10 08 22 La Biescona - Teixedal do Sueve (Parres, Colunga e Caravia) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

La Biescona – Teixoiera do Sueve

 

SITUACIÓN: Caravia, Parres e Colunga (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Casa Julia (200 m) 

ACCESO: Dende a autoestrada A – 8, na saída máis próxima a Colunga, collemos a estrada A – 260 con dirección a Gobiendes e o miradoiro do Fito. Pasado o lugar de Loroñe está Casa Julia, á dereita antes da entrada da canteira.                                 

HORARIO: 5/6 horas                                DESNIVEL: 875 m de subida / 1050 m de baixada                                  

DISTANCIA:            14 km                          DIFICULTADE: Media  TIPO DE RUTA: Travesía                     

MAPA: I.G.N. – 30 II

 

SINOPSE: Non podería ser máis completa unha ruta que nos amosa o faiedo máis baixo de Asturias, con exemplares centenarios, vistas espléndidas dende o cume do Pienzu, tanto da rada costeira de Colunga como dos Picos de Europa, e o teixedal máis grande de Europa cuns 8.000 exemplares que ocupan case 80 hectáreas de terreo.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Dende a antiga Casa Julia (200 m) parte unha pista pola dereita que cruza unha cancela de madeira e pasa xunto a unhas cadras. Seguimos polo camiño principal, entre vidueiras, acivros, castiñeiros e espiños, ata chegar a unha caseta onde podemos ver, a uns 10 m do camiño unha pereira brava, e un pouco máis aló outro grupo máis numeroso. Seguimos andando e, antes de chegar a segunda caseta, o camiño bifúrcase; un sobe e remata poucos metros máis adiante, xunto a unha terceira caseta situada a carón dunha fermosa fervenza e o outro, continúa de fronte cruzando o pequeno regato, que no verán acostuma a estar seco.

            Ao pouco tempo atopamos os restos duns antigos edificios pertencentes a mina de La Toya, que máis ben parecen as ruínas dunha antiga civilización. O camiño segue subindo paralelo a canle da Riega Les Teyes ou La Toya, agora seco debido a captación de augas que hai máis arriba, no que abondan os fentos, liquens e musgos.

            Ao pouco tempo aparece o faiedo baixando o camiño a canle do rego que descorre encaixado entre rochas de cuxas fendas saen numerosos teixos.

            Seguindo a canle volvemos a atoparnos co camiño que sobe polo faiedo, ata a pradería de Perfeches (600 m), rematando o bosque, xustamente cunha faia centenaria. Seguimos o camiño, agora por prados e monte baixo ata a braña de Bustacu (650 m) onde hai unha fonte con bebedeiro. Continuamos o camiño que pasa xunto a fonte con lixeira pendente que nos achega a Mergullines, sitio ideal para o descanso a sombra duns vellos freixos. Seguindo o camiño chegamos ao cimbro Beluenzu (1.074 m) situado na mesma base do pico Pienzu.

            Dende este lugar, sóbese ao Pienzu (1,161 m) por carreiro marcado  tendo que superar un desnivel duns 90 m, pero que merece a pena pois as vistas dende o cume desta montaña son impresionantes. Cara ao norte a rasa costeira de Colunga e cara ao sur, infinidade de montañas incluídos os Picos de Europa.

A baixada, ben dende o cume ou ben dende o cimbro Beluenzu, temos que  facela primeiramente cara ao noroeste ata atopar a fonte de La Texuca, situada na cara sur do pico Cordobana, lugar no que podemos ver bos exemplares de teixo.

Bordeamos deixando este pico á dereita en dirección a un cimbro (658 m), situado ao sur do pico Busfrescosu. Seguimos en dirección ao pico Sol Miguel onde está a fonte de Busfrío (480 m), enlazando neste lugar co camiño que baixa, agora entre eucaliptos, a Gobiendes (60 m).