24 08 28 IBONES AZULES

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Panticosa (Huesca)

PUNTO DE PARTIDA: Balneario de Panticosa (1.642 m)

ACCESO: Desde Escarrilla, 12 km ata Baños de Panticosa

HORARIOS: 5/6 h                        DESNIVEL: 550 m              DISTANCIA: 10 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Balneario (1.642 m)   

COTAS MÁXIMAS: Refuxio de Bachimaña 2.197 m - Ibón Azul Superior (2.414 m)

MAPA: Valle de Tena de Editorial Alpina 1:25.000

SINOPSE:

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada xunto ao balneario (1.642 m) subindo polas escaleiras de Casa Belio collendo o GR – 11 que sobe cara a Brazato. En poucos minutos atopamos unha bifurcación onde nos desviamos á esquerda camiño dos Ibones de BachimañaIbones Azules.

            O carreiro gaña altura suavemente en dirección noroeste mentres as edificacións do balneario van quedando á nosa esquerda cada vez mais baixos. Cruzamos unha tubaxe de auga e axiña chegamos a un segundo desvío (1.735 m) onde temos que coller á dereita seguindo o camiño de Bachimaña por Camino de los Machos.

            O carreiro segue subindo preto da tubaxe mentres pouco a pouco imos afastándonos do barranco de Caldarés e do GR – 11. A partir de aquí atoparemos pouca xente.

            Pola cota de 1.870 m temos que desviarnos de novo xa que o camiño que seguíamos ia cara aos chans de Bozuelo para enlazar con o GR – 11; así que colleremos un carreiro herboso que sae pola dereita.

            Nesta parte debemos ir atentos para non perder as trazas do camiño, tendo nas zonas rochosas os fitos que nos guiarán. Máis arriba saímos a un fermoso chan onde se abica a Balsa de Lumiacha (1.950 m) onde merece a pena facer unha parada.

            Seguimos os fitos que nos levan cara ao norte, gañando altura comodamente. Ao chegar ao barranco de Labaza o carreiro xira ao leste para cruzalo facilmente máis arriba. Pola esquerda podemos ver, ao outro lado do barranco de Caldarés as eses que fai o GR – 11 pola Cuesta del Fraile. Seguimos camiñando fixándonos nos fitos que nos conducen por sinxelas pendentes chegando xunto a o rego de desaugue do Ibón de Coanga, o cal acadaremos en poucos minutos (2.300 m).

            De volta ao camiño seguimos cara ao refuxio de Bachimaña (2.200 m) atravesando un chan herboso. Seguimos bordeando este pequeno encoro para cruzar polo muro da presa do Ibón de Bachimaña Superior e chegar ao GR – 11.

            Volvemos polo outro lado do Ibón de Bachimaña Inferior seguindo o GR – 11 chegando axiña a Cuesta del Fraile comezando a baixada facendo numerosas lazadas.

            A impresionante baixada de forte pendente amósanos varias fervenzas, pasamos polos Prados de Bozuelo para entrar en Panticosa xunto á Casa de Piedra, Cruzamos a poboación ata chegar ao punto de saída.

           

IBONES AZULES (2.414 m)

(225 m de desnivel - 6 km ida e volta)

           

            Si queremos chegar ao Ibones Azules, desde o refuxio de Bachimaña seguimos o GR – 11 en sentido ascendente ata unha bifurcación que pola dereita vai a Marcadau e Bramatuero e á esquerda aos Ibones Azules. Desde este desvío, en pouco máis de media hora chegaremos aos lagos situados nunha paraxe excepcional vixiados polos Picos del Infierno que vemos cara ao sur, de fronte o Pico Piedrafita  é, á nosa dereita a Punta Zarre.     

            Logo da obrigada parada, volvemos a Baños de Panticosa polo mesmo camiño ata a bifurcación de Marcadau, collendo á dereita e seguindo o GR – 11, esta vez ata Baños de Panticosa.