24 11 16 RUTA DO RÍO ALBA

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Sobrescobiu (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Soto de Agues (436 m)

ACCESO: Pola estrada AS – 117 que sobe ao porto de Tarna ata Rioseco. Aquí cóllese á dereita a SC-2 que cruza o río Nalón. Desde Rioseco hai uns 3,6 km ata Soto.

HORARIO: 4/5 h                              DESNIVEL: 360 m                DISTANCIA TOTAL: 14,2 km

DIFICULTADE: Baixa                       TIPO DE RUTA: Ida e volta

COTA MÍNIMA: Soto de Agues (436 m)     COTA MÁXIMA: Cruz de los Ríos (783 m)

MAPAS: I.G.N. – 54 – III – 79 – I

SINOPSE: Aínda que parece un título dun poema, trátase dunha auténtica camiñada. A ruta do río Alba é un dos percorridos máis alcanzable e fermosos dentro da natureza asturiana. Discorre paralela ao río Alba por un antigo camiño. Quizás o tramo máis fermoso sexa onde o camiño transcorre polas Foces de Llaímo ata o seu remate na Cruz de los Ríos.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: En Soto de Agues, fermosa aldea con hórreos e balaustres de castiñeiro, collemos unha pista de uso restrinxido a vehículo, polo que antigamente utilizaban os pastores e arrieiros para ir ao val veciño de Aller.

            Pasada a piscifactoría, o camiño intérnase polas angosturas do río Alba. Polos dous lados as ladeiras da montaña aparecen cubertas de castiñeiros e algunha mancha de carballo.

            De seguida chegamos á paraxe de Campurru, onde se conservan aínda as ruínas dos cargadeiros da mina Carmen, situada na lomba de Pandanes en pleno monte Llaímo. Foi Durofelguera quen sacou o ferro desta explotación desde o ano 1922 ata 1967.

            Un pouco máis adiante chegamos as brañas de La Vega, encrucillada de camiños onde remata a pista. De fronte segue o estreito carreiro que penetra nas Foces de Llaímo. Agora o camiño discorre entre altas paredes verticais sendo de cuarcita ao primeiro e calcarias despois. O camiño tallado na rocha vai bordeando o rego onde se suceden pequenas fervenzas de ata dez metros de altura, rápidos e pozas.

             A ambos lados do camiño medran en gretas numerosas faias, teixos e tilleiros; e se prestamos atención tamén podemos ver exemplares dunha planta carnívora facilmente recoñecible polos restos de pequenos insectos que se atopan atrapados nas súas pegañentas follas. A Tirigaña.

            Cruzamos pequenas pontes de medio punto construídas con cachotería de pedra calcaria, apoiados sobre as paredes das rochas. A Pontona primeiro e a Resquiebra despois, acadando desta maneira o remate das foces na Cruz de los Ríos onde a paisaxe se abre repentinamente nunha paraxe de praderías dominadas polos faiales de LLaímo. Neste lugar existe un pequeno refuxio e algunhas mesas de madeira.