12 10 21 Soutos de Gallol (A Fonsagrada) Lugo
VER PUNTO DE SAIDA | VER TRAZADO DA RUTA | VER GALERIA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: A Fonsagrada (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Vilardíaz (640 m)
ACCESO: Dende a estrada que vai dende o porto de A Garganta á Ribeira de Piquín, coller a LU – 741 en dirección á Veiga de Logares e Fonsagrada ata Vilardíaz.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL ACUMULADO: 1000 m DISTANCIA: 18 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 49 – III
SINOPSE: Destacan nesta ruta os muíños de Parada, abicados no alto dunha fervenza, as corripas nos soutos para conservar as castañas, as carboeiras onde se queimaba leña de uces e carballo para facer carbón. Tamén temos cortíns que protexían os trobos do oso e do lume. Veremos exemplares de teixos e acivros, pero sobre todo, castiñeiros nos que se poden ver as marcas da familia propietaria.
Os hórreos desta zona son, xeralmente, de planta cadrada, onde os máis orixinais teñen o teito de palla de centeo, non empregándose na súa construción nin un só cravo.
DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza xunto á escola de Vilardíaz (540 m), subindo pola estrada en dirección á Fonsagrada, virando no primeiro camiño á esquerda. Chegamos a un pequeno núcleo de casas onde destaca “Villa Severina” co seu hórreo de teito. Xiramos na primeira rúa á dereita, deixando á esquerda o aloxamento turístico. De seguido atopamos de novo a estrada, que cruzamos para continuar pola dereita por un camiño no que deixamos o asfalto.
Despois de unha forte baixada, o camiño atravesa unha repoboación de piñeiros, e uns centos de metros máis adiante, podemos descubrir na marxe esquerda do camiño unha carboeira. O camiño lévanos a un promontorio de pedra con miradoiro, no que se agocha un cortín, comezando a baixada ata río Rodil.
Atopamos a Ponte Nova ou Ponte do Rodil (340 m) dende a que podemos ver a desembocadura do río Veiga de Logares no Rodil. Cruzamos o río, comezando a subida ata que atopamos unha corripa na beira esquerda do camiño, que neste punto se bifurca. Seguimos polo ramal da dereita, que nos leva ata unha ramificación circular, polo que aquí temos a posibilidade de reducir o roteiro.
Despois de cruzar a Ponte do Castelo (334 m) collemos a primeira desviación á man esquerda, que sobe a aldea de Parada (500 m), noutro tempo habitada. Baixamos ata o río Parada, que nos guiará ata os muíños de Parada. Agora temos que volver ata a Ponte do Castelo, e novamente na corripa, collemos o camiño da dereita.
Comezamos unha forte subida atravesando un souto, no que as miradas atentas poderán observar as marcas de propiedade fendidas na cortiza dos castiñeiros.
Seguimos o camiño e vemos á dereita a aldea de Vilarín do Castelo (560 m), o camiño continúa ata que tomamos a primeira desviación á man esquerda, que nos conduce novamente a un grande souto
O camiño estreitase nunha corredoira que discorre entre muros e baixo o dosel de acivros e dalgún teixo, o que nos anuncia a chegada ao lugar de Vilarxubín (592 m). Cruzamos esta aldea comezando a baixar polo souto ata chegar de novo ao río Rodil e a súa unión co Pontigón.
Cruzamos a Ponte de Beltrán (354 m) e, tras cruzar o bosque, despois dunha forte subida chegamos a un camiño que atravesa un piñeiral. O camiño comeza outra forte subida, na que se adiviña o remate da camiñada. Este tramo coincide coa ruta de Pena Guímara.
Tras pasar unha escura corredoira que discorre entre prados de pastoreo, chegamos á estrada e á escola de Vilardíaz.