24 07 20 FRAGA DA MOLADOIRA - PENA ABALADOIRA - FRAGA DAS VIGAS - FRAGA VELLA
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Alfoz, O Valadouro, Abadín e Mondoñedo (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Estrada LU – P – 0101, no límite entre o concello de O Valadouro e Alfoz.
ACCESO: Desde Abadín pola estrada LU – P – 0101 que vai ao Valadouro.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVÉIS: 480 m de subidas / 630 m de baixadas
DISTANCIA: 13 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Punto de chegada: 560 m COTA MÁXIMA: Pena Montol: 794 m.
MAPAS: I.G.N. – 23 – II – 24 – I
SINOPSE: O enorme parque eólico instalado na zona non nos impedirá gozar desta andaina que mestura as grandes vistas que temos nas partes altas do percorrido con fermosas fragas e regatos pasando xunto a formacións rochosas de granito onde posiblemente, a máis rechamante sexa a Pena Abaladoira.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada sae desde a explanada situada xusto no límete (717 m) dos concellos de O Valadouro e Alfoz transcorre na súa maior parte polo concello de Abadín. Saímos cara ao sur leste buscando a canle do rego da fraga da Moladoira. Camiñamos paralelos a este regato aínda que uns metros por riba, polo medio desta pequena e fermosa fraga. Aclarea o bosque dando paso a unha zona de prados onde, na parte inferior xúntanse este regato con o recen nacido río do Ouro. Atravesamos unha cancela de arames e xiramos en dirección oeste comezando a subida seguindo a liña de arames que en liña recta han de levarnos á Pena Abaladoira (700 m).
Seguimos subindo en dirección oeste buscando os mellores pasos entre penedos e zonas encharcadas en dirección a unha curiosa rocha que alberga un acivro empoleirado na parte alta. Pasamos preto desta rocha para seguir en dirección ao xerador eólico máis próximo situado no km 3 desta andaina. Agora seguimos a pista asfaltada que da servizo ao mantemento do parque onde temos dous pasos canadenses e xusto, antes do segundo paso, deixamos a pista para coller un atallo que sae pola dereita atravesando o monte e un rego que nos aparece máis tarde. Cruzamos o rego e logo dunha pequena subida chegamos á pista que deixamos antes pola que camiñamos uns metros para abandonala enseguida cara á esquerda (740 m).
Aquí comeza a fermosa baixada que nos leva pola fermosa Fraga das Vigas. Intentamos seguir o que foi un antigo camiño que baixa ao casarío abandonado de As Vigas e Os Agros. Baixamos polo monte, entre carballos, arandos e acivros ata que abandonamos momentaneamente o camiño para chegar a un claro onde aparecen uns pequenos prados cheos de flores de árnica. Volvemos ao camiño que traíamos no que axiña teremos que vadear un rego para seguir ata unha próxima bifurcación onde o camiño da esquerda vai en dirección ás Vigas e Os Agros mentres que nós, seguimos o ramal da dereita que nos leva a atravesar o rego por unha pequena ponte (620m).
Logo de cruzar o rego comeza a subida por un antigo camiño que vai facendo varias voltas ata empoleirarse nun chan preto dun xerador eólico. Xunto a el aparece unha pista pero nós evitámola xirando á esquerda en dirección ao seguinte xerador xunto ao cal pasamos. Vamos cara á Pena Montol, monte a través para evitar a pista cando aparece unha parede de pedra, xusto na base da pena. Para subir á Pena Montol (794 m), temos que xirar á esquerda sen cruzar a parede nun percorrido de ida e volta.
Cruzamos logo a parede e seguimos en dirección leste. A partir de aquí o camiño está indicado con sinais brancas e marelas polo que si nos fixamos non teremos perigo de extraviarnos. O carreiro avanza entre piñeiros, moitos deles secos, e grandes penedos graníticos atravesando pequenos regatos algúns deles provistos de pequenas pontes. Logo dun tramo de sube e baixa comeza a derradeira baixada por un monte de acivros que nos depositará nunha ampla pista.
Ao chegar a esta pista, xiramos á esquerda para seguir comodamente sen apenas desniveis ata as edificacións da Fraga Vella. Antes de chegar a estas edificacións temos á nosa esquerda unha zona pechada con arames onde se criaban cervos. Seguimos a camiñada pasando xunto a unha casa abandonada e unha cerca de madeira para o gando. Xusto ao pasar esta cerca, xiramos á esquerda cruzando o rego por unha pequena ponte. Á dereita quedan os restos de edificacións para o gando mentres seguimos este camiño en chan que enseguida nos leva ao remate desta andaina na pista xunto ao rego da Fraguela.