12 09 16 Valle de la Llosa de Viango (Llanes) Asturias
|
VER TRAZADO DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
SITUACIÓN: Llanes (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Alto de la Tornería (471 m) PUNTO DE CHEGADA: Purón (40 m)
ACCESO: Dende Llanes, collemos a estrada LL – 7, que pasa por Pancar e Parres ata o cruce de Santa Marina, onde nos desviamos pola que vai ao Mazuco pasando polo Alto de la Tornería.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 110 m de subida/538 m de baixada
DISTANCIA: 14 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía MAPA: I.G.N. – 32 - III
SINOPSE: O val de Viango está situado entre a serra do Cuera e o cordal de Texeu, ao sur de Llanes. Tanto na entrada Este como Oeste, o val é bastante estreito ensanchándose a medida que se aproxima á Llosa de Viango. Neste lugar existe un pequeno lago adicándose parte do terreo a pastoreo para os veciños de La Pereda, Parres e Porrua. Na zona que hai ente Los Corros e Viango as parcelas son individuais. O Llano de Viango e a Llosa de Viango son terreos comunais existindo parcelas individuais nas ladeiras.
DESCRICIÓN DA RUTA: No alto de La Tornería (470 m), collemos á esquerda un camiño ancho con lixeira subida, que nos achega á cabana e praderías de Los Corros. Dende aquí seguimos o camiño que sae á dereita ata a cabana de Collau los Corros (550 m).
Neste lugar, temos que abandonar o camiño e coller un sendeiro pola esquerda que baixa lixeiramente por unha zona rochosa entre o val que forma a serra do Cuera, á dereita, e o promontorio rochoso de El Cantu, á esquerda.
Axiña comezamos a cruzar as cabanas e praderías de Bardales, seguindo o noso camiño pola ladeira de El Cantu, chegando así, á antiga braña de La Embía (700 m), fermoso lugar, no que aínda podemos ver os restos das antigas cabanas, arrodeadas de grandes faias, espiños, freixos, castiñeiros, abelairas e algún que outro acivro.
Seguimos baixando ata a fonte con bebedeiro de El Tronco (660 m). Agora camiñamos pola ladeira da dereita, entre cabanas, chegando así a Llosa de Viango (418 m). Esta é unha ampla zona de prados, practicamente chá, onde se atopa unha pequena lagoa e varias pozas. Cara ao sur podemos ver o murallón de El Traviesu, xunto co faial. Ao norte temos os penedos do Cueto de Acá, a Garma, a Valleya, Saldepiedra, Pica Collar e Pica Calvieyu.
Segundo vamos avanzando pola Llosa, o val vaise estreitecendo en forma de embude ata chegar a Los Cuervos del Valle de la Raíz, lugar onde se refuxia o gando en días de calor. O camiño sobe agora lixeiramente polo val de La Raíz, seguindo rumbo leste, ata o cimbro de La Raíz (523 m), onde damos vista ao val seguinte de La Mardola.
O sendeiro segue baixando pola ladeira esquerda, preto do río Torno (330 m). Temos que cruzar o regato da Riega de la Pasada e seguir baixando a media ladeira polas Cuestas. Axiña atravesamos a zona de prados e cabanas de La Ligareda, xa case no fondo do val.
Despois de pasar estas cabanas, quedando a nosa dereita a Fuente Grande, seguindo o sendeiro chegamos a unhas fincas cerradas, con cabanas e a Fuente Chica. Continuamos polo sendeiro cara as cabanas de Peliscas (401 m), que podemos distinguir por unha antena, baixando agora lixeiramente ata o río Torno, que cruzamos para seguidamente subir á zona de pastos e cabanas de Pruneda (346 m)
A partir deste lugar, temos unha pista ancha que, costa abaixo, nos leva a Purón (45 m).