13 04 28 Remourelle - Monte Comado - As Catedrais - Rinlo
SITUACIÓN: Concellos de Ribadeo e Barreiros (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Xunto a capela da Madanela - Remourelle (320 m)
ACCESO: A Remourelle chégase seguindo a estrada LU – 133 que vai de Reme a Vilamar.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 200 m de subida / 550 m de baixada
DISTANCIA: 16 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
MAPA: I.G.N. – 10 – III
SINOPSE: Nesta ruta mestúranse o camiño polo monte e polo litoral dando lugar a fermosas vistas que temos dende as penas de Comado e un entretido camiñar pola beira do mar dende a praia das Catedrais ata o pintoresco lugar de Rinlo.
DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza xunto á capela da Madanela de Remourelle (320 m). Seguimos con rumbo norte por pista asfaltada uns douscentos cincuenta metros, logo dos cales collemos a primeira pista que sae pola dereita.
Camiñamos por esta outros douscentos metros e seguimos polo primeiro desvío á man esquerda. A pista agora, sen asfaltar, sobe entre pradeiras pasando un cruce no que seguimos de fronte. Aparece, máis enriba, outro cruce no que existe un depósito de augas, seguimos pola dereita uns cincocentos metros ata que nos aparece un desvío á esquerda.
A pista sobe un pouco máis gañando altura para situarnos na planicie de Comado (470 m). Preto do camiño existen varios túmulos funerarios, e as panorámicas expándense segundo imos progresando. O camiño agora vai sen apenas desniveis dando vista, pola dereita, ao val de Noceda e o monte Mondigo que distinguimos facilmente polas antenas instaladas no seu cume.
Temos un camiño á dereita que vai a Noceda, pero que deixamos para seguir de fronte ata unha curva. Abandonamos a pista na curva para achegarnos aos primeiros penedos que serven de atalaia. Dende este lugar temos unha ampla e fermosa vista da costa que abrangue dende Burela ata Tapia de Casariego, da veciña Asturias. Tamén podemos observar dende este lugar gran parte do camiño que nos queda por recorrer.
Logo da obrigada parada, seguimos a pista uns metros en dirección oeste ata que atopamos un sendeiro pola nosa dereita que atravesa no seu comezo monte baixo de matogueira e toxos.
O camiño pasa xunto a outros penedos e intérnase no monte repoboado de eucaliptos. Logo dunha forte baixada, o camiño entronca nunha pista pola que seguimos cara á dereita, sempre en baixada ata que chegamos a que se chama Estrada do Monte que seguiremos en dirección leste uns oitocentos metros.
Aparece, pola esquerda, una pista onde tamén existe un depósito de auga. Seguimos por ela atravesando a autoestrada por unha ponte para chegar, un pouco máis abaixo a estrada xeral N – 634. Con coidado atravesamos esta estrada seguindo cara á dereita uns metros ata o primeiro desvío. Un cartel indica Casa Guillermo. Seguimos esta pista por un tramo asfaltado ata que pasamos dita casa para logo coller outro camiño pola dereita que nos vai levar fronte ao Campamento Xuvenil de A Devesa. Aquí collemos unha pista asfaltada que nos leva directamente a praia de As Catedrais.
Neste lugar facemos unha parada para reagruparnos e visitar esta famosa praia.
O camiño segue por sendeiro pola beira do mar ata a seguinte praia de Esteiro, logo da cal camiñamos por estrada asfaltada ata a praia das Illas. Aquí bordeamos unha construción para entroncar co camiño que nos leva a seguinte praia de Os Castros.
Pasado este lugar camiñamos por sendeiro atravesando a praia dos Xuncos, tendo á vista o lugar de Meirengos e preto do mar as edificacións dunha das cetarias de Rinlo.
Seguimos por sendeiros de pescadores, preto do mar ata que chegamos á primeira das cetarias. Neste lugar está previsto dar conta do xantar, no caso de mal tempo, podemos facelo dentro das instalacións.
O camiño segue a liña do mar pasando xunto a cetaria en ruínas e, un pouco máis adiante temos a derradeira cetaria en bo estado de conservación.
Entramos en Rinlo, que dispón de catro lugares onde podemos tomar un café e darnos un paseo polo pintoresco lugar antes de coller o autobús.