13 06 16 O Pindo
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Carnota e Mazaricos (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: O Fieiro (260 m)
ACCESO: Pola estrada que vai dende Ézaro ao encoro de Santa Uxía.
HORARIO: 3/ 4 horas DESNIVEL: 570 m de subidas/ 570 m de baixadas
DISTANCIA: 10 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
MAPA: I.G.N. – 93 – III
SINOPSE: O macizo do Monte Pindo érguese sobre a costa coruñesa próxima a Fisterra, entre os temos de Carnota e Ézaro. O pico máis alto é o cume de A Moa con 627 m no medio dun labirinto de rochas graníticas.
DESCRICIÓN DA RUTA: O comezo da ruta atópase no lugar de Fieiro (260 m) pertencente ao concello de Mazaricos. Xunto a un cartel indicativo parte o camiño que sobe no seu primeiro quilómetro sen ningunha dificultade. Logo deste primeiro tramo, o camiño tórnase mais costo e estreito, atravesando polo medio de grandes rochas, aproveitaremos para votar unha ollada atrás e ver o encoro de Santa Uxía e algunhas aldeas de Mazaricos e o pico Penafiel.
Logo de levar dous quilómetros e medio camiñando podemos ver a vila de Carnota xunto a un letreiro informativo do Monte Pindo e a súa flora. Afrontamos o derradeiro tramo de subida atopándonos cun cruce onde un camiño nos leva a unha área recreativa onde podemos facer unha parada antes de subir ao cume da Moa (627 m). Dende este lugar divisamos os lugares de Corcubión e Cee.
En pouco tempo coroamos a Moa que nos amosa espléndidas vistas aos 360 grados, destacando a ría de Corcubión. Ao pé do monte temos o lugar de O Pindo, por un lado Carnota e Lira e por outro Fisterra, Corcubión é un pouco máis lonxe Cee; e cara ao interior os verdes montes da Ruña.
Quen queira pode dar a volta dende este lugar ata Fieiro pero temos unha alternativa circular.
Para iso temos que seguir en dirección suroeste ata atopar o camiño que vai a cova de Casa Xoana. Logo o sendeiro vai pola ladeira oeste ata un cimbro dende o cal podemos subir a Penafiel (390 m) e logo dende este cimbro baixamos por camiño empedrado entre toxos para cruzar o regato Caldeiras por unha pequena ponte de pedra.
Pouco nos queda para chegar a Fieiro onde remata esta fermosa excursión.
Tamén dende o cume de A Moa camiñando en dirección suroeste podemos seguir a través do Chan de Lourenzo, pasando xunto ao xigante “guerreiro” ata unha fonte onde viramos cara ao oeste e, despois dunha pequena subida, baixamos por un regato encaixado entre rochas e toxos.
Abaixo, á esquerda queda o Chan de Lamas e, á dereita O Pedrullo, cara a onde nos diriximos. Bordeamos O Pedrullo pola dereita e baixamos polo monte de piñeiros do rego Apio. Entre ruinosos muros de pedra, chegamos a igrexa do Pindo onde tamén se pode finalizar o recorrido por esta variante.