11 04 21 Canón do Ebro (Valle de Sedano) Burgos
VER PUNTO DE SAÍDA | VER TRAZADO DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
SITUACIÓN: Valle de Sedano - Comarca de Páramos (Burgos)
PUNTO DE PARTIDA: Valdelateja (680 m)
ACCESO: Dende a autoestrada A – 8 cóllese a saída 223 para seguir pola N – 623 ata preto de Valdelateja onda saímos pola BU – V – 5142.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 300 m DISTANCIA: 15 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 135 – I
SINOPSE: O río Ebro entra na provincia de Burgos facendo un fondo canón que chega ata os 200 m de profundidade nalgunha zona. Debido ao microclima formado nestes vales, a vexetación de especies vexetais é sorprendente permitindo manter especies mediterráneas que contrastan coas especies atlánticas, estando os bosques de ribeira moi ben conservados, polo que a zona está declarada como Parque Natural.
DESCRICIÓN DA RUTA: Collemos o sendeiro PRC – BU 1 que nos amosará distintas perspectivas do canón, polo que o recorreremos polo seu interior e tamén pola zona alta e escarpada.
Dirixímonos cara á ponte sobre o río Rudrón onde existe un cartel identificativo da ruta. Cruzamos a ponte e xiramos á esquerda, seguindo as marcas do sendeiro que nos axudan a seguir o itinerario. Primeiramente o sendeiro intérnase no bosque de ribeira do Rudrón, onde pouco tempo despois, o río tributa as súas augas ao Ebro.
Agora seguimos pola marxe dereita deste, entre a espesa vexetación que de vez en cando se arrara para deixarnos botar unha ollada as paredes do canón. Despois dunha curva cerrada do río, lévanos o sendeiro ao encontro dunha pontiña (640 m) pola que temos que cruzar a marxe oposta.
Logo atoparemos unha pequena central hidroeléctrica, polo medio da arborada que en zonas é tan mesta que forma un verdadeiro túnel. Imos achegándonos a Pesquera de Ebro (640 m), onde se abre o val suavizándose a paisaxe, dando paso a unha veiga onde abundan os choupos.
Facemos unha parada en Pesqueras para coñecer as casas señoriais e pazos cruzando de seguido o río Ebro por unha ponte medieval. Do outro lado temos a ermida de San Antoño. A partir de aquí, seguimos pola estrada uns dous quilómetros e medio.
Chegado a unha sinal que indica a Cortiguera (780 m), abandonamos a estrada collendo unha pista que vai pola dereita. Pasamos o barranco de Turriente subindo pola pista ata a aldea de Cortiguera, case en estado de abandono.
Saímos deste lugar por un camiño entre terras de cultivo que a modiño nos vai inzando á parte superior do canón. Pola nosa dereita aparecen algúns carreiros que nos permiten achegarnos a beira do canón para observar dende este lugar os meandros do río. Máis adiante temos máis puntos de observación ata que o camiño muda de dirección dirixíndose cara ao sur onde seguimos, na seguinte variante, polo camiño da dereita que nos leva atravesando un caxigal á parte superior do canón, lugar situado xusto enriba de Valdelateja.
Podemos observar o lugar que ocupa, nun outeiro, a ermida de Santa Centola e Santa Elena así como, mirando ao ceo, podemos descubrir voitres voando.
Agora o camiño, nunha forte baixada vai debeñando ata que máis tarde se suaviza para entrar de novo en Valdelateja.