20 08 09 BOSQUE DE ZABALETA - ENCORO DE IRABIA

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Salazar e Aezkoa (Navarra)

PUNTO DE PARTIDA: Casas de Irati (860 m)

ACCESO: Desde Ochagavía a uns 24 km pola NA – 2012

HORARIO: 6/7 horas                      DESNIVEL: 400 m             DISTANCIA: 18 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Presa (800 m)                           

COTA MÁXIMA: Sendeiro a 1,5 km da saída (970 m)

MAPA: Valles de Irati y Aezkoa de Editorial Alpina 1:25.000

SINOPSE: Irati terra de raíces ancestrais, de natureza en estado puro e de lendas que se esconden nos seus ríos e bosques. Un conxunto de pobos que soubo preservar a esencia sen menosprezar as culturas e costumes de outras civilizacións. A súa lingua, o euskera, as súas tradicións, manifestacións deportivas, festas e gastronomía fan deste lugar un recuncho máxico para descubrir con calma. É unha porta de entrada á    identidade vasca mergullada en Irati e os seus vales.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comeza esta camiñada nas Casas de Irati (860 m) collendo a pista forestal que vai ao encoro de Irabia. De seguida collemos un desvío á dereita para seguir polo que se chama Senda de los Barranqueadores (SL – 63 A) que nos leva a media ladeira pola vertente sur do monte de La Cuestión e Zabaleta,  pasando por encima das penas de Erroiarria, área despexada que nos permite observar o angosto val do río Irati.

            Logo de pasar o punto máis alto do percorrido, baixamos para acadar a pista á altura do regato de Semillero e seguila ata a Casa Forestal, hoxe en día en desuso. Neste lugar enlazamos con o sendeiro que circunvala o encoro. Para iso seguimos pola dereita (SL 53 C) en dirección norte por camiño sen perda algunha atravesando varios regatos e cruzando pola ponte de La Cuestión para xirar ao sur polo outro lado do encoro.

            O camiño bordea o encoro en todo momento, ata que chegamos a unha bifurcación no lugar chamado Segundo Paraíso.  Aquí pola dereita arranca o SL 54 C (Los Paraísos – Erlán), sendeiro que cruza un fermoso bosque de faias. Esta alternativa aumentaría o percorrido medio quilómetro aproximadamente engadindo 130 m de desnivel.

            De calquera maneira, a ruta chega ata o muro da presa de Irabia (830 m), polo que cruzamos seguindo o sendeiro común de Camino de Plaza Beunza (SL 52 C) e o da circunvalación do encoro (SL 53 C) un curto tramo. Seguimos o SL – 53 C que vai pegado ao encoro ata a Casa Forestal.

            Na Casa Forestal, collemos un carreiro que sae pola dereita que nos vai levar, máis adiante, á pista que nos levará de volta pola beira do río Irati ata o punto de partida nas Casas de Irati.