12 06 16 Ruta do Ulla (Touro) A Coruña
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
SITUACIÓN: Touro (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: Área recreativa de Santaia (300 m)
ACCESO: Na estrada C – 547 que vai de Santiago a Lugo, cóllese, logo de pasar Arzúa en dirección Santiago, a AC – 240 que cruza o concello dende Arzúa a Ponte Ulla.
HORARIOS: 3/4/6 horas DISTANCIAS:10/15/25 km
DIFICULTADE: Baixa ou Media TIPO DE RUTAS: Travesías
MAPAS: I.G.N. – 95 – IV – 121 – II
OPCIÓNS: Pódese facer o primeiro tramo de 10 km, o segundo de 15, ou ben os dous.
DESCRICIÓN DAS RUTAS: Santaia – Ponte Basebe: Esta ruta transcorre a través das parroquias de Touro, Fao, Cornado e Novefontes. Ten case toda ela boa accesibilidade se ben ten zonas con matueiro que fan máis dificultosa a camiñada.
Saímos da área recreativa de Santaia (300 m) para achegarnos despois de dous quilómetros de camiñada pola beira do río aos Muíños da Carballa, que foron rehabilitados recentemente.
Uns dous quilómetro máis adiante, no medio dunha fermosa paraxe temos a fervenza do Salto das Pombas, xa na parroquia de Cornado. Seguimos a andaina para achegarnos a Ponte da Laña, onde podemos apreciar a beleza paisaxística que nos ofrece a desembocadura do río Lañas no Ulla, logo no remate desta primeira etapa unha carballeira xunto co remanso do río Ulla invítannos a facer unha parada en Ponte Basebe (120 m), lugar onde remata o primeiro tramo.
Ponte Basebe – San Pedro de Ribeira: Fao, Novefontes e Ribeira son as parroquias polas que transcorre este tramo do río Ulla.
En Ponte Basebe (120 m) parte este percorrido que como o anterior segue o leito do río Ulla. Despois de catro quilómetros de camiñada aparece a Fervenza do Inferniño, unha das zonas máis destacadas deste recorrido. Seguindo o camiño pasamos xunto aos muíños de Quintas e logo o Pazo de San Cristovo onde é parada obrigada para contemplar, aínda que en ruínas, os restos que albergaban aos antigos señores desta zona.
Máis adiante temos a Fervenza de Pena, menos impresionante ca anterior, pero que ben merece unha ollada . Entramos no Bosque de Pego, a partir do quilómetro oito aproximadamente onde unha gran frondosidade de moita extensión ocupada por especies autóctonas ben conservadas, facendo un enclave moi destacado desta ruta.
Preto do remate da ruta temos o Pozo do Pego no medio dunha impresionante masa forestal e xa, de seguida chegamos a San Pedro de Ribeira, onde remata esta andaina.