22 11 19 BOSQUES DE MURIAS E SAN CRISTOBO

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

longa - curta

GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Vilanova d´Oscos (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Campo da Bobia (1.020 m)

ACCESO: Ata o porto de A Garganta pola estrada AS – 11. Na rotonda collemos a última saída para seguir a estrada cara ao Gumio.  

HORARIO: 5/6 h                                                MAPA: I.G.N. – 25 – I – 49 – II

DESNIVÉIS RUTA LONGA: 612 m de subidas / 922 m de baixadas.

DESNIVÉIS RUTA CURTA: 540 m de subidas / 860 m de baixadas.    

DISTANCIA RUTA LONGA: 14 km                       DISTANCIA RUTA CURTA: 12,7 km      

DIFICULTADES: Media/alta e media                     TIPO DE RUTAS: Travesías

COTA MÍNIMA: Ponte do rego da Bobia (492 m)  COTA MÁXIMA: Punto de partida (1.020 m)

SINOPSE: Auga, terra, lume e aire. Os catro elementos dos antigos atópanse no ser desta comarca que forma fronteira entre as comunidades de Asturias e Galiza.

            A auga e o aire foron pouco a pouco dando forma a esta terra creando unha paisaxe de montañas redondeadas e fondos e verdes vales. Con a pedra, a xente destes lugares foron construíndo as poboacións en atalaias desde as que podían ver os camiños e as fincas. A auga serviu tamén para mover os distintos aparatos que axudaron a converter o metal en útiles ferramentas e sobre todo muíños.

            Este conxunto de elementos fraguo a Comarca dos Oscos, un paraíso natural cun patrimonio cultural, arqueolóxico e etnográfico importantísimo.

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do Campo da Bobia camiñando pola pista asfaltada cara a Eilale uns 600 m e xusto enfronte dunha fonte que temos á nosa esquerda, collemos a pista que baixa pola dereita. A pista de moi bo andar, no seu comezo vai moi alta sobre o val e nacemento do rego da Bobia desde a que podemos ver no fondo e nas ladeiras de enfronte o bosque autóctono.

            Segundo vamos camiñando, ao outro lado do val aparecen as aldeas de A Bobia e o Picón, e moito máis abaixo San Cristobo. Temos unha curva pechada á esquerda, onde aparece un ramal pola dereita pero sempre seguiremos a pista principal, sen facer caso a ningún camiño secundario.

            Logo de pasar unha gran pedreira, xunto a un depósito de auga, a pista sobe lixeiramente para entroncar con outra que baixa tamén da pista asfaltada, onde collemos á dereita comezando así unha pendente pronunciada que non rematará ata cruzar o rego do Calvario (780m). Unha vez que cruzamos este rego, collemos un camiño de carro que vai subindo moi suavemente ata depositarnos na Braña Balongo situada a 800 m. de altura.

            Aquí ben merece a pena facer unha parada para achegarnos ao remate da braña onde temos unhas fermosas vistas, desde os penedos do pico Balongo (809 m), do val que levamos percorrido é do que nos falta.

            Pasada esta braña comeza unha baixada por pista facendo varios zigzags no primeiro tramo para chegar á aldea abandonada de Mourelle (600 m), totalmente tapada polo mato. Neste lugar remata a pista para dar paso a un carreiro de ferradura, que tamén, na primeira parte baixa facendo reviravoltas ata chegar preto do río.

            Agora camiñamos mergullados na frondosidade do monte achegándonos ao leito do río que vai facendo pequenos e fermosos saltos e tamén algunha poza. Pasamos xunto ás ruínas do muíño de Mourelle que da paso á ponte pola que cruzamos o río da Bobia (492 m)

            Neste punto comeza unha forte subida polo bosque onde temos que cruzar un rego e máis arriba os restos dalgunha cabana. O camiño non ten perda ningunha alcanzando as primeiras casas e chegando a unha pequena praza no centro de San Cristobo onde temos unha fonte.

 

RUTA CURTA: Sáese de San Cristobo subindo pola pista principal que da acceso a esta aldea, en seguida xiramos á esquerda e subimos pola pista de formigón, con forte pendente un quilómetro e medio. Unha vez arriba, temos que seguir agora por asfalto ata que chegamos a unha pista que baixa pola esquerda en dirección a Morlongo, aldea que cruzamos sempre en baixada e agora, de novo por asfalto, chegamos á estrada que vai a Vilanova, seguindo nesa dirección douscentos metros ata a área recreativa de Morlongo.      

 

RUTA LONGA: Da pequena praza de San Cristobo parte un camiño a carón dunha casa que baixa lixeiramente polos prados primeiro, para internarse no bosque enseguida. Este camiño cruza un rego e sobe lixeiramente ata acadar Murias (760 m), outra aldea abandonada.

            Aquí comeza unha subida con forte pendente, dun quilómetro aproximadamente, polo antigo camiño que pasa xunto á Sela de Murias (920 m) para acadar unha ancha pista. Unha ven arriba xiramos á esquerda camiñando en chan por dita pista uns setenta metros para coller un camiño que aparece pola dereita (953 m).

            Este fondo camiño, baixa sen perda ningunha, pero aínda que está ben esbrozado, temos que fixarnos onde pisamos pois está bastante derregado pola auga. Así chegamos a Morlongo onde pasamos pola parte superior da aldea ata unha pista na que temos que coller á esquerda, cruzar o lugar sempre en baixada pola pista asfaltada que baixa á estrada de Vilanova.

            Camiñamos por esta estrada douscentos metros ata a área recreativa de Morlongo (740 m) onde remata esta travesía.