23 01 21 CAMIÑO VELLO DE ALDOSENDE
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Paradela (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Aldosende (570 m)
ACCESO: Desde Portomarín pola estrada LU – 633 dirección Paradela.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 414 m de subidas / 525 m de baixadas
DISTANCIA: 13,5 km DIFICULTADE: Baixa/Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Ponte do Loio (350 m) COTA MÁXIMA: Aldosende (570 m)
MAPAS: I.G.N. – 123 – II – IV
SINOPSE: A este camiño de 11, 30 quilómetros temos que engadirlle dous máis por pista asfaltada, que hai desde o miradoiro de Cabo de Vila ata a ponte do Loio.
Este camiño foi acondicionado nos anos sesenta ao anegar as augas do encoro de Belesar os camiños antigos que comunicaban Santiago de Aldonsende con a vila de Portomarín.
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a andaina na aldea de Aldosende, por unha pista na que de seguida temos unha bifurcación onde collemos un carreiro que nos leva ao lugar de O Touro.
Aquí, xiramos á esquerda para comezar a baixada ao val do río Miño pero, antes de chegar á ribeira do Miño, o carreiro percorre o canón do Rego da Trapa. Neste tramo o camiño está escavado na rocha onde o desnivel de baixada é importante, tendo varios tramos de escaleiras así como pasamáns de cables que nos aseguran os pasos máis comprometidos.
Tamén temos tramos do trazo do camiño orixinal de escaleiras de pedra. O carreiro cruza o rego da Trapa por unha ponte de formigón, comezando así o percorrido pola beira do encoro, tramo sen pendente e sinxelo no que temos case sempre boas vistas sobre o río.
Este tramo remata cando chegamos ao complexo de San Facundo de Ribas de Miño, onde hai un templo con casa reitoral. O conxunto foi declarado Monumento de Interese Nacional e recibiu o primeiro premio do Colexio de Arquitectos de Galicia como o mellor proxecto de restauración realizado na comunidade galega.
Seguimos por un camiño de carro entre paredes de pedra, viñedos e leiras ata chegar ao lugar da Adega dos Penedos, onde atopamos varias construcións en ruínas e mostras de etnografía como pías de pedra, eiras, restos dun carro e un tear...
Neste lugar temos tamén varios outeiros dende os que podemos ver o río Miño e o seu entorno.
O derradeiro tramo vai por unha carballeira ata chegar á aldea de Santa Marta, onde podemos visitar a capela e seguir ata o miradoiro de Cabo de Vila onde remata o camiño. Desde aquí, réstannos dous quilómetros por pista asfaltada ata a ponte do Loio.