23 04 07 COLLADOS DO ASÓN

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Soba (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: Aparcamento de Los Collados del Asón (690 m)

ACCESO: Desde a estrada CA – 265 a 11 km de Arredondo na subida ao porto de Asón.

HORARIO: 5/6 horas                             DESNIVEL: 800 m             DISTANCIA: 16 km

DIFICULTADE: Media                           TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Aparcamento (690 m)   COTA MÁXIMA: Pico Colina (1.424 m)

MAPA: I.G.N. – 59 – IV

 

SINOPSE: Ruta circular duns 16 km que comezamos no aparcamento existente a uns cen metros do espectacular miradoiro do nacemento do río Asón, no que alcanzaremos o cume de Colina (1.448 m) e camiñaremos por paraxes dunha fermosura extraordinaria.

            A ruta non ten ningunha dificultade e está perfectamente sinalizada con postes numerados.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada no aparcadoiro seguindo a dirección que nos indica un poste “Vuelta a la Colina”, por unha pista de grava miúda, que abandonamos uns dous quilómetros despois, para seguir por un carreiro que nos marca outro poste en dirección a Colina. Desde este punto podemos observar o pico de Los Campanarios.

            Seguimos este camiño pasando ao lado da cabana de El Sotio para mergullarnos uns metros máis adiante no bosque de faias chamado Camino del Saco. En épocas de choiva este sendeiro soe estar moi enlamado.

            Logo de saír do faial chegamos a  unha zona despexada de pastos chamada Braña de Saco onde hai un poste que nos indica a dirección cara a Hoyón de Saco. Xunto á casa de pedra por onde pasamos hai un bebedeiro e unha fonte con auga fresca.

            Seguimos as balizas numeradas as cales nos leva ata o Hoyón de Saco e o impresionante lapiaz moldeado pola abrasión do xeo. Desde este punto podemos ver o noso obxectivo un pouco máis preto.

            Bordeamos o Hoyón pola súa parte dereita seguindo o carreiro e os postes que nos van confirmando a boa dirección para acadar o cume.

            Logo dun pequeno descanso comezamos a baixada atopando o carreiro que nos conducirá ata o paso entre rochas. Seguimos baixando por o carreiro cara a Brenacobos internándonos noutro faial  polo que chegaremos ao paraxe singular de Hazas del Respiradero, unha canle entre dúas paredes de rocha duns douscentos metros de lonxitude.

            Proseguimos a baixada chegando ata a Cabaña de Concinchao, lugar no que se atopa o indicador  GR – 74 – Monte Moncrespo – San Roque de Miera, sendeiro polo que se pode chegar á Cueva de Turrutuerta.

            Desde Concinchao seguimos o carreiro ata o Alto de la Posadía e desde aquí ao punto de partida.