01 07 25 Sotres – Vega de Urriellu – Poncebos (Cabrales) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Cabrales (Asturias) 

PUNTO DE PARTIDA: La Curvona

ACCESO: Pola AS – 114 ata Arenas de Cabrales onde, collemos a AS – 263 que vai a Sotres. Uns cincocentos metros antes de Sotres, nunha pronunciada curva á esquerda comeza a camiñada.                              

HORARIO: 4/5 horas                    DESNIVEL: 335 m de subida / 1.000 m de baixada                                  

DISTANCIA:            11 km              DIFICULTADE: Baixa   TIPO DE RUTA: Travesía                     

MAPAS: I.G.N. – 56 – I – III 

SINOPSE: A camiñada proposta atravesa polo Collado de Pandébano, dende o que temos unha boa vista o Picu Urriellu e outros cumes da vertente norte do Macizo Central. Baixa entre típicas brañas descubrindo a aldea de Bulnes dende arriba o que nos dá unha perspectiva distinta do lugar. Bulnes divídese en dous barrios: La Villa e El Castillo, este último situado nun outeiro fronte a Canal del Texu. Logo, a baixada, faise atravesando a fantástica Canal del Texu, saída natural de Bulnes ata a chegada do funicular.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Na Curvona (940 m), collemos a pista que sae á nosa dereita que nun primeiro tramo baixa ata os invernais de El Texu ou Cabao (880 m). A pista pasa entre cabanas para cruzar o río Duje por unha ponte, onde comeza a subida.

        A pista que, nos tramos máis pendentes está formigonada, sobe facendo varios zigzags ata o Collado Cuaceya, aínda que podemos atallar seguindo o sendeiro que atravesa os prados. Camiñamos pola pista principal deixando as brañas de La Roble e Canero, onde existe unha fonte. No remate da pista onde existe un aparcadoiro, subimos por camiño pendente ata o Collado Pandébano (1.218 m).

      A partir de aquí, o camiño comeza a baixar cara aos invernais de Entremosquines (1.180 m), que unha vez sobardados o camiño con tendencia á esquerda acada a braña de La Jelguera (1.100 m). Máis abaixo hai unha bifurcación onde o ramal da dereita vai a Arnandes, o cal rexeitamos para seguir agora en pronunciada baixada con tramos de camiño empedrado e esvaradío en caso de choiva.

      A seguinte braña é Cantiellu dende a que seguimos perdendo altura ata chegar a Bulnes de Abaixo ou La Villa (660 m), onde podemos facer unha parada para admirar este fermoso recuncho de Asturias ao que a día de hoxe aínda non chega o tráfico rodado.

      A partir desta aldea temos un cómodo camiño que pasa xunto a entrada do funicular. Levamos agora o regato de El Texu á nosa esquerda meténdonos na canle do mesmo nome que discorre entre o Murallón de Amuesa e os derrubes de Peña Maín.

       Logo de pasar o lugar de Las Salidas de Bulnes, cruzamos o río pola ponte  de El Jardu (260 m), chegando así a beira do río Cares o cal, atravesamos pola ponte de La Jaya (240 m). Temos agora unha pequena subida ata a pista que todo en baixada nos leva ao aparcamento (215 m), inferior do funicular onde remata esta travesía.

 Vega de Urriellu

       Quen queira ten a posibilidade de subir á Vega de Urriellu dende Collado Pandébano engadindo un desnivel de 685 m, 9 km de percorrido e unhas catro horas de andaina. Para iso, unha vez no Collado Pandébano (1.218 m) debemos coller o camiño que con dirección sur leste nos leva á Majada de La Terenosa (1.315 m). O camiño que, segue por riba do Monte de la Varera pasa polo lugar de Collado Vallejo (1.540 m) dende o que temos unha boa  vista do Picu. O sendeiro segue polo Jou Lluengo a través de Las Traviesas, pasadas as cales, emprende unha subida facendo innumerables zigzags ata o refuxio Delgado Úbeda, (1.903 m), situado na base do Picu Urriellu, (2.519 m).

      A volta facémola baixando polo camiño primitivo do refuxio. Dende a Vega de Urriellu seguimos en dirección á parte superior do Jou Lluengo collendo o sendeiro que baixa polas abas do Frailón ata a Majada de Camburero (1.340 m). Aquí o camiño xira á dereita para baixar a Canal de Camburero que remata no Jou Bajo.

      Temos uns cables que nos axudan nos pasos máis comprometidos da Garganta que unha vez sobardados déixannos na Canal de Balcosín. Por esta canle, o camiño ten menos pendente ata que chegamos a Voluga de Castisierra (800 m) dende a cal xa podemos ver a aldea de Bulnes (660 m).

      A partir desta aldea temos un cómodo camiño que pasa xunto a entrada do funicular. Levamos agora o regato de El Texu á nosa esquerda meténdonos na canle do mesmo nome que discorre entre o Murallón de Amuesa e os derrubes de Peña Maín.

      Logo de pasar o lugar de Las Salidas de Bulnes, cruzamos o río pola ponte  de El Jardu (260 m), chegando así a beira do río Cares o cal, atravesamos pola ponte de La Jaya (240 m). Temos agora unha pequena subida ata a pista que todo en baixada nos leva ao aparcamento (215 m), inferior do funicular onde remata esta travesía.