22 08 09 PIC D´ANI OU AUÑAMENDI

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Isaba (Navarra) - Areta (Bearne) Francia

PUNTO DE PARTIDA: Collado de la Piedra San Martín (1.760 m)

ACCESO: Desde Isaba pola estrada do porto de Enrnaz

HORARIO: 5/6 horas                      DESNIVEL: 1.165 m                      DISTANCIA: 16 km

DIFICULTADE: Alta                       TIPO DE RUTA: Ida e volta -  circular

COTA MÍNIMA: Porto de Ernaz (1.760 m)        COTA MÁXIMA: Pic d´Anie (2.507 m)

SINOPSE: A palabra muga é un marco de pedra que sinala unha fronteira ou límite. A muga 262 está situada no Collado de la Piedra San Martín, lugar onde se celebra anualmente o tributo das tres vacas, unha cerimonia que xunta aos veciños dos vales de Baretous (Bearne, Francia) e os de Roncal (Navarra, España) neste punto o día 13 de xullo de cada ano onde os primeiros entregan tres vacas aos segundos como pago por utilizar os pastos do lado navarro.

            Tamén neste cimbro existe a sima coñecida como Piedra de San Martín cuxa profundidade supera os 1.300 m gardando no seu interior a Sala de la Verna de grandes dimensións tendo no interior un impresionante salto de auga.

DESCRICIÓN DA RUTA: Xunto á muga 262 parte un carreiro que segue cara ao leste a liña divisoria fronteiriza. Antes do outeiro de Mombiela (1.821m) aparece a muga 263 e  no outeiro a 264 desde a que acometemos a subida ao Col d´Arlas (1.905 m), situado fronte a pirámide final. Aquí comeza a forte pendente para chegar ao cume do Pic d´Arlas (2.043 m). Este cume levántase sobre o inmenso macizo kárstico de Arlás que ten unha extensión de 100 km cadrados, no que se esconden as simas máis profundas do mundo que superas os 1.300 m.

            Baixamos pola cara sur – leste ata o outeiro de Pescamou (1.917 m) tendo enfronte a tremenda zona kárstica que deberemos atravesar logo dun pequeno tramo por prado. Despois de 3 km de andaina entramos en contacto con o labirinto de pedra de Larra onde seguimos as balizas que nos axudan a atopar o mellor camiño por esta complexa orografía.

            Pola dereita quedan as puntas rochosas de Murlong é Latras ao tempo que  penetramos nun pequeno val en dirección ao pé da parede do Pic d´Anie tendo, agora tamén, a dereita o cristerío da serra Añelarra. Baixamos un pouco antes de acometer a subida á  pala terminal que mantén a súa pendente ata o mesmo cume o Auñamendi ou Pic d´Anie (2.507 m).

            Situado en territorio Bearnés, non dista máis dun quilómetro do límite fronteirizo, este pico que é a primeira montaña pirenaica en superar os 2.500 metros desde o Cantábrico. A súa forma piramidal sobresae sobre a inmensa meseta de Larra.

            Baixamos polo mesmo camiño ata o cruce.  Aquí seguimos o carreiro que vai en dirección nordeste. Na baixada temos dúas pequenas canles onde deberemos facer uso das mans, o resto do camiño non ten dificultade, está sinalizado con marcas amarelas.

            Ao chegar ao Col des Anies (2.085 m) atopamos o GR que comparte percorrido. Este camiño levaranos ao cruce baixo o pico Murlón onde nos reencontramos con o camiño de ida. Non queda máis que desandar o camiño ata o Portillo de Ernaz.