24 08 30 IBÓN DE PIEDRAFITA - PEÑA TELERA
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Biescas (Huesca)
PUNTO DE PARTIDA: Piedrafita de Jaca (1.250 m)
ACCESO: A Piedrafita de Jaca chégase desde a estrada que A - 136 que vai de Biescas a Francia.
HORARIO: 5 - 9 h DESNIVÉIS: 550 m - 1.750 m DISTANCIA: 15 - 25 km
DIFICULTADE: Media / Alta TIPO DE RUTAS: Circulares con tramo de ida e volta
COTA MÍNIMA: Piedrafita de Jaca (1.250 m)
COTA MÁXIMA: Ibón de Piedrafita (1.620 m) Peña Telera (2.762 m)
MAPA: Valle de Tena de Editorial Alpina 1:25.000
SINOPSE: Desde o aparcadoiro público de Piedrafita, saímos cruzando esta fermosa localidade pasando xunto ao refuxio Telera onde xiramos á esquerda e un pouco máis adiante saímos da poboación pasando xunto ao albergue Bosque de Betato. Na seguinte bifurcación da pista collemos o ramal da dereita e uns metros despois temos outra bifurcación.
Nesa bifurcación seguimos tamén pola dereita baixando lixeiramente no primeiro tramo que nos leva ao misterioso bosque de faias de El Betato, que alberga historias e lendas de bruxas. Mentres camiñamos temos boas vistas do Val de Tena, o encoro de Búbal e da Serra de Tendereña.
O trazo do carreiro atravesa en subida, con algúns tramos empinados o bosque cun maior valor botánico da comarca do Alto Gállego. Mentres subimos, atopámonos con a pista asfaltada pola que camiñamos a tramos collendo atallos varias veces.
Un destes atallos achéganos ao fondo do Barranco de Boj (1.560 m) polo que subimos polo carreiro que vai paralelo ao barranco. Á nosa dereita queda o refuxio de Las Planas ou Telera e remontando este barranco chegamos ao Ibón de Piedrafita (1.620 m) situado aos pés de Peña Telera. Ata aquí o tramo compartido das dúas rutas.
Desde o Ibón de Piedrafita, seguimos en dirección sur leste baixo os derrube das penas de Peña Telera seguindo un ancho e cómodo carreiro de pedras, terra e herba. O seguinte destino é o arco natural de Piedrafita polo que vamos seguindo as marcas pintadas sobre as rochas e sen perda pasamos xunto a un pequeno refuxio encaixado nas rochas, e logo chegamos a un pequeno chan herboso desde o que distinguimos perfectamente o arco.
A subida ata o arco non é sinxela, no comezo non é moi pendente pero despois ten unhas ramplas moi duras sendo o carreiro por unha pedreira. Hai que estar atentos aos fitos para elixir o camiño correcto e non learse na subida.
O camiño segue de fronte comezando a baixar. Pasamos xunto a un bebedeiro do gando e máis adiante cruzamos unha cancela de arames. Máis abaixo o camiño xira á esquerda pasando xunto a un cartel informativo. Agora camiñamos con menos pendente ata unha bifurcación que nos leva a ver unha faia centenaria nun curto tramo de ida e volta. Pasamos xunto as edificacións do parque faunístico onde collemos a pista asfaltada uns metros desviándonos logo á esquerda por un atallo que nos leva ao aparcadoiro de Piedrafita.
PEÑA TELERA desde o Ibón de Piedrafita
Rodeamos o lago pola súa dereita camiñando por carreiro cara as paredes da montaña. Axiña o terreo se empina e o camiño pasa a ser unha dura costa con bastante pedra. A orientación é fácil, porque hai fitos que nos indican o camiño ben marcado. Unha pequena e sinxela aganchada sóbenos a unha zona de prados que da paso á impresionante Canal de Cabachirizas ou Cobacherizas, unha canle de rocha que sobe trescentos metros en menos dun quilómetro de distancia.
A subida faise dura porque a rocha está moi solta. No primeiro tramo a canle ten menos pendente e o carreiro tende a arrimarse á dereita para acadar un outeiro con algo de herba e menos rochas. Logo, o carreiro sae á metade da canle e remonta con un zigzag ata chegar á parede branca da esquerda. Este é un tramo bastante cómodo para o costo que está o terreo. O tramo final ata o cimbro é o máis roto, onde o mellor é pegarse ao lado dereito da canle onde hai un zigzag ben marcado. Este tramo é peor á volta, de baixada.
Alcanzamos o Collado de Cabachirizas (2.360 m) para seguir o Paso Horizontal, por unha parede impresionante de rocha branca, cun carreiro estreito por unha inclinada ladeira, bastante exposta, onde teremos que andar con precaución.
Unha vez superado o primeiro tramo deste paso, ao chegar a uns fitos ben visibles, temos que baixar un pouco á dereita e coller un carreiro que vai pola parte baixa do paso. Este carreiro é moito máis cómodo que o que vai pola parte alta.
Ao remate deste paso remontamos pola cómoda ladeira de herba desviándonos á man esquerda para remontar unha parede de rocha e herba bastante inclinada. É o único paso difícil do día, cunha aganchada ben sinxela con bos agarres e sen exposición.
Superada esta aganchada, seguimos os fitos e o camiño agora xira á man dereita para dirixirse ao cume. Camiñamos por un circo glaciar con a Peña Parda enfronte. O camiño sobe remontando metros rapidamente por terreo abrupto pero sen complicacións. Vanse alternando tramos de herba con outros de rochas pero seguindo os fitos chegamos ao cume de Peña Telera (2.762 m), sen moitas dificultades.
Dese o cume podemos ver o macizo de Vignemale, destacando a zona de Panticosa , o Balaitús e o Midí d´Ossau.
A baixada facémola polo mesmo camiño ata o Ibón de Piedrafita onde seguimos as indicacións da ruta anterior.