17 04 13 Val do río Argutorio
SITUACIÓN: Torre del Bierzo (León)
PUNTO DE PARTIDA: San Facundo (755 m)
ACCESO: Desde a autoestrada A – 6 coller a saída cara a Bembibre / Torre del Bierzo para seguir pola LE – 106 collendo logo a LE – 5321 ata San Facundo.
HORARIO: 3 / 4 horas DESNIVEL: 400 m
DISTANCIA: 12 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Ida e volta - circular
COTA MÍNIMA: San Facundo (755 m) COTA MÁXIMA: Matavenero (1.040 m)
MAPA: I.G.N. – 159 – III
SINOPSE: O val do río Argutorio é moi agreste no seu tramo medio, con grandes farallóns de pedra de moitos metros de altura, e un estreitamento onde as paredes de ambos lados case se xuntan formando debaixo grandes concavidades coñecidas como o Pozo de las Ollas. Logo por fin o val ábrese aparecendo as aldeas que quedaron abandonadas fai décadas de Matavenero e Poibueno, pero que membros do movemento alternativo Rainbow encargáronse de devolverlles a vida, convertendo estas aldeas nun dos lugares máis peculiares da comarca.
DESCRICIÓN DA RUTA: Desde o aparcadoiro existente á entrada da localidade saímos camiñando para cruzar o río xunto a unha praia fluvial. Unha vez cruzado o río imos un pouco á dereita para poder ver un mural con un mapa na fachada dunha casa.
Agora xiramos á esquerda podendo seguir calquera dos ramais que a continuación se presentan porque ambos se xuntan ao remate do lugar. Comeza un camiño ancho que vai paralelo ao río xunto a algúns castiñeiros. O primeiro cruce do río Argutorio facémolo por unha ponte de formigón con pasamáns metálico e segundo comezamos a subir pola outra beira aparece un sendeiro moi marcado á nosa esquerda, que é a opción sinxela da ruta.
Para quen queira máis emoción pode seguir de fronte polo camiño principal, pasando xunto a unha piscifactoría abandonada, chegando logo a un pequeno encoro que abastece de auga a Bembibre. Tampouco deberán ter medo as alturas a xente que escolla esta opción, porque logo de pasar dúas pasarelas de madeira chega a unha metálica máis antiga, unha escala que parece que vai soltarse da parede e unha agatuñada case vertical na que hai un cable para axudarse do que máis vale prescindir dada a súa precariedade. Logo segue un sendeiro moi vertical e pedregoso que nos achega a ruta normal.
Quen vaia pola vía normal, axiña descartará un ramal que sae pola esquerda e logo de atravesar o único tramo de breixo do día, o carreiro vólvese máis interesante logo de pasar xunto a unha fonte e algúns tramos escavados na rocha. Aparece o encoro á vista encaixado no desfiladeiro pasando por algúns miradoiros naturais.
Pouco a pouco imos perdendo altura cara a parte final do encoro, onde algo despois temos unha pasarela que nos leva á outra beira do río, nun dos lugares máis angostos do lugar. Temos agora un costo tramo que nos introduce nun aciñeiral conservando agora a altura por entre o bosque. Parece que remata o desfiladeiro pero o que non vemos desde este lugar é o máis impresionante da ruta.
Cruzamos un rego coñecido como Fuente del Humeral, percorrendo fermosos tramos neste sector con algúns carballos e rochas cubertas de musgos e o río cincuenta metros máis abaixo de nosoutros. Logo de pasar esta curva aparece un cruce, onde collemos o ramal inferior que, como está anunciado, nos levará ao Pozo de las Ollas e Poibueno; o ramal superior vai directamente a Matavenero, que será por onde volvamos. Atravesamos unha enorme pedreira, desde a que se ve o outro sendeiro uns metros máis arriba, volvendo o val a estreitarse. Atopamos unha pasarela que salva un tramo vertical da ladeira, e tras un paso cortado na rocha e outra pedreira chegamos á ponte de Las Cabras, que novamente nos fará cambiar de beira do río.
Ao outro lado queda unha fonte e paralelos a un rego comezamos a subir para saír do fondo do val, coa formidable parede de Peña el Miel á nosa esquerda que axiña veremos en toda a súa extensión cando fagamos un crebo á nosa dereita que nos sobe a unha pena, un dos mellores miradoiros de toda a ruta. De fronte vemos o camiño en horizontal que pasa polo punto máis estreito do val do Argutorio. Debaixo queda a coñecida como Pozo de las Ollas e por riba a aldea de Matavenero. O carreiro abre paso atravesando as grandes paredes ata que de repente, o val suavízase, comezando a aparecer bos exemplares de castiñeiros xunto ao río así como as ruínas dun vello muíño. Ao outro lado, un prado anúncianos que estamos chegando a Poibueno que axiña asoma entre o souto, uns metros antes de entrar nel enlazamos cun camiño, onde xiramos á dereita.
Poibueno conta cunhas poucas casas reconstruídas e unha igrexa. Preto desta, por unha pasarela, cruzamos o río Argutorio antes de comezar a subida cara a Matavenero. Pasamos polo prado atravesando un pequeno rego tendo que abrir e pechar unha cancela de madeira. Detrás da porta aparece un marcado camiño que percorre un tramo de laxe no que na bifurcación podemos coller calquera das dúas variantes. Logo de pasar outro rego, unha parede vertical fainos sombra os derradeiros metros antes de chegar a Matavenero.
En Matavenero temos camiños en todas direccións polo que non é fácil orientarse. O primeiro que atopamos é a escola, situada nun dos poucos sitios chans do lugar, e con a vista posta no extremo dereito da aldea, imos cruzando entre diferentes edificacións. Si levamos boa dirección temos que pasar xusto por riba da Cociña Común, a tenda e a biblioteca. Xa na baixada, á nosa esquerda queda unha fonte e na beira da montaña, onde acaba a aldea existe unha especie de terraza natural de rocha, a cuxa esquerda está a porta de entrada ou saída de Matavenero.
Desde aquí parte un estreito sendeiro que baixa facendo zigzags recorrendo máis tarde un tramo vertical ata un castiñeiro, con un curto zigzag chegamos a un rego, que cruzamos por outra pasarela cuberta de terra. Subimos agora ata o seguinte xiro da montaña cunha vista completa de Peña el Miel. Tras unha curva, medio quilómetro despois, chegamos a unha gran pedreira onde podemos ver o sendeiro de ida debaixo de nosoutros, e logo de entrar nun pequeno aciñeiral, chegamos ao cruce co camiño de volta.