04 02 08 Ruta da Pelliceira (Ibias) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Ibias (Asturias)    

ACCESO: A San Antolín chégase pola estrada que sobe dende a Veiga a Garganta, dirección Fonsagrada e no Alto do Acebo collemos a dereita a estrada que vai a Ibias. 

HORARIO: 4 / 7 horas                    DISTANCIA: 8 / 17 Km.                 DESNIVEL: 450 m.

DIFICULTADE: Baixa / media                                     TIPO DE ROTA: Só ida / ida e volta

Nesta rota podemos escoller entre dúas opcións de: tempo, distancia e dificultade.

Tamén hai que destacar que parte do sendeiro é de incómodo andar, con algún tramo bastante encharcado, aínda que en ningún momento perigoso.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: A rota sae de Folgueiras de Boiro e descorre por camiño ben marcado, que baixa, atravesando un regato e un frondoso bosque de castiñeiros, carballos e rebolos. Durante esta baixada podemos observar antigos trobos construídos mediante o baleirado de troncos, moitas veces de cortizas (sufreiras), que se poñen sobre unha lousa (soleira) que os illa do chan e recubertos con unha tapa, tamén, de cortizas sobre a que se dispón unha segunda lousa de laxe.

            A dereita do camiño, podemos ver unha corripa, construción circular de pedra na que se almacenaban os orizos e castañas, despois de recollelas con unhas largas pinzas de madeira. Nestas corripas, almacenábanse os froitos durante un mes, tapados con maleza e ao abrigo da humidade, para que as castañas se curtiran e desprenderan mellor os orizos.

            Chegado ao segundo regato, onde podemos observar o tradicional rego dos prados, o camiño faise máis tortuoso e comeza a subida ata internarse nun frondoso bosque de carballos, polo que avanza atravesando varios regos e subindo e baixando continuamente. Unha vez fora do bosque, comeza unha forte subida que a través dunha vexetación de matorrais de piornos, nos leva a un cruce de camiños. Seguimos pola dereita polo sendeiro que vai a Arandoxo.

            Nesta braña os campos eran usados para o cultivo do centeo, despois de separar o gran da palla mediante a mallega, co gran elaborábase pan negro e a palla usábase para os teitos das pallozas. A braña de Arandoxo está hoxe en día deshabitada.

Dende aquí, quen queira pode dar a volta polo mesmo camiño ou seguir por pista para facer unha visita a aldea de Pelliceira, situada a cabalo entre Asturias e Lugo, a sombra do pico Surcio, facilmente recoñecible polo seu cume en forma de tetiña.

             

De calquera maneira regresamos polo mesmo camiño a Folgueiras de Boiro.