10 12 19 S. Martín - Mina Carmina - As Barreiras (S. Martín e Santalla de Oscos) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: San Martín e Santalla de Oscos (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: San Martín de Oscos (700 m) 

ACCESO: Pola estrada  AS – 11 que sobe dende a Veiga ata o porto de A Garganta. Dende aquí pola AS – 13 ata San Martín.                                   

HORARIO: 4/5 horas                   DESNIVEL:  200 m de subida / 450 m de baixada                     

DISTANCIA: 10 km             DIFICULTADE: Baixa  TIPO DE RUTA: Travesía                    

MAPAS: I.G.N. – 49 – I – II  - IV

SINOPSE: Podemos ver a igrexa parroquial de San Martín de Oscos con planta de cruz latina e amplo espazo portegado. Á dereita da fachada temos un dos hórreos característico dos Oscos con cuberta mixta de laxe e palla. Fronte a igrexa está a casona de Los Guzmanes do século XVIII que conserva o escudo labrado en pedra.

            Tamén podemos visitar a mina Carmina onde é  posible adentrarse nas súas galerías, desta antiga mina de chumbo, que nos permitirá coñecer un pouco a historia dunha actividade económica que nos anos cincuenta era esencial para o concello de San Martín de Oscos.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a andaina en San Martín de Oscos (700 m), xunto a igrexa parroquial, cruzando a ponte sobre o río San Martín para iniciar o ascenso ao monte Marón.

            Seguimos as sinais de PR, camiñando pola estrada asfaltada que vai a Villarquille e a Vilarín.  Ao pouco, temos que coller á dereita seguindo as sinais brancas e marelas, cunha primeira subida, para pasar as derradeiras casas e adentrarnos nun pequeno bosque de bidueiros e carballos. Pasado este bosque, temos un prado á nosa dereita e o camiño empínase ata o vertixe xeodésico do monte Marón (897 m), punto máis alto desta ruta. Logo vamos por sendeiro ata entroncar cunha pista que vai xunto a un piñeiral. Seguimos cara á dereita por riba do prado anterior para logo coller un cortalumes á esquerda que nos vai levar polo medio dos piñeiros a  outra pista que seguiremos cara á esquerda.

            Entroncamos con outra pista máis importante, por riba de Vilarín de Trasmonte, seguindo nesta ocasión cara á dereita e logo, atopamos unha bifurcación onde a pista da esquerda baixa a capela de Santa Engracia e Vilarín de Trasmonte, pero nós vamos de fronte seguindo as indicacións de Mina Carmina. A pista agora segue entre prados ata unha nova bifurcación onde o ramal da dereita leva ao lugar de Ascuita, sitio antigo de paso entre San Martín e Santalla. Nesta ocasión temos un novo letreiro que nos manda á mina pola esquerda. Agora xa non hai perda, seguimos sempre obviando sendeiros laterais e moi axiña o camiño, no medio dun piñeiral, convértese en sendeiro xa moi preto da mina.

            Aproveitamos para parar e facer unha visita á mina (694 m), sen saír dos tramos permitidos, de explotación de blenda, principalmente que foi cerrada nos anos 60 por baixo rendemento entre outras cousas.

            Continuamos agora a andaina cruzando pola pedreira o Rego do Cobo e atopámonos cunha bifurcación. Pola esquerda vaise a San Martín, seguimos pola dereita collendo un sendeiro bastante pendente no seu comezo. Este sendeiro baixa xunto ao regato, que cruza máis abaixo, preto doutra boca mina, polo medio do bosque camiño da aldea de Talladas (450 m), pero mesmo na parte alta do lugar, xiramos bruscamente á dereita para cruzar unha cancela é, de seguida, o rego. Unha vez no outro lado o sendeiro segue ata unha bifurcación onde as sinais mándannos pola dereita en dirección a Caraduxe, pero seguimos de fronte, facendo caso omiso das sinais, para seguir pola parte alta dunhas praderías que baixan ata o río Agüeira. Temos que cruzar outra cancela e logo no remate do prado, na parte alta, o camiño parece perderse. Hai que buscar cara arriba pasando un pequeno tramo de toxos e xestas que nos levan de novo a camiño aberto que seguimos en chan ata un antigo edificio que foi escola. Baixamos agora cruzando o prado en dirección a aldea de Parada (450 m), cruzando por unha fermosa ponte e un arco a modo de porta.

            Saímos deste lugar por pista asfaltada ata a primeira curva á esquerda, onde seguimos de fronte xunto a uns materias de construción depositados na curva, seguindo a liña telefónica que vai polo medio dun souto.

            Volvemos a atoparnos con outra pista asfaltada na cal collemos á dereita baixando cara a unha casa en reparación, pasando pola súa aira e chegando de seguida a aldea de As Barreiras (450 m). Neste lugar, aínda que as marcas cruzan o río por outra ponte, nos subimos pola esquerda por pista asfaltada ata o autobús que agarda preto deste lugar.