24 04 20 PENA FALCOEIRA
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Sobrado (León) Rubiá (Ourense)
PUNTO DE PARTIDA: Cancela (400 m)
ACCESO: Desde a A – 6 coller a saída 405 en dirección N – 120, Toral de los Vados, O Barco de Valdeorras e Ourense. Logo coller á dereita a LE – 5250 en dirección a Sobrado.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 540 m DISTANCIA: 14 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Cancela (400 m) COTA MÁXIMA: Coto das Aigas (880 m)
MAPAS: I.G.N. – 157 – IV – 158 – III – 190 – II – 191 – I
SINOPSE: O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra presenta un terreo calío na súa maioría, sendo unha das escasas zonas calías de Galicia. É por iso que non abundan as fontes pero si son notables os farallóns, os cortados e as covas. En número sobresaen as covas, destacando as de Xilberte, Pombo, Tralapala e Trasmonte. Ademais este parque pertencente ao concello ourensán de Rubiá é Zona de Especial Protección de Aves e Plantas .
DESCRICIÓN DA RUTA: Dado a cantidade de cruces e ramais que existen nesta ruta, é fácil perder o camiño correcto polo que se fai imperativo seguir sempre as indicacións das persoas encargadas de abrir e pechar esta ruta.
Como o bus non pode chegar a Cancela, comezaremos a camiñada no cruce de entrada a esta pequena aldea. Logo de camiñar un quilómetro entramos en Cancela, pasamos as primeiras casas e xiramos á esquerda para cruzar por unha pequena ponte sobre o rego de Callejeira. Comezamos a subir pola aldea cara ao cemiterio, logo do cal seguimos un camiño entre castiñeiros. Vamos en dirección suroeste facendo varias voltas ata que chegamos á devasa do tendido eléctrico onde, xunto a un poste, o camiño vai por debaixo da liña uns metros. Máis arriba, o camiño sae de debaixo do tendido cara á dereita volvendo, máis arriba a conectar con a devasa pola que seguimos o carreiro moi difuso ata unha pista transversal. Neste punto (790 m) comeza un percorrido de ida e volta para visitar a cova Pala de Vella e a Pena Falcoeria. Para iso xiramos á esquerda, agora por camiño mellor definido pero totalmente cuberto pola vexetación. Despois de cincocentos metros desde o cruce, a vinte metros do camiño, á nosa dereita, atópase a cova Pala da Vella (820 m) que si queremos entrar deberíamos levar lanternas ou frontais.
Despois da visita á cova seguimos andando por carreiro con pedras e uns douscentos cincuenta metros despois chegamos á un punto do camiño desde o que podemos ver Pena Falcoeira, unha gran rocha con paredes verticais á que está prohibido escalar ou subir porque é sitio de nidificación de aguias.
Volvemos de novo os pasos ata o cruce situado na devasa onde seguimos recto por camiño en dirección ao miradoiro de Portela de Aguiar. Antes chegamos á pista que baixa a O Real, O Porto e O Robledo, xunto a uns postes de madeira con tellado, onde debería estar o esquema da ruta. Neste cruce collemos á esquerda ata unha pequena área desde a que podemos ver as aldeas antes ditas e o val de Valdeorras.
Desde aquí damos a volta ata a bifurcación na que seguimos de fronte uns metros ata atopar o desvío á dereita que nos leva ao estratéxico emprazamento do miradoiro de Portela de Aguiar (840) que nos ofrece unhas magníficas vistas de Portela de Aguiar e o val que se estende de este a oeste, desde o pobo de Cabarcos ata La Barosa, tamén podemos ver as montañas de Os Ancares e Peña do Seo así como parte de Cordilleira Cantábrica.
De volta no camiño principal, agora imos por pista onde axiña chegamos a unha bifurcación na que podemos coller calquera ramal, sendo o da esquerda un quilómetro máis longo pero os dous nos levarán a Portela (620 m). Así chegamos ao río Val dos Inxertos, que cruzamos pola ponte, pasamos xunto ao lavadoiro en entramos na aldea. Durante a baixada cruzamos por numerosos e coidados soutos, de idades centenarias, onde se ve que aínda se aproveitan para a recollida da castaña.
Logo dunha suave costa entramos en Portela onde, á esquerda, hai unha cachopeira de castiñeiro sobre un pedestal de pedra e teito con canal de augas no que hai varias tallas e un banco no oco central, ademais doutras figuras situadas neste cruce de pistas.
De seguido, pasamos deixando á esquerda a moderna igrexa con torre frontal para, pouco despois atopar outro tronco, tamén tallado, cun banco debaixo e algunhas figuras de pedra. Logo de cruzar todo o pobo en dirección sur, pasamos polo barrio de Aguiar e despois por Casais (500 m), con varias casas en ruínas. Un pouco máis adiante temos á dereita outra cova nunha parede rochosa situada a moita altura.
Seguimos a andaina entre vellos castiñeiros paralelos ao rego de Callejeira, chegando en seguida ao punto de comezo en Cancela.
Este derradeiro tramo soe estar moi enlamado no caso de choiva, tendo a alternativa de cruzar logo de pasar Casais á aldea de A Lameira e baixar pola estrada asfaltada con nulo tráfico rodado.