01 04 01 Rota do Cares (Valdeón) León (Cabrales) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Cabrales (Asturias) Valdeón (León)

PUNTO DE PARTIDA: Poncebos (220m)

ACCESO:Dende Oviedo a Cangas de Onís e de aquí a  Arenas de Cabrales, coller a estrada que leva a Poncebos, onde comezamos a rota.                              

HORARIO: 6/7 h              DESNIVEL: 720 m           DISTANCIA:18 km            

DIFICULTADE: Baixa/media             TIPO DE RUTA: Travesía

MAPAS: I.G.N. – 56 – I – 55 – II – IV – 80 - II 

SINOPSE: A Garganta do Cares constitúe un dos escenarios máis fermosos dos Picos de Europa. Chamada tamén La Garganta Divina, forma un tremendo desfiladeiro tallado nas rochas polas augas do río Cares.

            Por esta garganta descorre a famosa travesía que hoxe nos ocupa, angosta corredoira de pedra tallada a man para dar servizo a unha canle de auga que baixa dende Caín ata Poncebos para  mover as turbinas dunha central hidroeléctrica.

                                                              

DESCRICIÓN DA RUTA: O punto de comezo desta travesía sitúase en Puente Poncebos, onde iniciamos a camiñada con paso lento pero seguido para superar a  primeira pendente do día subindo en pequenos zigzags por pedra solta ata chegar ao lugar chamado Los Collaos. Aquí temos un singular farallón colgado moitos metros sobro do río fronte a unha enorme parede chamada Murallón de Amuesa.

      Merece a pena descansar aquí para contemplar a impresionante panorámica que nos ofrece a aínda ancha garganta do Cares. A partir de aquí  a marcha faise  mais cómoda, con un pasadío descenso que debemos pasar coas debidas precaucións tanto polas pedras soltas como polo caborco que temos á nosa esquerda. Quédannos uns poucos metros para acadar o camiño tallado sobro da rocha que xa vemos ao fronte coma unha liña branca.

      Tras esta baixada, a senda intérnase con pouca pendente pero con varias revoltas por un sinuoso trazo á dereita polos muros da  canle da auga encaixada nas paredes verticais da rocha, e a esquerda os cavorcos feitos pola erosión do río.

      A senda non ten perda ningunha, segue pola garganta cada vez máis estreita deixando tódalas sendas que saen á dereita ou á esquerda.

      Despois de camiñar varios metros debemos fixarnos nas canles de Sayagoe Estorez, profundos tallos entre os macizos de Ostón e Amuesa. Tras camiñar outros dez minutos encontramos as canles de La Paloma e Sabugo, comunicadas por unha ponte que atravesa o río (Puente Sabugo); aquí a senda comeza a xirar ao sur e a garganta parece volverse máis angosta.

      Un pouco máis tarde chegamos ata unhas cabanas, paraxe chamado Culiembro, xustamente debaixo da canle do mesmo nome onde existe unha fonte. Por esta última canle baixa un carreiro que vén da Majada de Ostón e que cruza o río pola ponte Pando para internarse entra ásperas paredes do Murallón deAmuesa.

      Nos seguimos sempre de fronte, por un val cada vez máis angosto; na distancia perfílanse outros dous novos cortes, son as canles de Raíz e das Párvulas por onde pasa un camiño procedente de Vega de Ario. Non tardamos en cruzar unha nova ponte (Puente de los Papos), que constitúe o límite entre Asturias e León. Penetramos  en terras leonesas e o sendeiro parece estreitarse máis aínda, só nos quedan cincocentos metros para superar a Canal de la Ria que  baixa pola vertente de enfronte, logo aparecerá  a mais famosa de todas estas bagoadas, a Canal de Trea que baixa dende a Majada de Ario. Unha célebre ponte colgante sobro das augas profundas aparece fronte a nos: Puente Bolín, pola que a senda cruza e avanza uns metros pola vertente oposta. O val está encaixado profundamente e uns metros máis adiante a senda volve a cruzar o río por outra ponte chamada dos Rebecos, recuperando así a marxe esquerda do río.

      A senda intérnase agora polo tramo máis angosto da garganta e encaixase profundamente na rocha por medio de varios túneles socavados nas paredes verticais de calía.

      Chegamos ate unha pequena presa onde ben merece a pena parar un pouco para contemplar a fervenza e a escala salmoeira. Mentres tanto a Canal de Dobresengros e o regato Casiellasbaixan polo outro lado dende o mesmo corazón do Macizo Central. Despois desta presa, ábrese a paisaxe e todo é menos agreste, aparecendo as primeiras casas do pobo de Caín. Apenas queda cruzar o río pola ponte dos Pinteros e xa entramos na aldea.

     Caín está rodeado de altísimos cumios: Jultayo (1.935 m.), Cuvicente (2.018 m.), Torreblanca (2.185 m.), Robliza (2.245 m.) e Torre dos Cabritos (2.018 m.).

     Deixamos Caín pola ponte Grandeonde temos á dereita unha enorme parede (Recollugo) e logo o desfiladeiro estréitase; seguimos a Canle de Moeño para cruzar pola Ponte de la Piedra e un treito máis adiante  a Puente Cancelis. Pasiño a pasiño vamos chegando ao lugar coñecido como El Valle, vamos camiñando sempre en paralelo ao río e subindo ata  A Peguera onde este regato verte as súas augas no Cares. Encamiñámonos cara o monte Corona no que atopamos unha singular construción: O Chorco de los Lobos; estrutura de pedra con planta circular  que se prolonga nunha empolicada de madeira. O chorco empregábase antigamente para coller lobos, especie relativamente abundante ata fai algúns anos.

     Tamén no monte de Corona, segundo as crónicas, foi coroado o Rei Pelayo por un grupo de seguidores e parte da poboación da zona as cales se refuxiaran nos Picos ante o avance musulmán. En Corona construíuse unha capela, Nuestra Señorade Corona que se festexa o oito de setembro.

     Deixando o monte de Corona o cal é o límite do Parque Nacional De La Montaña DeCovadonga, máis adiante temos o Mirador del Tombo, situado a 830 m de altitude; dende aquí o que máis  nos impresiona é posiblemente a grandeza dos farallóns calíos que flanquean o val xuntándose no  fondo para formar a garganta.

      Logo de descansar un pouco no miradoiro, cruzamos o río por unha vella ponte. Subindo, chegamos   a CordiñanesLos Llanos para entrar en Posada de Valdeón e rematar esta ruta.