24 09 22 A POBRA - MANZANEDA - SOUTO DE ROZABALES

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Trives e Manzaneda (Ourense)

PUNTO DE PARTIDA: A Pobra de Trives (750 m)

ACCESO: Desde a N-120, saír en dirección a Rairos e logo pola P-5303 ata Ribas de Sil. Aquí cóllese a P-5301 e logo a OU-0705 que empalma con a OU-536 pola que seguimos ata A Pobra de Trives.

HORARIO: 4/5 h                           DESNIVEL: 400 m              DISTANCIA: 15,5 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Primeiro cruce do río San Lázaro (600 m) 

COTA MÁXIMA: A Penela (800 m)

MAPAS: I.G.N. – 189 – IV – 227 – II 

SINOPSE: O Souto de Rozabales ten unha extensión de 1,8 ha. As árbores do souto están enxertadas e durante séculos foron aproveitadas para a recollida de castañas. O souto está dentro dunha ruta turística creada pola Xunta de Galicia que se chama Ruta do Castiñeiro de Pumbariños. Esta árbore senlleira da especie castanea sativa mide máis de 12 metros de perímetro, as súas polas principais son entre 6 e 8 metros e a súa copa abrangue un diámetro de 20 metros. Calcúlaselle unha idade de cincocentos anos polo que sería unha das árbores máis vellas de Galicia.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada arranca no centro da poboación de Trives, baixando pola estrada que vai ás piscinas municipais, que deixamos á esquerda. Un pouco máis abaixo atravesamos a estrada OU-636 para coller unha pista enfronte que segue baixando cara ao pazo da Corga é uns metros máis adiante, xunto as casas de O Mato, xiramos á dereita, dirección sur, polo camiño que nos vai levar ao souto de As Fontelas.

            Seguimos baixando para atravesar o río Cabalar pola ponte de pedra pasando xunta ás ruínas dunha antiga fábrica de chocolate abicada nunha paraxe chea de historia, xa que a persoa que levantou esta fábrica, en vez de moer fariña como todo o mundo deulle por moer grans de cacao e fabricar un dos mellores chocolates de España que ata lle fornecía a Alfonso XIII.

            Comezamos a subir e de novo saímos á estrada OU-636 onde xiramos á dereita para camiñar por ela en dirección á Fonte Cabalar que está na beira da estrada. Uns metros antes da fonte, sae un camiño á esquerda que é polo que temos que continuar, en dirección sur. O camiño pasa por debaixo do tendido eléctrico na zona de Os Salgueiros e segue subindo ata a Millarenga para entrar no núcleo de Sobrado.

            En Sobrado temos os pazos do Saído e do Cobato, ademais do Mosteiro de Sobrado e a igrexa de San Salvador, a Torre das Campás e un cruceiro. Seguimos o camiño que pasa pola parte traseira do cemiterio atravesando a zona de viñedos de A Abeleira e por camiño limitado por paredes de pedra no lugar de A Ladeira chegamos ao río San Lázaro, que separa os concellos de Trives e Manzaneda.

            Cruzamos o río e comezamos a subida á vila medieval de Manzaneda que cruzamos de norte a sur. Á entrada temos a Torre dos Barcia desde a que seguimos pola rúa central da poboación para saír pola Porta da Vila.

            Camiñamos poucos metros para coller un camiño á dereita o camiño indicado como Castiñeiros de Pumbariños. Axiña chegamos a unha bifurcación onde hai unha fonte. Temos que coller o ramal da dereita seguindo as indicacións do cartel que hai xunto á fonte. O camiño pasa pola Fatirla e Os Chaos do Pisco onde levamos unha canle de auga á nosa esquerda. Cruzamos esa canle máis arriba e seguimos subindo para entrar no Souto de Rozabales onde se atopa o Castiñeiro de Pumbariños na parroquia de San Martiño de Manzaneda.

            Desde este lugar saímos en dirección oeste para volver a cruzar o río San Lázaro e despois virar ao norte. Pasamos xunto ao sequeiro de Cazapedo, cruzamos o río de O Souto e as aldeas de O Souto e O Penedo. O camiño segue cara ao norte ata A Picoxa onde cambia a rumbo oeste pola zona de Cubelos. Atravesamos o río Cabalar e logo de pasar as Ladeiras incorporámonos á estrada asfaltada pola que seguimos ata A Pobra.