10 07 18 Collada de Isornu (Sobrescobio) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER TRAZADO DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Sobrescobio e Caso (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Soto de Agues (425 m)
ACCESO: Dende a estrada AS -17 (Ujo – Porto de Tarna) e altura de Rioseco cóllese a desviación pola SC – 2. Soto de Agues está a uns 3 km.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 826 m DISTANCIA: 18 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular MAPAS: I.G.N. – 54 – III – 79 – I
SINOPSE: O Parque Natural de Redes é un lugar de visita durante todo o ano, xa que a paisaxe cambia continuamente pero sempre estará espectacular. Este parque atópase na zona centro – oriental de Asturias, na cunca alta do río Nalón pertencendo na súa totalidade aos concellos de Sobrescobio e Caso.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta andaina comeza en Soto de Agues (425 m) seguindo no seu comezo o itinerario da Ruta del Alba ou Foces de Llaímo. En suave e cómodo ascenso chégase a paraxe de El Campurru, onde se conservan as ruínas dos cargadeiros das minas Carmen, situadas no monte Llaímo.
Un pouco máis adiante temos a ponte do Retertoriu, lugar no que abandonamos a pista principal, cruzando o río e seguindo pola outra marxe. O camiño descorre agora entre castiñeiros e abelairas acentuándose de seguida a pendente onde ignoramos os ramais laterais, seguindo a sombra do frondoso souto.
Seguimos subindo ata empoleirarnos en Cantu la Vega, miradoiro excepcional dende o que se contempla o val do Alba e os estribamentos do pico Retriñón. Pasamos o lugar coñecido como Manuela (876 m) chegando asía a La Bauga (992 m), pintoresco lugar no que existen media ducia de cabanas situadas entre freixos, lugar que invita ao descanso.
Atravesamos máis arriba o regato do val de Praullongo proseguindo a ascensión, primeiro entre prados de sega e logo entre fentos e breixos, ata a Collada de Isornu (1.212 m).
Dende este lugar, xiramos á esquerda para subir ao cimbro Cobertorial (1.235 m), situado na crista do Xerru Tendillanes. Avanzamos entre monte baixo moi preto da parede rochosa, lugar que nos ofrece fermosas vistas do val que, pouco antes, subimos.
Na parte media do cristeirío, o sendeiro vira á dereita para pasar por un frondoso bosque de faias e prados, aparecendo agora un camiño que baixa transformándose en pista a medida que nos achegamos a braña de La Gallera e Fresnos.
Continuamos deixando a braña a nosa dereita para baixar polo val cara a braña de Porciles, e dende esta, descendemos ata a ponte de Retertoriu, volvendo a Soto polo mesmo camiño do río Alba.