19 03 16 Ruta do Mandeo
TRAZADO DA RUTA |
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Coirós, Paderne e Betanzos (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: Miradoiro de A Espenuca (290 m)
ACCESO: Dende a N – VI collemos o desvío pola CP – 2702 que vai á Espenuca.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 300 m de baixadas / 150 m de subidas
DISTANCIA: 14 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Paseo fluvial (15 m) COTA MÁXIMA: A Espenuca (290 m)
MAPAS: I.G.N. – 45 – II – 46 - I
SINOPSE: O miradoiro está situado no monte O Picoto, cara ao canón do río Mandeo pouco antes de unirse ao río Mendo na ría de Betanzos aínda que, as plantacións de eucaliptos ocultan boa parte das vistas. Nas inmediacións atópase unha pequena ermida románica do século XII, adicada a Santa Eulalia, que pasou por diversos avatares previos. Segundo as crónicas, foi destruída polos Suevos durante a invasión a comezos do século V, volveuse a levantar no tempo de San Benito, reconstruída no ano 881 e incorporada ao mosteiro de Cis no século XI.
DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos do miradoiro, collendo unha ampla pista que baixa cara ao río facendo varios zigzags ata a área recreativa de Chelo. Sen chegar a Chelo, xunto ao río, xiramos á dereita para subir río arriba pola súa marxe esquerda. A fermosa vexetación de ribeira acompañaranos, sobre todo nesta parte do río. Non hai perda posible, camiñamos pola beira do río ata que acadamos a ponte metálica de As Pedreiras, pero que non cruzamos. O carreiro segue xunto ao río ata outra ponte situada máis arriba que esta vez si temos que cruzar. Así chegamos a mini central hidroeléctrica de Zarzo, pertencente ao concello de Paderne. Podemos seguir outro quilómetro río arriba polo tramo chamado Camiño das Fervenzas, ata a confluencia do río Zarzo con o Mandeo. Neste lugar daremos a volta ata Zarzo e desde aquí, seguimos pola marxe dereita.
Neste tramo imos atopar o que queda do antigo balneario de O Bocelo e a presa da Cabra, chegando máis adianta á ponte metálica de As Pedreiras que tampouco cruzamos para non cambiar de marxe. Así seguimos ata a área recreativa de Chelo.
Aquí está o Centro de Interpretación do ámbito fluvial do Mandeo de Chelo, tamén existen mesas e bancos onde podemos dar conta do xantar. Agora quedan uns cinco quilómetros e medio para chegar a Betanzos.
Saímos de Chelo pola pista que vai pola marxe dereita ata que atopamos a ponte de Teixeiro pola que cruzamos o río. Aquí temos un tramo de pista asfaltada con tránsito de vehículos polo que teremos que ter coidado. A pista pasa xunto a unha finca cerrada e logo dunha curta e forte pendente, xusto no remate da finca, abandonamos a pista asfaltada para seguir por outra de terra. Esta pista lévanos á área recreativa do Campo dos Caneiros, onde existen mesas e bancos. O camiño segue, máis tarde, por pista asfaltada ata Betanzos.