01 09 30 San Isidro – Peña del Viento – Brañagallones – Bezanes (Puebla de Lillo) León (Caso) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Puebla de Lillo (León) Caso (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Dende a estrada AS - 253, na entrada ao Valle de Wamba (1.450 m)

ACCESO: Dende Oviedo pola autoestrada a León, collendo o desvío pola AS-253, que vai ao porto de San Isidro e dous quilómetros máis aló temos o comezo da rota

HORARIO: 6/8 h                DISTANCIA: 22 km                           DIFICULTADE: Media

DESNIVEL: 280 m de subida; 1.072 m de baixada. (Subindo a Peña del Viento: 550 m de subida; 1.342 m de baixada)

TIPO DE RUTA: Travesía                   MAPAS: I.G.N. – 79 – I – II – III

SINOPSE: Travesía pola parte alta do Parque Natural de Redes, que atravesa o bosque de Brañagallones. Este bosque está situado na cabeceira do río Monasterio, zarrado polo sur pola Peña Los Fornos, Peña del Viento e os picos Rapaína e Rapaona, esténdese polo val do río, entre as serras de Brañapiñueli e Pintacanales, ocupando unha superficie de 600 hectáreas nas que a faia domina por riba de sorbas e acivros, chegando estes, a formar unha mancha forestal preto de Brañagallones

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Preto do porto de San Isidro en dirección a Puebla de Lillo, temos unha ponte sobre do regato Gavitos (1.450 m), xunto a que sae unha pista en dirección norte que vai subindo suavemente pola esquerda do val de Wamba entre pradeiras con gando pacendo.

Este camiño que se supón de orixe romano, foi máis tarde aproveitado polos arrieiros que en ambos sentidos transportaban produtos das súas comarcas  e comunicaba a terra leonesa da Venta de SanIsidro coa asturiana de La Felguerina.

       Esta cómoda subida achéganos a o cimbro Acebal que se atopa a 1.730 m de altitude despois de camiñar durante hora e cuarto. Esta zona e o límite entre as comunidades de Asturias e Castilla y León.

      Para subir a Peña del Viento, neste lugar deberemos tomar un sendeiro que vira ao xisgo cara ao leste, pasando xunto aos farallóns meridionais de Los Fornos por un terreo de herba e pedreiros, aquí temos a pendente máis pronunciada de todo o percorrido. Vamos subindo en zigzags por entre as penas de Pico Fornos e Peña del Viento ate unha campa. Aquí tomaremos un refolgo antes de acometer o  derradeiro aganchamento que acima no cristeirío de Peña del Viento (2.000 m). Dende este cume podemos ver, mirando ao sur, o cercán Rapaína (2.022 m), e máis lonxe a estación invernal de San Isidro; mirando cara ao oeste temos o Pico Torres (2.100 m) e cara o norte a inconfundible e alargada pena de Tiatordos (1950 m.).

      Aos nosos pés esténdese parte do Parque Natural de Redes, cheo de frondosos faiais e variada  fauna, tendo a braña de Valdevezón moi preto e, xa un pouco máis lonxe, Brañagallones (1.220 m), unha veiga que aparece entre o bosque e por riba dela o maxestoso pico de Cantu del Osu (1.800 m). Tamén dende o cumio de Peña del Viento, podemos achegarnos ao veciño Pico Fornos (1.932 m.) camiñando rumbo ao poñente por riba do cristeirío e asomándonos a vertical cara norte.

Baixada por Acebal

      Podemos baixar polo mesmo camiño ate o paso do cimbro Acebal para retomar o sendeiro cara a braña de Mericueria (1.350 m) onde temos unha fonte, proseguimos o camiño cara abaixo para internarnos nun frondoso bosque de faias. Todo o camiño a partir do cimbro de Acebal é baixada, primeiro por un sendeiro e logo xa por unha pista de excelente trazado e bo piso que nos leva nun entretido camiñar ata Brañagallones (1.220 m), fermosolugarcon varias cabanas en uso feitas de pedra e laxe.

       Na saída desta braña, temos outra fonte, a pista sempre con tendencia a baixada e paralela ao río Monasterio, vainos achegando a unha zona boscosa de faias e acivros, dando paso entre os altos paredóns da serra de Pintacanales ao túnel do Crestón -cavado nas rochas a golpe de pico - e facendo un brusco xiro a dereita dende o que temos un balcón natural do máis fermoso do percorrido.

       Seguimos o camiño que nos leva xunto a braña de Andorviu onde tamén temos unha fonte de fresca auga que nos convida a facer unha parada e a un ben merecido descanso. Van aparecendo outras brañas na ruta como son as de Biaiz, El Fondín e El Raigáu sempre en cómodo descenso ate chegar a unha paraxe de singular nome. El Texu L´Oración que segundo a lenda no pasado foi lugar de ritos pagáns, máis tarde cristianizados e asociados a esta árbore.

       Pasamos por unha zona de uceiras chegando a un frondoso bosque de castiñeiros que nos dan sombra no camiño, soamente aberto ao tránsito motorizado de servizo de explotacións e outros servizos públicos. E así chagamos a Bezanes (658 m) despois de percorrer fermosos paraxes aos que quedamos convidados a volver en posteriores e diferentes rotas das moitas que existen dentro do Parque Natural de Redes.