11 01 16 Ruta do Agüeira (Pesoz) Asturias
VER PUNTO DE SAIDA | VER TRAZADO DA RUTA | VER GALERIA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
De Pesoz a Argull polo muíño de Sequeiro
SITUACIÓN: Pesoz (Asturias)
ACCESO: A Pesoz chégase pola estrada que dende a Veiga sobe a Garganta, logo aquí collemos a esquerda cara Vilanova e San Martín d´Oscos e sen desviarnos chegamos a Pesoz. A Pesoz tamén se vai dende Navia pola estrada que sobe a Grandas de Salime.
HORARIO: De 3 a 4 horas. DIFICULTADE: Baixa
DESCRICIÓN DA ROTA: Esta andaina comeza na vila de Pesoz collendo o antigo camiño que vai a Vilarmarzo. Logo de pasar xunto ao albergue comeza a baixada cara ao río Augüeira ao amparo de frondosos castiñeiros. O camiño cruza o río por unha vella ponte subindo pola ladeira do monte que temos enfronte. Tras unhas cantas pegadas atopamos unha desviación á esquerda máis nós vamos de fronte para seguir gañando altura, atravesando un frondoso souto ata que aparece unha sinal nunha bifurcación. Aquí temos dúas opcións: Podemos seguir de fronte para facer unha visita ao mazo de Mon, cun percorrido de 4 km ida e volta, ou xirar á dereita, sendeiro que debemos coller de calquera maneira, para baixar ate a mesma cunca do río Ahío.
Aparece un pontello de madeira para cruzar o río e, un pouco máis abaixo, as ruínas do muíño de Sequeiros. Antes de proseguir podemos descansar un anaco neste sitio tan acolledor pois a rota de hoxe e curta e sóbranos moito tempo.
Tras esta parada comezamos o segundo tramo desta andaina, unha longa subida pero de pouca pendente para pasar debaixo do CerroPayalín.
O noso camiñar segue pola esquerda subindo pola ladeira debaixo de piñeiros e castiñeiros ate que rematamos chegando a unha pista. Cruzamos e seguimos de fronte avanzando pola ladeira do monte de La Gamallosa no camiño no que nos vai achegar a capela de San Miguel.
Seguimos faldreando a media ladeira entre prados e terras de labranza saíndo ao remate a unha pista asfaltada que en pouco máis de trescentos metros levaranos a Argul.
A esta singular aldea imos adicarlle un anaco de tempo do noso percorrido. Argul e un singular conxunto arquitectónico tradicional que nos fai lembrar tempos pasados, con casas de paredes de pedra con teitos de laxe e pasadizos escavados nas rochas que antigamente comunicaban as casas.
Xa solo nos falta volver ao punto de saída: Pesoz. O derradeiro tramo do percorrido de hoxe segue pola pista da entrada de Argul, sempre a media ladeira e baixando paseniño polo monte durante dous quilómetros ate chegar de novo o río Augueira moi preto da confluencia co río Ahío.
Cruzamos o río pola ponte aparecéndonos unha volta a esquerda, e uns metros máis aló collemos un carreiro á dereita que superando unha forte pendente nos leva ao punto onde comezamos a andaina.