25 04 19 TRILHO DE SOAJO

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Parque Nacional da Peneda – Gerês (Arcos de Valdevez) 

PUNTO DE PARTIDA: Soajo (285 m)

ACCESO: A Soajo chégase desde a estrada N-203 no lugar de Paradamonte, collendo a N-304

HORARIO: 6/7 h                           DESNIVEL: 950 m              DISTANCIA: 17 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Ponte do río Adrâo (164 m)            COTA MÁXIMA: Pena Redonda (880 m)

MAPA: Carta Militar de Portugal –Folha 17

SINOPSE: Soajo é unha das aldeas máis típicas e pintorescas da rexión. Foi vila e sede do concello entre 1514 e mediados do século XIX. Pertence ao concello de Arcos de Valdevez estando abicada nunha das vertentes da serra de Soajo.

            A vila de Soajo é moi coñecida polo seu extraordinario núcleo de hórreos, construídos sobre unha gran lousa de granito.

            No centro histórico da vila está o Largo do Eiró e a Picota de Soajo que debemos visitar. A arquitectura local e as rúas con piso de granito polas que camiñaremos conservan un aire medieval.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada comeza no aparcadoiro público de Soajo collendo a rúa que sobe a igrexa parroquial. Camiñamos polas rúas empedradas desta fermosa poboación para saír pola zona norte onde temos unha sinal nunha parede de unha frecha xunto a unha marca amarela e vermella.

            O camiño empedrado sobe en dirección norte chegando de seguida ás ruínas dos Moinhos da Cruz (410 m) e un pouco máis arriba sitúase a Branda do Murço (470 m). Aquí temos que prestar atención porque neste cruce de camiños temos que seguir na mesma dirección que traíamos. Seguimos en suave ascenso ata outra encrucillada de camiños onde comeza unha lixeira baixada que remata na Branda da Bordença (585 m).

            Atravesamos o río por unha ponte logo da cal cambiamos a rumbo nordeste seguindo o camiño que nos leva a capela de Nossa Senhora da Paz (660 m). En suave baixada, o camiño, pasa xunto ao cemiterio para entrar en Adrâo pola parte sur da poboación. Pasamos xunto a outra capela situada no centro do pobo e cruzamos este ata saír pola zona norte.

            Na saída da poboación comeza unha subida facendo varios zigzags, pasa xunto á casa de abrigo de Adrâo e sae á estrada asfaltada. Cruzamos de fronte onde vemos as marcas amarelas e vermellas seguindo o camiño que un pouco máis arriba nos levará a cruzar de novo a mesma estrada.

            Estamos na zona do Cerqueiral, onde existe unha ampla explanada xunto á estrada. Xunto á esta explanada sae un camiño que sobe pola ladeira de Pena Redonda (880m) punto máis alto deste percorrido.

            A partir de aquí, comeza unha longa baixada. Chegamos a unha pista asfaltada onde hai unha explanada que atravesamos para seguir unha pista de terra. A poucos metros temos unha desviación á esquerda que nos achega ao miradoiro do Cabeço da Trapela onde temos unha boa panorámica. A pista segue baixando para bordear Cabeço de Paranhos onde hai unha edificación para antenas. Logo de deixar a pista de acceso a estas instalacións, o camiño perde entidade como tal, pasando a ser un carreiro que baixa a Cunhas onde cruza a estrada á altura da capela.

            Ao outro lado da pista asfaltada, sae o camiño empedrado do Alto da Barreira que axiña vira en dirección oeste para pasar xunto a o miradoiro de Cunhas que nos ofrece unha boa vista do meandro do río Lima e a poboación de Cidadelhe do outro lado do río.

            O camiño segue en suave descenso para cruzar por unha ponte (164 m) o río Adrâo. Xa pouco nos queda para chegar a Soajo. Subimos polo camiño ata a estrada asfaltada que seguimos ata o aparcadoiro pasando xunto aos espigueiros.