16 11 19 Pico La Xamoca
TRAZADO DA RUTA |
SITUACIÓN: Sobrescobio (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Rioseco (378 m)
ACCESO: Desde a autoestrada A – 64 collese a AS – 117 que vai ao porto de Tarna
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 1.000 m DISTANCIA: 15 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
MAPAS: I.G.N. – 54 – I – III
COTA MÍNIMA: Rioseco (378 m) COTA MÁXIMA: La Xamoca (1.288 m)
DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza en Rioseco (378 m) collendo a estrada que sobe a Campiellos (520 m) que está a quilómetro e medio de Rioseco. Saímos de Campiellos por unha pista de formigón que nos leva á Collada l´Arcu (656 m). Desde este punto podemos ver pola esquerda o Alto del Ronzón e diante deste os repetidores de telefónica e televisión. O camiño segue en ascenso, serpexando pola ladeira e logo de pasar os cimbros de Ricáu e Canigüe, chega ata a braña de Llinariega onde enlaza con a pista que ven de Las Campas e Fabarín.
Seguimos subindo e aparece, pola dereita, a cabana restaurada de Currascáu para chegar, en pouco tempo, as cabanas de Llagos (980 m) por onde pasa unha liña de alta tensión. Aquí podemos coller auga, nunha fonte bebedeiro que temos á esquerda da torre máis alta do tendido eléctrico.
A subida ao pico de La Xamoca comeza neste lugar, polas praderías situadas á súa esquerda. Logo de atravesar un tramo con predominio de faias e espiños, as árbores son substituídas por vexetación baixa. O carreiro xira bruscamente para dirixirse a crista rochosa e, unha vez nela, continúa ata o cume de La Xamoca (1.288 m), onde podemos gozar unha espléndida vista dos concellos de Sobrescobio e Laviana así como parte dos de Piloña e Caso.
A volta é polo mesmo camiño ata a torre de alta tensión e desde esta cruzamos a pradería da dereita cara a unha pequena angostura entre dúas pedras, que dan paso ao Monte de Falafría. O carreiro vai a media ladeira, atravesando o bosque ata o Collado Faidiellu (1.059 m).
Agora bordeamos o pico La Carba (1.132 m) para chegar ao Collado de Unquero (1.013 m), o que recoñecemos polo pequeno promontorio existente entre os prados. Desde este punto, temos que dirixirnos cara a unha cabana en ruínas que podemos ver uns metros máis abaixo e coller o carreiro que, pola esquerda, cruza en diagonal unha zona pantanosa en dirección as cabanas de Espines (930 m) onde comeza a baixada.
Con forte desnivel chegamos a Práu Ríu (730 m) proseguindo polo val abaixo xunto ao río, ata que o cruzamos por unha ponte de formigón. Seguimos sempre o carreiro en baixada deixando as desviacións que conducen a Campiellos cruzando un bosque de castiñeiros, seguindo en todas as bifurcacións o camiño que segue de fronte. Pasamos xunto a cabana de Güergu xunto á que saen dous camiños. O da dereita é o que nos leva a Rioseco.