09 12 20 Desfiladeiro de Las Xanas (Proaza, Santo Adriano e Quirós) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: San Adriano e Quirós (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Área recreativa Las Xanas (San Adriano)(215 m)
ACCESO: Dende Trubia, unha vez pasada a ponte sobre o Nalón, coller a AS – 228 ata a área recreativa de Tuñón onde se atopa o monumento ao Oso Pardo, antes de chegar a Villanueva, a man esquerda, sae unha estrada que vai a Buseco e Tenebredo. Dende o aparcadoiro da área recreativa sae a camiñada.
HORARIO: 1h 30 m DESNIVEL: 335 m DISTANCIA: 4,5 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA:Travesía MAPA: I.G.N. – 52 – II
SINOPSE: As Xanas son persoeiros mitolóxicos asturianos, que viven nas covas, nas fontes e nas beiras dos ríos, tal como se atopa esta ruta, de aí o seu nome. Son de baixa estatura e moi fermosas, con cabelo loiro e moi longo, que suxeitan con cinta de perlas e flores. Vístense con túnicas prateadas e, a maioría, están encantadas. Posúen moitos tesouros e fan ricas ás persoas que as desencanten. Coidan do gando e na porta da súas casas fían madeixas de ouro que agasallan aos pastores e a aquelas persoas que as axudan. Teñen fillos e raptan aos fillos dos aldeáns e no seu lugar deixan os seus, os “xaninos”, para que os manteñan.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saíndo da área recreativa de Las Xanas, (215 m) e seguindo a estrada a Tenebredo uns 200 m, á dereita, atópase un cartel identificativo gravado en madeira como Ruta de Las Xanas. Dende alí parte o sendeiro, que en boa parte está labrado na rocha calía. Este sendeiro descorre pola marxe dereita do río Viescas ou de Las Xanas, con pouco desnivel e varios túneles que nos pasan nas zonas máis abruptas do recorrido.
O camiño, nalgúns tramos, chega a ir a 80 m sobre do río que, forma innumerables fervenzas. Gran parte do recorrido é a través dun desfiladeiro, considerado por algúns un Cares en pequeno.
Cando chegamos a altura da canle do río, atravesamos un bosque de faias e castiñeiros, cruzando logo, por unha ponte de madeira, tras deixar atrás un muíño en ruínas.
Quédanos a costa final, duns catrocentos metros, con tramos feitos en chanzos, pola beira dun prado, ou subindo directamente por el ata chegar a capela (550 m) de Pedroveya presidida por un teixo e adicada a San Antoño. Vemos a aldea xa preto á que chegamos en poucos minutos.