19 05 18 Fontes mediciñais de Noceda

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Noceda do Bierzo (León)

PUNTO DE PARTIDA: Noceda (820 m)

ACCESO: Desde a autoestrada A -  8 , saída 372 cara a Bembibre, logo coller a LE – 5532 ata Noceda

HORARIO: 3/4 horas                     DESNIVEL: 500 m              DISTANCIA: 12 km

DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Noceda (820 m)    COTA MÁXIMA: Miradoiro de La Gualta (1.322 m)

MAPA: I.G.N. – 127 – III

SINOPSE: Noceda do Bierzo é un lugar peculiar e sorprendente xa que se estende ao longo de catro quilómetros dividida en tres barrios: Vega, San Pedro e Río.

            Lugar manso e fresco, moi descoñecido, non soe figurar nas guías de turismo, situado no Alto Bierzo, xunto as faldras da serra de Gistredo. Unha montaña mítica e sagrada, frondoso val e terra de castros. O topónimo de Noceda deriva do latino nux (noz), parece ser que en tempos pasados estaba plantado de nogueiras. Tamén son abundantes os soutos con a  variedade de castaña de Parede.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do núcleo central, de San Pedro, por ruta sinalizada coñecida tamén pola ruta de La Genciana xa que é unha zona pródiga desta planta.

            Seguindo as primeiras indicacións, xiramos á esquerda subindo por unha empinada costa de formigón, que nos saca de Noceda xunto a un vello poldro de ferrar e uns grandes castiñeiros.

            Ó chegar ao cámping remata o formigón, converténdose en pista forestal. Atopamos tres cruces moi seguidos nos que sempre seguimos de fronte, aparecendo xunto a unha alvariza, o castiñeiro máis gordo do día aínda que, de pouca altura.

            Seguimos a marcha xunto a un depósito de auga logo do cal chegan dúas bifurcacións, na segunda das cales, abandonamos a pista por outra algo máis estreita que segue de fronte. Deixamos o bosque de rebolos que nos acompañaba para entrar nun de castiñeiros aos que de novo toma relevo outro de rebolos durante un quilómetro.

            De repente aparece a fonte de Juan Álvarez, onde podemos aprovisionarnos de auga xa que, as seguintes fontes teñen sabor a ferro. Vamos entrando nunha zona máis húmida onde a auga corre polo camiño, os carballos vólvense máis altos e gordos chegando así a unha portiña metálica con un cartel que nos indica o sendeiro ladeira arriba.

            Este é un dos dous tramos máis fermosos da ruta. Camiñamos paralelos uns metros por riba do rego La Silva, unha auténtica gozada para a vista, asomando por entre a arborada as penas de La Gualta. Logo de pasar un tronco de acivro chegamos as numerosas pasarelas do día, cruzando o rego por debaixo dunha pena onde temos fermosas pozas.

            Saímos do val por un tramo de forte pendente chegando a un cruce onde hai un indicador cara á dereita á fonte do Azufre (1.100 m), que é a primeira das fontes medicinais. Á volta, collemos o ramal da esquerda, dos dous que hai, porque é o máis fácil de percorrer e menos esbaradizo.  Por unha pasarela chegamos á parede laranxa onde mana a fonte, podendo seguir uns metros máis arriba ata unha fermosa poza.

            De volta no cruce de carreiros, seguimos subindo ata atopar un novo cruce onde se anuncia a fonte de La Salud (1.130 m) á esquerda, da que nos separan uns poucos metros. É parecida á anterior pero menos espectacular. Seguindo o sendeiro principal atravesamos un bosque de rebolos chegando a unha segunda pasarela que cruza o rego Silva por derradeira vez.

            Uns metros de subida despois, aparece unha ancha pista xunto a uns bidueiros, xirando aquí á esquerda cambiando radicalmente o entorno paisaxístico. Temos grandes extensións de breixo, sempre subindo, menos un curto tramo de baixada na primeira curva. Pouco despois, á dereita cae, cando se derrete o xeo, un salto duns dez metros de altura, e tras a seguinte curva comezamos unha mantida subida cara ao visible cimbro do cordal do fondo. Unha vez no cimbro, xiramos á esquerda para acceder ao miradoiro de La Gualta (1.322 m) mediante unha curta trepada.

            De volta no camiño, comezamos unha vertixinosa baixada, axudada por cordas e chanzos, onde baixamos cen metros de desnivel e moi pouco tempo, con as penas de La Gualta á nosa dereita. Temos o cartel de Cascada de La Gualta, solo recomendable para a xente que non teña vertixe xa que, o tramo máis exposto carece de corda de axuda.

             O nivel superior da fervenza é o máis espectacular pero exista a posibilidade de acceder ao nivel inferior facilmente seguindo o sendeiro ata a base da mesma.

            Continua o percorrido en baixada acompañado de pequenos saltos de auga. Máis abaixo cruzamos o rego por outra pasarela, achegándonos á fonte de El Canalijo seguindo así cara ao tramo máis chan do fondo do val, pero antes temos que pasar xunto ao rego de Veneiro e por outra pasarela sobre o rego Noceda. O sendeiro vai ensanchándose a través do bosque de ribeira de chopos, primeiro polo lado esquerdo e, logo da última pasarela, polo lado dereito.

            Pasamos xunto a unha piscifactoría, xa por boa pista, pola que imos chegando a Noceda polo barrio de Río, fixándonos antes en tres muíños consecutivos pola nosa esquerda. Antes de entrar en Noceda vemos o anuncio da fonte  de El Rubio, situada a un quilómetro de distancia.

            Percorremos o lago barrio de Río ao que segue o de San Pedro onde rematamos a andaina.