23 02 18 FAIAL DE TRONISCO (Lillo) León

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Lillo (León)

PUNTO DE PARTIDA: Cofiñal (1.178 m)

ACCESO: Desde Ujo pola estrada AS – 253 ata o porto de San Isidro. Logo pola LE – 331 ata Puebla de Lillo, onde á entrada da poboación collemos á esquerda a estrada LE – 333 que vai ao porto de Las Señales.

HORARIO: 4 h                              DESNIVEL: 420 m                          DISTANCIA: 11km

DIFICULTADE: Baixa                    TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Cofiñal (1.178 m)     COTA MÁXIMA: Majada de Tronisco (1.570 m)

MAPA: I.G.N. – 79 – IV

SINOPSE: O faial de Tronisco pode ser un dos máis fermosos do Parque Regional de la Montaña de Riaño y Mampodre. A visita ao refuxio no Collado Tronisco, a caseta de observación e a fervenza de Los Forfogones completarán esta fermosa e fácil camiñada.

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñar xunto as pistas polideportivas de Cofiñal, uns cincocentos metros logo de pasar esta poboación en dirección ao porto de Las Señales. Camiñamos pola estrada medio quilómetro ata que aparece á nosa dereita unha pista onde comeza a subida cara ao faial de Tronisco. Temos unha fonte e boas vistas do val do río Porma.

            Despois de camiñar quilómetro e medio rumbo norte, a pista xira á dereita comezando un tramo en dirección leste, entrando así no fermoso faial de Tronisco. A pista ancha e fácil de camiñar pola que vamos gañando altura suavemente polo medio do faial.

            Deixamos atrás un desvío e chegamos á fonte Canalina. Pouco despois temos outro desvío polo que collemos á esquerda para seguir o percorrido cara ao rego Tronisco, na parte máis baixa do faial.

            Este camiño sae do bosque xunto ao rego Tronisco onde collemos á dereita continuando a subida cara á Majada de Tronisco onde existe un refuxio. Camiñamos polos prados de Tronisco por camiño pouco definido e atravesamos o rego, comezando agora a parte máis pendente da ruta.

            Un pouco máis arriba, atravesamos outro rego ofrecendo este lugar unhas vistas espectaculares. Rematada a subida logo de pasar unha zona de escobas, chegamos ao refuxio (1.570 m) onde podemos aproveitar para descansar.

            Xunto ao refuxio, en dirección leste, sae un camiño cara ao Collado de Tronisco situado uns cen metros máis alto.

            Saímos do refuxio collendo un desvío que baixa pola outra ladeira onde volvemos a gozar doutra fermosa masa boscosa. Mentres camiñamos, vamos perdendo altura suavemente, sempre por camiño ancho e sen perda. Temos outro desvío no que seguimos o camiño principal que nos leva xunto a unha caseta desde a que, subindo unhas escaleiras, podemos ver gran parte do val.

            Por unha zona máis aberta camiñamos cara ao rego Tronisco deixando atrás un carreiro que aparece pola nosa esquerda e volvemos a internarnos no faial. A pista baixa, de fronte vemos a Peña San Justo, e á estrada de Puebla de LilloPorto de Las Señales onde collemos á dereita camiñando por ela uns douscentos metros.

            Agora baixamos á esquerda, no desvío sinalizado, para visitar a fervenza de Los Forfogones. Este é un dos recunchos máis espectaculares do Parque Regional de la Montaña de Riaño e Mampodre. Temos un curto e pendente tramo ata chegar á canle por onde camiñamos con precaución polo esvaradío do chan.

            A fervenza ben merece a visita por situarse nun lugar excepcional. Cruzamos por unha ponte de madeira e subimos polo carreiro que temos do outro lado onde temos o carreiro que comunica o Valle Pinzón con o Valle de Entrevados. Nós seguimos á esquerda, cara a Cofiñal, onde axiña atoparemos outro recuncho con outra fervenza.

            Polo camiño principal seguimos a andaina cruzando primeiro o río Porma por unha ponte de madeira e logo o pequeno rego  de Tronisco. Este tramo non ten perda algunha, sempre cara a Cofiñal en dirección sur. O camiño sae á estrada pola que camiñamos ata chegar de novo ao punto de inicio.