04 04 09 Val do Lóuzara (Folgoso do Caurel) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN:  Folgoso do Courel (Lugo) 

PUNTO DE PARTIDA: Valdomir

ACCESO:  No alto de Pedrafitacollemos a estrada que pasa por  O Cebreiro para, unha vez superado o alto do Poio, xirar á  esquerda camiño de Seoane e de Folgoso. Dende aquí o autobús baixará uns 3 km para deixarnos na ponte de Valdomir.

HORARIO:  4/5 h                           DISTANCIA:  12 km                 TIPO DE ROTA:  Circular

DESNIVEL:  250 m                         DIFICULTADE:   Baixa              MAPA:I.G.N. – 156 – IV

OBSERVACIÓNS: Temos que lamentar que O Courel non sexa precisamente exemplo de xestión no que atinxe á defensa da riqueza natural e da vida no rural fronte ao progreso mal entendido.

            Para os interesados no sendeirismo é difícil atopar  rotas nas que non predominen o alcatrán ou, en todo caso, as modernas pistas forestais. Os vellos sendeiros están case abandonados.

            Aínda así, pensamos que é un sitio que vale a pena visitar.

 

DESCRICIÓN DA ROTA:  Comezamos a rota en Valdomir, na ponte sobre o río Lor. Hai un bar restaurante no lugar por si a alguén lle interesa. Seguimos a estrada para salvar o único tramo con desnivel apreciable de toda a xornada. Valdomir está a uns 450 m de altitude, e a aldea de Eiriz, que é a nosa seguinte referencia, a 700 m. Chegaremos en aproximadamente unha hora de camiñada a este punto, que é o mais alto da rota.

            Na entrada de Eiriz acábase o alcatrán e a cousa mellora un pouco: os próximos quilómetros son por  unha pista de terra sempre en cómodo descenso, na que chama a atención a gran cantidade de ferro que ten a rocha do valado esquerdo. Á nosa dereita, anque moitos metros mais baixo, discorre o río Lóuzara formando un profundo val antes de xuntarse co Lor en Touzón. As alvarizas destacan  na ladeira de enfronte por onde logo imos pasar. Son construccións de pedra feitas para protexer as colmeas, e normalmente están en ladeiras soleadas porque os enxames rexeitan o frío.

            Chegados a Lousadela (1h 45’ aprox.) tomamos por fin contacto co Lóuzara. Imos camiñar agora seguindo a corrente do río en rumbo contrario ao que traíamos. Cruzando por entre as casas atopamos unha cancela de madeira que da paso a unha horta (deixar a cancela como estaba e non pisar no labrado) para de seguido chegar a un dos recunchos mais fermosos da rota: baixo unha ponte de madeira, o río forma un gran pozo de augas cristalinas azul-verdosas que logo caen  nunha pequena fervenza.

            Entramos agora nun sendeiro que serpexa sen desniveis importantes entre un manto de matueiro que case o pechan  nalgúns puntos. Alguén dixo que os toxos non pican se non se mira para eles. Teremos que ter coidado cos esvaróns sobre todo se o chan está mollado (esto afecta en especial a unha pontiña de paos sobre un rego).

            Pasada 1h 30’ dende Lousadela, e despois de camiñar uns metros pola pista que baixa de Folgoso, cruzamos de novo o Lóuzara xa preto do seu encontro co Lor. Estamos de seguida en Touzón. Dende aquí, e xa acompañando a este fermoso río, pasaremos por A Pendella para rematar a rota de novo en Valdomir (25’ dende a última ponte). Contando cos tempos de parada, o percorrido poderíanos levar unhas catro horas e media.

           

NOTA: Se queremos completar a xornada poderíamos subir dende Lousadela a Seceda (5 km ida e volta por estrada). Esta aldea, con clásica estructura medieval empoleirada, presume dunha fantástica restauración.