUPO

ACORDOS 


HISTORIA

      O Grupo de Montaña “Pena Tallada” xermolou das inquedanzas dun conxunto de amigos e amigas que saiamos de vez en cando a facer rotas de montaña, sen calendario prefixado, nin máis apoio que o propio afervoamento.

    Vimos conveniente organizarnos, decatándonos de que habería mais xente interesada en participar, e dese xeito acadar vantaxes na procura de descubrir os segredos que a natureza esconde. O resultado foi o nacemento do club nas derradeiras datas do ano 2.000.

      Oitenta socios e socias recibiron ese primeiro calendario de “Actividades 2001” que comezaba en xaneiro coa rota: Percorrido arqueolóxico por Castro en Grandas de Salime.

Amosouse atinada a iniciativa xa que tanto o número de participantes en cada saída coma as altas de socios/as foron axiña en aumento, ata chegar a superar os 300 afiliados e mover máis de 40 persoas/rota.

      A maioría das veces as camiñadas percorren vales, abéiranse en montes, acompañan e atravesan ríos e regatos, pero tamén permiten, cun pouco máis de esforzo, enxergar a paisaxe dende cumes abraiantes.

     O Grupo, como é lóxico, foi evolucionando, planificando novos retos que ían mais alá do que poderiamos chamar sendeirismo, achegándose algunha xente a montañas desafiantes que so se deixan conquistar trepando, ou mesmo escalando.

Unha montaña cuberta de neve é un reclamo case irresistible para moitos/as, e tamén dentro de “Pena Tallada” xurdiron os primeiros coqueteos co alpinismo invernal.

     Sen pretender grandes cousas o club deu cobertura a estas iniciativas organizando cursos, coa colaboración de profesores cualificados, de orientación, escalada, alpinismo invernal, primeiros auxilios, etc.

     Pasaron doce anos e aquí seguimos, se cadra sen a paixón dos primeiros tempos, pero cun grupo consolidado de xente que pode gozar cun sinxelo “paseo” de baixa montaña, suar con gusto na ascensión a calquera dos fermosos cumes que propomos, ou atreverse a conquistar ese abraiante e caótico mundo de rocha (tamén neve e xeo) que ofrece a alta montaña.

      Desexamos que a cousa non decaia e que, co respecto pola natureza como principio básico, novas xentes nos vaian seguindo.

A Xunta Directiva

 

      “Por agochados vales, entre piornos e breixos, por frondosos montes de faias e carballos que cobizan o oso e o peto real, por ríos e regatos de augas bravas, polos cumes máis altos, onde risca o rebezo e suca os ceos a aguia real, imos andar.”

 

SENDEIRISMO

      Non sendo moi rigorosos co termo, que de xeito “oficial” se refire a percorrer sendeiros balizados, podemos dicir que esta é a modalidade principal das actividades de “Pena Tallada”.

      Encadramos no apartado de sendeirismo todas aquelas rotas para as que non se precisa nin unha gran forma física, nin coñecementos técnicos, nin equipamentos especiais.

      Con este criterio inclúense actividades, sobre todo ascensións con desniveis importantes, que superan probablemente o grado de esforzo desexado polo excursionista medio. Para evitar este problema temos sempre previstos, cando menos, dous niveis de dificultade, de xeito que cada persoa elixa o que mellor se axuste ás súas condicións.

      As federacións distinguen entre sendeiros de pequeno percorrido, P.R., que se marcan cunha franxa amarela e outra branca, e de gran percorrido G.R., onde as franxas son de cor vermella e branca.

      Pero non é criterio do club escoller rotas marcadas senón aquelas que pensamos de interese, teñan ou non a etiqueta oficial. A maioría das rotas deséñanse partindo de informacións propias ou recollidas en libros, internet, etc, que axeitamos aos nosos intereses e posibilidades. Procuramos ver “in situ” cada rota antes de levar o grupo, tentando así, evitar sorpresas desagradables e dando información precisa a quen vaia exercer de guía.

 

MONTAÑISMO 

      Sería por definición a actividade deportiva que consiste en ascender ás montañas, e o conxunto de técnicas e coñecementos orientados a conseguir ese obxectivo.

      Esta denominación xenérica abrangue especialidades como o chamado alpinismo, referido ao montañismo de altura, os distintos tipos de escalada (clásica, deportiva, en xeo ...), barranquismo, carreiras de montaña, esquí de travesia, etc.

     As actividades de montañismo que propoñemos dende “Pena Tallada” van dirixidas a persoas que se sintan engaioladas pola alta montaña e que asuman dende a responsabilidade individual, tanto a preparación técnica e física coma os riscos que van asociados a este tipo de deporte.

      En xeral, non son aptas para grandes grupos e procuramos que quen se apunta a estas propostas teña claro sempre o tipo de dificultades con que nos imos enfrontar.

      Non están sempre postas no calendario, dada a decisiva influencia da meteoroloxía para poder afrontalas. Isto é aínda máis importante cando tentamos progresar por neve/xeo. Neste caso só e posible decidirse con moi poucos días de antelación.

      Se estás interesado/a neste tipo de actividades procura non perder contacto co club.

PARTICIPAR

       Se che parece que “Pena Tallada” é unha boa opción para achegarse ao mundo da montaña, a seguinte guía pode servirche de axuda:

     Calquera persoa pode apuntarse ás actividades, aínda que os socios/as teñen prioridade se faltasen prazas no autobús e, por suposto, prezos máis baixos polo transporte.

      Se es socio ou socia recibirás antes de cada tempada un calendario impreso coas actividades a realizar. O público xeral pode consultar esta web para informarse, www.penatallada.es.

       Poden, sobre todo se non se ten moita experiencia, xurdir dúbidas de que unha actividade sexa ou non apta para as nosas capacidades. Non deixes de preguntar antes de apuntarte.

      Para apuntarse a unha saída abonda con chamar ao teléfono 659 953 361 ou mandar un mail usando, se queres, o formulario de contacto que se atopa na propia páxina web. Procura facelo con varios días de antelación, porque nos axudas a organizar o transporte e non te quedas sen praza.

      Cadaquen co seu criterio e a súa experiencia saberá o que precisa levar a cada rota, pero de xeito xeral é importante: roupa cómoda e calzado apropiado (botas de montaña ou similar); mochila para levar comida, auga, roupa de abrigo, chuvasqueiro, etc; vara ou bastón para axudarse en tramos complicados; no verán crema de protección solar e sombreiro. Moi aconsellable é deixar no autobús unha bolsa con roupa para cambiarse cando volvemos da rota.

      A puntualidade é fundamental, así que procura estar no lugar fixado para a saída con tempo de sobra.

      Na maioría dos casos a saída é as 7 h, e facemos unha parada para almorzar.

      Recibirás unha folla coa descrición da rota e un mapa, aínda que sempre haberá xente da Directiva que coñeza o percorrido para exercer de guía. Debes colaborar e seguir os seus consellos.

      O importe da viaxe págase no propio autobús.

       Nota: Isto serve para as rotas clasificadas como sendeirismo. Se queres participar nas clasificadas como montañismo e conveniente que te informes para cada caso concreto. Neste caso é obrigatorio dispoñer de licenza federativa, que o propio club se ocupa de tramitar a todos os socios e socias que o soliciten.