11 06 18 Muíños do Folón e Picón (O Rosal) Pontevedra
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
Muíños do Folón e Picón
O conxunto histórico-etnográfico dos Muíños do Folón e Picón na Vila do Rosal o forman 67 muíños hidráulicos que foron declarados Ben de Interese Cultural en 1998. Premios como o Agader ao embelecemento do medio rural no 2003 ou a homologación da súa ruta de sendeirismo pola Federación Galega de Montañismo (PR-G 94), fan deste enclave rosaleiro un punto de referencia turístico no Baixo Miño.
Dende o Concello ofrécese a posibilidade de realizar rutas guia¬das polos muíños.
Cunha distancia de 3’5 km o seu tempo de realización é de preto de hora e media.
Para quen se decidan por esta opción, no primeiro muíño do Folón, o “das Laxes”, e se a forza de auga o permite, faise unha demostración de moenda para admirar a conversión do millo en fariña e explícase o seu funcionamento. Aquí lémbrase aos visitantes que estes muíños son dos séculos XVII-XVIII, que foron obra dos veciños de Martín e Picón (xuradía de Fornelos) e que nunca tiveron dependencia algunha, tal e como se pensaba, dos monxes do Mosteiro de Santa María a Real de Oia. Na actualidade están cedidos polos seus propietarios ao Concello do Rosal por 25 anos para explotación turística.
Seguidamente comezamos o percorrido ascendendo pola vertente dos 36 muíños do Folón, que consta de tres sectores. O sector inferior (muíños 1-9), o medio (10-15) e o sector superior (muíños 16-36). Este último sector de 22 muíños resulta algo verdadeiramente único no mundo, xa pola súa sensacional disposición, xa polo seu atractivo impacto visual, situados un tras outro en forma de escaleira ou fervenza para aproveitar o paso da auga e aumenta-la súa forza motriz.
Ao longo deste percorrido observamos multitude de gravados inscritos (iniciais, apelidos, nomes, cruciformes…) tanto no traxecto do sendeiro como por suposto, nos propios muíños.
Pozas e fervenzas naturais acompañan ao sendeirista neste paseo pola cultura e a tradicións populares rosaleiras.
Unha vez enriba, no Chan da Cereixeira, e despois de ter subido tódolos muíños do Folón, podemos admirar unha das vistas máis impresionantes do Baixo Miño e aínda de Galicia: a desembocadura do río Miño, o Val do Rosal, o Monte de Santa Tegra ou o país veciño Portugal.
Antes de comezar a baixada polo Picón (integrado por 31 muíños) detémonos no Nivel e alí ollamos unha pedra con catro buracos que ao final sería fundamental para a distribución equitativa da auga e evitar desta maneira os continuos conflitos entre os veciños de Martín e Picón.
Descendendo xa por Picón contemplamos que algúns dos seus muíños teñen tamén un alboio ou cobertizo para os animais. As pías do penso, as argolas para suxeitar as bestas ou os pousadoiros están igualmente presentes por esta ladeira.
Rodea estes muíños o “Camiño dos frades” ou “Camiño do Carro”, advertíndose as sensacionais pegadas ou sucos que as rodas deses carros fixeron co paso dos anos. Cada 11 de novembro discorre por esta vía a tradicional festa-romaría de San Martiño (con capela neste monte do “Campo do Couto”) tendo como punto de partida a Praza do Calvario.
A ruta dos Muíños do Folón e Picón é, sen dúbida no Baixo Miño, símbolo de contacto coa natureza, coa cultura e a historia dos nosos devanceiros.