12 03 11 Peña Ubiña

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DE RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Lena (Asturias) San Emiliano (León)

PUNTO DE PARTIDA: Tuiza de Arriba (1.220 m)

ACCESO: En Campomanes, temos que coller a estrada LE – 8 que sobe ao porto de La Cubilla.                                 

HORARIO: 7/8 horas                    DESNIVEL: 1.200 m             DISTANCIA:  17 km 

DIFICULTADE: Alta             TIPO DE RUTA: Circular            MAPAS: I.G.N. – 77 – IV – 102 – II

SINOPSE: Aínda que de modesta altitude, esta ruta podemos catalogala de alta montaña onde temos que usar as mans nalgúns pasos de baixada de Peña Ubiña así como si decidimos subir á Peña Ubiña Pequena, tendo que engadir uns 200 m de desnivel e unha hora de andaina si queremos facer este cume.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do aparcadoiro de Tuiza de Arriba (1.220 m) onde aos poucos metros xiramos á dereita por unha empinada pista de formigón ata unha bifurcación. Pola dereita sae un camiño que vai ao cimbro de El Viso onde existe unha fonte preta. O noso camiño xira á esquerda en dirección oeste para pasar xunto ao depósito da auga onde remata o formigón. A partir de aquí, xa podemos ver o obxectivo deste día, Peña Ubiña , mole que se levanta mesmo enfronte de nós.

      Nos primeiros tramos, o camiño vese empedrado en algunhas zonas, pero bastante desfeito polas augas. Así chegamos á Portillera que da paso aos prados de Meicín onde se asenta un renovado refuxio (1.549 m) no medio dun circo glaciar.

      A partir de aquí, acentúase a subida polos prados ata o Alto Terreros (1.890 m) dende o cal podemos ver a escorreita fasquía de Peña Ubiña Pequena. Atravesamos uns arames, que separan as provincias de Asturias e León, para decidir por onde imos subir. Pola dereita temos unha canle pedregosa, Canal de Fana, que nos inza directamente ao cume pero, temos que tomar as debidas precaucións debido a desprendementos de pedras. A outra opción consiste en sobardar a ladeira sur - este cara ao Collado de Ronzón (1.937 m) para coller o camiño principal que sobe, primeiro por prado e logo por rocha sempre preto da aresta.

      De calquera maneira, a baixada facémola ata ao Collado de Ronzón por ser menos perigosa e unha vez abaixo seguimos a andaina polos prados de Riotuerto achegándonos á Ubiña Pequena (2.193), máis baixa pero que non desmerece a subida, incluso máis alpina ca súa irmán a Grande.

      Tanto si subimos a este cume ou non, os nosos pasos seguen  a través dos Puertos de Riotuerto para baixar polo Estrecho (1.750 m) que nos deposita na Veiga de Candioches.

       Nos primeiros pasos atopamos Los Ollones (1.678 m), buratos por onde se sume a auga, tendo que seguir en dirección norte por praderías camiño do Boquerón de Axeite. A baixada, evidente,  polo Puerto de Axeite lévanos a estrada do porto de La Cubilla, a altura dunha pista que entra a unha finca cercada. Seguimos pola estrada ata a primeira curva á dereita pola cal saímos para baixar de fronte polo Escobal e de novo pola estrada ata Tuiza de Arriba.