17 04 16 As Médulas

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN:  Carucedo (León)

PUNTO DE PARTIDA: Entrada a Las Médulas (740 m)

ACCESO: Desde a N – 536, a altura de Carucedo coller a CV – 191 – 2 ata a entrada do lugar de Las Médulas.

HORARIO: 3/4 horas          DESNIVEL: 420 m de subidas, os mesmos de baixadas     

DISTANCIA: 11 km            DIFICULTADE: Baixa        TIPO DE RUTA: Circular

MAPA: I.G.N. – 191 - I

COTA MÍNIMA: Punto de partida (740 m)        

COTA MÁXIMA: Vértice xeodésico de Peña Placias (1.022 m)

SINOPSE: O Monumento Natural de Las Médulas foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1.997. Situado nos concellos de Borrenes e Carucedo, ao suroeste do Bierzo, na provincia de León. Este fermoso lugar situado ao noroeste dos Montes Aquilianos, xunto ao val do río Sil, é o resultado das minas auríferas romanas. Sen dúbida é a mina máis grande escavada polo imperio romano. Foron trescentos millóns de metros cúbicos de terra extraída para o lavado de mineral, que con o paso do tempo e a erosión configuraron un dos paraxes históricos e arqueolóxicos con máis valor e beleza da Península Ibérica.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada no aparcadoiro atravesando pola estrada o pobo de Las Médulas. Pasamos fronte á Aula Arqueolóxica de las Médulas e seguimos uns catrocentos metros, pola esquerda vemos a igrexa de San Simón e San Xudas. Así chegamos ao centro de Recepción de Visitantes, no que se ofrece información sobre os itinerarios das Médulas. Tamén podemos ver un audiovisual sobre a explotación da mina e o abastecemento de auga.

            Seguimos pola estrada para coller o primeiro desvío á esquerda, Senda Las Valiñas, en dirección La Cuevona, La Encantada. Máis adiante temos unha bifurcación collendo o ramal da esquerda, por amplo camiño que se interna nun pequeno val deixando á nosa esquerda a paraxe de Los Tres Cuervos.

            Seguimos camiñando ata a próxima bifurcación que, tamén collemos o ramal da esquerda cara a La Cuevona, La Encantada. Temos a ambos lados grades escarpas, picoutos e torres de terra ocre que se levantan no medio do bosque de castiñeiros centenarios.

            Chegamos a La Cuevona, a galería máis alta de todas as existentes para continuar subindo unha pequena costa protexida por un pasamáns de madeira que nos leva a La Encantada, unha das galerías máis singulares da zona. Chegamos a un punto no que podemos apreciar dous túneles que se bifurcan á esquerda e dereita ademais de ver unha fisura na que se ven os restos de outra galería.

            Entramos ao interior das galerías que se bifurcan ata o seu remate desde o que vemos, especialmente no ramal da esquerda unha fermosa paisaxe.

            No Pico del Águila remata a visita a La Encantada, podemos subir un pouco máis ata o cimbro do Pico del Águila para contemplar a paisaxe, a Cuevona queda aos nosos pés cunha perspectiva diferente. Este tramo é difícil pola pendente e esvaradío da zona. Voltamos ata La Cuevona e seguimos con o itinerario da Senda Las Valiñas, un tramo de un quilómetro aproximadamente, por pista e sen grandes desniveis.

            Pasamos unha bifurcación na que seguimos pola esquerda continuando polo Camino del Mirador. Subimos durante uns seiscentos metros salvando un desnivel de cen metros ata chegar a unha nova bifurcación. Neste lugar collemos á esquerda cara ao Mirador de Orellán pola zona de Las Furnias. Este punto ofrece unha ampla panorámica do conxunto de Las Médulas que podemos ver desde a nosa posición enfronte á zona central da mina.

            Podemos ver, cara ao norte, parte do sector das Médulas ademais doutras áreas de explotación, cara ao sur o Couso e La Furnia, cara ao sureste e suroeste podemos ver parte das canles da auga que veñen desde os montes Aquilianos.

            Preto deste miradoiro atópase a Galería de Orellán, onde se pode visitar dous túneles escavados no conglomerado aurífero para conducir a auga cara ao último fronte da explotación do sector central da mina de ouro de Las Médulas usando a técnica romana coñecida como ruína montium.

            Volvemos polo mesmo camiño ata a anterior bifurcación e desde esta continuamos polo sendeiro perimetral. Atopamos xunto á pista os restos das canles na zona de Peña Escribida. Un pouco máis adiante xiramos a esquerda tendo á vista a zona recreativa de Campo de Braña, para subir á zona máis alta desta ruta, Peña Placias, con vertixe xeodésico (1.022 m).

            A partir de aquí o camiño comeza a baixar lixeiramente por unha lomba en dirección oeste. Chegamos a unha bifurcación onde xiramos á dereita  por un estreito camiño pola ladeira do monte. Este camiño lévanos a zona chamada Las Médulas de Yeres, tendo bifurcacións a ambos lados. Cara á dereita temos unha gruta e pola esquerda existen varias galerías as que podemos acceder. Seguimos pola Senda de Reirigo que percorre unha estreita crista asegurada con unhas cordas nos tramos máis verticais e algúns chanzos de madeira nos tramos máis custos.

            Estamos no Mirador de Reirigo (979 m) desde o que a vista permite obter unha ampla panorámica do pobo de Las Médulas. Seguimos a camiñada, agora por terreo pendente, para chegar á pista que ven do trazo da Senda Perimetral. Seguimos pola dereita, abandonando a pista uns metros máis adiante pola Senda de Reirigo que cruza o Campo de Braña a través dun souto.

            Chegamos a outra bifurcación onde seguimos pola esquerda por unha pista, a Senda de las Valiñas, chegando de seguida ao lugar de saída.