17 09 17 Canón do río Mao

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Parada de Sil (Ourense)

PUNTO DE PARTIDA: Fábrica da Luz (290 m)

ACCESO: Desde Ourense pola OU-536 dirección Trevinca. Tras pasar Valilongo coller o desvío pola OU-CV-303 dirección Cristosende. Desde Cristosense, dirección Parada de Sil, pouco despois de cruzar o río Mao atópase o albergue de A Fábrica da Luz. Seguindo pola mesma estrada, máis adiante está sinalizado o desvío a San Lourenzo.

HORARIO: 6/7 horas          DESNIVEL: 650 m de subidas, os mesmos de baixadas     

DISTANCIA: 16,5 km         DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Circular

MAPA: I.G.N. – 189 – III

COTA MÍNIMA: Desembocadura do río Mao (250m)            

COTA MÁXIMA: A Miranda (842 m)

SINOPSE: Esta é unha das rutas máis fermosas da Ribeira Sacra onde se conxugan as vistas espectaculares sobre o canón do Sil, a aldea de Forcas, a ponte medieval de Couceliñas, a vexetación virxe, os muíños, as vistas sobre o canón do río Mao con os seus saltos de auga e o percorrido pola Canle Vella en sitios escavados na rocha, a necrópole de San Vitor e a aldea de San Lourenzo construída enriba dun antigo mosteiro fan que lembremos durante moito tempo esta andaina.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: O punto de inicio desta camiñada sitúase na Fábrica da Luz (290 m), antiga central eléctrica reconvertida en albergue. Camiñamos pola marxe esquerda do río Mao por unha espectacular pasarela de madeira, aproximadamente quilómetro e medio que da vistas a garganta do río na súa desembocadura no Sil. Camiñamos polo punto máis baixo do percorrido onde comeza a subida, algo dura no seu comezo, que pasa xunto a  Barxacova e unha adega para chegar a San Lourenzo de Barxacova.

            En San Lourenzo deixamos á nosa esquerda o desvío da necrópole, que visitaremos á volta. O camiño está ben sinalizado ata un cruce á man dereita, á altura da canle, onde deixamos a estrada. De seguido ven outro cruce mal sinalizado onde debemos deixar a pista pola que vimos en dirección esquerda.

            Chegamos á aldea de A Miranda (842 m) e seguimos por estrada en dirección a Forcas, por estrada primeiro e logo desviándonos pola dereita. Pasamos xunto ao cemiterio e logo temos un fermoso cruceiro que nos da a benvida  á aldea de Forcas.

            Atravesamos o núcleo urbano baixando cara ao río Mao, cruzamos a estrada e baixamos ata a Canle Nova da condución hidroeléctrica. Á nosa dereita, sobre un poste eléctrico vemos unha sinal de dirección equivocada. Por este camiño podemos visitar a ponte medieval de Couceliñas a uns 250 m. De volta a este lugar, retomamos o camiño pola dereita da canle nova, e a un quilómetro abandonamos a canle para baixar a Canle Vella.

            Camiñamos ben pola canle ou polos muros mentres vemos o río Mao polo fondo da garganta. Camiñamos por terreo chan ata o remate da canle xunto a unha vivenda abandonada onde xiramos á dereita, baixando ata a necrópole antropomórfica de San Vitor. Logo, desde aquí, por camiño ben sinalizado imos de volta a San Lourenzo, onde xiramos á dereita por unha estreita rúa comezando unha forte, pero cómoda, baixada ata a Fábrica da Luz.