11 08 21 Río Porcía (Castropol)

 

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Castropol (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Pozo da Neve (1.018 m.) 

ACCESO: Este lugar está situado na estrada que une o porto de A Garganta con o Gumio, a 7 km. aproximadamente da Garganta. Neste punto xúntanse os concellos de A Veiga, Castropol e Vilanova de Oscos

HORARIO: 5/6 horas            DESNIVEL: 700 m. de baixada                    DISTANCIA: 15 km. 

DIFICULTADE: Media           TIPO DE ROTA: Travesía                MAPAS: I.G.N. – 25 – II – IV 

SINOPSE: A serra de A Bobia, coroada polo pico Filso (1.201 m.) é o punto máis alto do concello de Castropol, sendo a unidade orográfica máis occidental de Asturias. Nela e nos seus cordais adxacentes sitúase un núcleo estable de lobo Ibérico, enmarcado entre os ríos Eo e Navia. Ademais do lobo, sobreviven xabarís, corzos e raposos, aves como a aguia culabrela europea, actualmente en perigo de extinción. Tamén vive a lontra nos ríos do entorno da serra. A vexetación resiste, sobre todo nos lugares máis abruptos onde as masas de autóctonas persisten en pequenas manchas acantonadas, basicamente constituídas por carballos, castiñeiros e bidueiros. Con todo, os bosques localizados no noroeste da serra, que hoxe atravesamos, posúen certa entidade no conxunto desta área.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Comezamos a andaina 125 m. antes, indo da Garganta, do cruce de estradas que levan a Illano e Boal. Aquí sae unha pista asfaltada (1.018m.), que baixa cara ao norte, a cal seguimos durante un quilómetro. Na primeira curva que fai á esquerda (950 m.), deixamos a pista e seguimos de fronte a través de monte raso, primeiro, e de prados despois. Vamos seguindo a divisoria dos concellos de A Veiga e Castropol ata chegar a un cimbro (738 m.) onde nos atopamos a pista que une Molexón e Leirío.

            Cruzamos a pista para seguir de fronte e acometer a única subida importante desta rota. Para iso seguimos un camiño que sobe cara ao cristeirío da serra da Pena Boa a cal seguimos por toda a cimeira, non superando os 830 m. de altura en todo o cristerío. Dende este lugar podemos observar innumerables poboacións que se espallan cara aos catro puntos cardinais incluíndo Ribadeo e o mar Cantábrico. Unha vez rematada a travesía pola serra de pouco máis de dous quilómetros, xiramos cara ao sur para coller un camiño que baixa ao lugar de Arco (580 m).

            Chegamos así á pista asfaltada citada anteriormente e seguímola ata outra máis importante que une o campo de San Fernando con Balmonte. Seguindo esta estrada pasamos xunto a unha escola abandonada (470 m.) que queda a nosa esquerda pero, de seguida, temos que coller xunto a un poste metálico un sendeiro que sae a dereita baixando polo medio do monte, entre toxos e urces primeiro, para meternos na umbra do bosque despois. Aquí comeza a baixada máis pendente polo medio do bosque que nos deixa no mesmo leito do río Porcía.

            Seguimos a canle do río, nun entorno verdadeiramente fermoso para despois duns pasos onde temos que facer uso das mans, acceder a fervenza do Cioyo. O lugar é belido cunha caída de auga nun lugar que pouca xente se imaxina, tan preto da civilización. O sitio ideal para dar conta da xanta e darse un baño quen lle apeteza. Despois do pracenteiro descanso, continuamos a camiñada seguindo o curso do río buscando o mellor sendeiro; neste treito temos que ter coidado de non esvarar pois é o peor da rota; ata que atopamos un antigo camiño, o cal seguimos, deixándonos no casarío abandonado de A Cabanada (350 m.), situada xunto ao regato que baixa de O Couselo.

            Temos, neste lugar, que cruzar o río por unha ponte seguindo sen desniveis polo medio da espesa foresta. Vamos pasando diversas cabanas en ruínas ata que chegamos a unha casa solitaria, a única que está en uso, situada no fondo dun monte. Aquí collemos a pista que sobe por detrás de dita casa internándonos de novo no medio do bosque ata entroncar, despois de cruzar un regato, con outra máis ancha.  Seguimos a esquerda i en pouco tempo chegamos a outra máis importante. O bosque cede e ábresenos unha panorámica do val de Obanza. Pasamos polo lugar de Monteavaro (300 m.) e máis abaixo, nun cruce, xunto ao río temos o autobús agardándonos.

            Aquí remata esta travesía que nos regala fermosas vistas panorámicas na súa primeira parte e un recorrido inimaxinable xunto ao río, despois.