25 07 19 PENÍNSULA DE BEZOUCOS

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Costa Ártabra - Mugardos e Ares ( A Coruña)

PUNTO DE PARTIDA: Ponte do Baño (Mugardos) (5 m)

ACCESO: Pola A-8 ata Vilalba, logo pola AG-64 ata As Pontes. Aquí coller a AC-564 e AC-563 ata O Pereiro onde nos desviamos pola VG-1.2 en dirección Ares Mugardos.

HORARIO: 4/5 h                          DESNIVEL:  470 m             DISTANCIA: 16,5 km

DIFICULTADE: Baixa                    TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Punto de saída (5 m)

COTA MÁXIMA: Miradoiro de Bailadora (224 m)

MAPA: I.G.N. – 21 – II

SINOPSE: O gran Golfo Ártabro é un segmento da costa atlántica intercalado entre a Costa da Morte e as Rías Altas que comprende os concellos de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Mugardos e Ares e as rías de A Coruña, Betanzos- Ares e Ferrol.

            Aínda que foi acuñado polo xeógrafo Otero Pedrayo, xa os romanos se referían a este lugar  como Pontus Magnus Artabrorum. O Arco Ártabro é un lugar máxico, onde o mar e a terra parecen pelexarse por gañar terreo o un ao outro, deixando unha mar esbravexada enfrontando os fermosos cantís coroados polo singular verde de Galicia.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta ruta comeza na enseada de Baño seguindo unha pista asfaltada durante 300 m onde unha frecha verde pintada nun poste da luz nos indica que temos que coller un camiño pola dereita o que se chama Camiño Real de Mugardos.

            Este camiño vai a carón da ría de Ferrol,  preto da enseada de Baño, pasa xunto ao lavadoiro de A Redonda e a aldea do mesmo nome para saír logo á estrada asfaltada. Camiñamos agora por esta estrada comezando a xirar cara ao oeste na Punta de A Redonda.

            De seguida temos o faro da Baliza do Castelo da Palma e o castelo propiamente dito. Deixamos o castelo á nosa dereita para seguir bordeando a enseada de Nande pasando xunto á fonte de San Martín e as ruínas de Segano.

            No remate da enseada de Nande, á dereita temos a pequena praia de e as ruínas do castelo de San Martín, que podemos visitar desviándonos uns metros do camiño.

            Seguimos a camiñada con a ría á nosa dereita, pasando xunto a un parque de merendas para chegar á Punta Segaño onde existe un emprazamento abandonado de baterías de defensa da ría. O camiño xira á esquerda para bordear a enseada de Chanteiro e a praia do mesmo nome.

            O camiño segue cara á Punta Coitelada, que separa as rías de Ferrol e Ares, e a enseada do Areoso onde comezamos a afastarnos do mar. Chegamos a unha estrada asfaltada no lugar de Chanteiro onde collemos á dereita para seguir un anaco por  ela. Axiña aparece unha pista á esquerda pola que seguimos e comezamos unha suave subida que nos levará ao punto máis alto deste percorrido.

            A pista entronca nun cruce con a estrada DP- 0402 xusto no quilómetro 4,75. Seguimos esta estrada pola esquerda en sentido ascendente ata a primeira bifurcación onde collemos o ramal da dereita que indica Punta Segaño. Solo van ser uns metros porque na seguinte bifurcación, deixamos esta pista para seguir pola dereita ata a seguinte bifurcación onde collemos á esquerda camiño de Monte Faro. Un pouco despois aparece o mosteiro de Santa Catalina que posúe unha zona de xardín con bancos. Desde aquí uns setecentos metros máis de andaina e chegamos ao punto máis alto do percorrido; o miradoiro e os restos da batería da Bailadora. Desde este lugar temos unha espléndida vista da ría de Ferrol.

            Podemos facer unha longa parada xa que desde aquí ao punto de saída solo quedan dous quilómetro e todo en baixada. Xunto ao cartel que nos explica o que foi a batería da Bailadora parte un carreiro que baixa monte a través ata unha pista asfaltada pola que seguimos baixando ata que entroncamos con outra máis importante xunto a unha fonte. Sen perda ningunha seguimos a baixada que de seguida chega á enseada de Baño.