22 04 15 TRILHO CASTREJO DE CASTRO LABOREIRO
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Parque Nacional da Peneda – Gerês – Fregresía de Castro Laboreiro – Concello de Melgaço.
PUNTO DE PARTIDA: Castro Laboreiro (950 m)
ACCESO: Desde Monçao pola N – 202 ata Porto Ribeiro onde collemos a N – 202 – 3 ata Castro Laboreiro.
HORARIO: 6/7 horas DESNIVEL: 700 m DISTANCIA: 18 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Assureira (775 m) COTA MÁXIMA: Seara (1.120 m)
MAPA: Parque Nacional da Peneda – Gerês de Adventure Maps. 1:50.000
SINOPSE: Castro Laboreiro é unha freguesía do concello de Melgaço situado entre as serras de Laboreiro a Peneda e Queguas. A pesar de ser a freguesía máis extensa de Melgaço apenas ten setecentos habitantes. Atópase dentro do Parque Nacional de Peneda – Gerês, nun enclave illado, rodeado por serras que acadan os 1.340 m de altitude no Gestoso onde, preto deste cumio, nace o río Castro Laboreiro ou Barcia, que forma un longo val arredor do cal distribúense as poboacións, e que serve de fronteira nuns quince quilómetros con Galiza ata desembocar no encoro de Lindoso.
DESCRICIÓN DA RUTA: Na estrada N – 202 – 3, fronte ao hotel Castrum Villae parte esta camiñada. Pasamos pola parte traseira de dito hotel ata as últimas casas onde collemos un camiño que sobe ata que pasamos unha curva á esquerda desde a cal o camiño baixa lixeiramente para subir de novo polo val.
Logo dos primeiros dous quilómetros comeza a baixada que pasa xunto a un pequeno encoro acadando o lugar de Barreiro (840 m) e un pouco despois Assureira, a cinco quilómetros da saída.
Seguimos a andina que cruza a estrada, que vai a Castro Laboreiro, e pouco despois o río pola fermosa Ponte Nova, de orixe romana. Logo de pasar a ponte, comezamos unha lixeira subida que nos leva á aldea de Curbeira onde cruzamos outra estrada que tamén vai a Castro Laboreiro é que volveremos a cruzar máis adiante seguindo o Trilho Castrejo.
Atravesamos Curbeira (830 m) comezando a subida máis pendente de todo o percorrido, aproximadamente un quilómetro ata chegar á altura do Bico do Patelo (1.050 m), unha singular formación rochosa logo de levar uns nove quilómetros de ruta.
Despois dunha pequena baixada por un carreiro, collemos unha pista forestal. Neste punto, pódese acurtar a ruta collendo á esquerda por esta pista que nos leva a Cainheiras onde retomamos o trilho acurtando a distancia total en 5 km.
No punto anterior, a ruta segue collendo na pista á dereita camiñamos por ela uns 1.400 m para desviarnos á esquerda por un carreiro pouco definido que nos leva á aldea de Seara, que deixamos á nosa dereita. Agora comeza a baixada seguindo por camiño empedrado case dous quilómetros deixando tamén á dereita a aldea de Padrosouro, chegando así á unha pista asfaltada na que collemos á esquerda logo de pasar unha fermosa ponte chegamos a Cainheiras, lugar que cruzamos e seguimos baixando ata a estrada na que collemos á esquerda uns metros en dirección a Bico pero, antes de chegar a este lugar, seguimos por un carreiro que sae á nosa dereita.
O camiño pasa por Varziela e logo por outra interesante ponte desde a cal comezamos unha subida ata acadar de novo a estrada que vai a Castro Laboreiro pola que seguimos ata o remate da camiñada. Neste derradeiro tramo pasamos xunto ao cemiterio, a Ponte Vella e a oficina de información de Castro Laboreiro.
Subida ao Castelo de Castro Laboreiro
Logo de facer o Trilho Castrejo, despois de douscentos metros da Ponte Vella, nas primeiras casas de Castro Laboreiro, collemos un camiño á esquerda que sobe ao miradoiro do Salto do Gato, que podemos facer de ida e volta, e logo coller o carreiro que sobe ao castelo. O camiño ten un desnivel duns 120 m e unha distancia de dous quilómetros ida e volta.