24 12 21 DO ALTO DO PORTELO A BALBOA

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Balboa (León)

PUNTO DE PARTIDA: Alto de O Portelo (1.066 m)

ACCESO: Dende a A – 6 saír en Pedrafita do Cebreiro. Alí cóllese a LU – P – 4504. De Pedrafita do Cebreiro ao Alto do Portelo hai uns 8,5 km

HORARIO: 3 horas            DESNIVEL: 370 m de baixada               DISTANCIA: 9,5 km

DIFICULTADE: Baixa        TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Balboa (700 m)             COTA MÁXIMA: Alto de O Portelo (1.066 m)

MAPA: I.G.N. – 125 – IV

SINOPSE: Balboa pertence á comarca de O Bierzo, ten soamente 50 habitantes, uns 300 en todo o concello. É a porta de entrada aos Ancares leoneses, preto dunha fronteira montañosa de Lugo, León e Asturias, sendo tamén a localidade máis accesible e con máis pallozas de toda a Serra de Ancares, un lugar cunha paisaxe de conto onde conviven dúas linguas, o castelán e o galego.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Xusto no cruce do alto de O Portelo sae unha pista asfaltada que baixa en dirección a Castiñeiras e Vilanova. Cando levamos cincocentos metros andados chegamos a Castiñeiras (1.040 m) lugar que atravesamos polo medio para seguir baixando ata Vilanova (980 n) logo de camiñar 1,5 km.

            Aquí remata a pista de asfalto polo que seguimos por pista de terra que baixa polo souto ata cruzar un regato, logo do cal, pasamos polo fondo dun prado e en leve subida chegamos a Paraxís (880 m)

            Xusto á entrada desta aldea temos sinais da ruta que baixa a Balboa pero antes temos que achegarnos á aldea para percorrer esta pequena aldea rodeada de carballos e castiñeiros onde se atopa, xusto na entrada, a ermida do Anxo da Garda. Este edificio está en bo estado de conservación e ten un tesouro único: a imaxe do Anxo xunto a outra do demo, chamado O Demín de Paraxís onde a lenda di “Con o Demín mellor non meterse”

            Saímos de novo da aldea buscando as sinais do carreiro que nos vai levar a Balboa. Ao pouco de saír o carreiro ten unha boa pendente en baixada para ir a buscar a beira do río.

            Cruzamos o rego Ruidelobos (820 m) por unha ponte para xirar á dereita e pasar xunto a unha pequena fervenza. Máis abaixo temos unha segunda ponte e outra pequena fervenza. O camiño segue en baixada pola beira do río pasando xunto á unha cabana en ruínas, cruzando de seguida o Rego dos Lobos.

            O camiño baixa continuamente entre a foresta, agora dentro dunha espesa carballeira, seguindo a canle do río Balboa. Temos outra pequena fervenza e unha ponte de madeira (750 m). A partir de aquí, comeza unha pista pola que camiñaremos dous quilómetros ata Balboa.

            Máis abaixo temos unha bifurcación onde o ramal da dereita sae á estrada asfaltada, polo que seguimos pola esquerda para entrar en Balboa xunto ao bar - tenda hórreo Ribada.

            De fronte, no alto podemos ver o castelo entrando xa en Balboa, onde damos por rematada esta fermosa travesía.