01 10 28 DEVESA DE ROGUEIRA (Folgoso do Caurel) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: O Courel (Lugo) 

PUNTO DE PARTIDA: Moreda (700 m) 

ACCESO: Na nacional VI, no porto de Pedrafita, collemos a estrada que vai a Sarria e no alto de Hospitala que vai a Seoane do Courel  . No lugar de Ferrería Nova collemos a pista que vai a Moreda.                      

HORARIO: 6/7 h                  DESNIVEL: 650 m                     DISTANCIA:     14 km              

DIFICULTADE: Media          TIPO DE RUTA: Circular             MAPA: I.G.N. – 157 – I

SINOPSE: Esta é unha das mellores rutas de sendeirismo do Courel. Parte da Aula da Natureza de Moreda e chega atravesando unha dura subida a un dos mellores montes de Galicia. Toda a dureza desta ruta está nos primeiros tres quilómetros e medio sendo despois moi fácil o resto do percorrido.

      Esta ruta está sinalada na súa maior parte. Chégase ao punto de partida collendo o desvío que vai a Moreda que está a dous quilómetros de Seoane, en dirección a Folgoso. Dende este cruce ate Moreda hai cinco quilómetros que seguen o curso do río de  Moreda, o Rego da Bracha. No seu tramo final é mais coñecido como  o Val do Río Seco, porque no seu curso alto, hai zonas de infiltración, e desaparece parte do seu caudal durante longas épocas do ano; aquí dáse un dos maiores afloramentos calíos de toda Galicia.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos da Aula da Natureza (700 m) rumbo sur. Xa na saída atopamos un souto de castiñeiros, na zona máis baixa de todo o percorrido, comezamos a subida pasando dous desvíos á esquerda e no segundo chégamos a unha ponte con unha cabana. Nesta parte do camiño hai uns prados, e na parte superior deles a Cova do Vello. Seguimos o ascenso tendo á dereita do camiño outras covas (Cova Longo de Meo, Cova do Oso). A subida cada vez é máis pendente ata que se cruza outro rego, da unha volta á dereita para empinarse máis aínda. Axiña entramos no corazón de A Devesa, monte pechado e umbro cunha riqueza biolóxica excepcional.

      En pouco máis dunha hora dende Moreda chegamos a unha fervenza, a partir da cal comeza o tramo máis duro, empolicado e con pedra solta. Este tramo empata enriba cunha bifurcación. Á dereita, a pouco máis dun quilómetro chegamos a un fermoso miradoiro que nos amosa a devesa en todo o seu esplendor. Volvemos de novo polo mesmo sendeiro ata a bifurcación,onde seguimos de fronte por un camiño que nos leva as famosas fontes do Cervo ou fontes de Rogueira unha de auga calcárea e outra de auga ferruxinosa, situadas a escasos metros unha da outra. Un bo sito para xantar dende logo.

            Logo de repousar un anaco volvemos de novo polo mesmo sendeiro ate a bifurcación, baixamos uns metros e collemos un sendeiro a dereita para atravesar a devesa cara ao leste ate chegar a unha área recreativa con piñeiros de repoboación.

      O camiño que nos queda a partir de agora e todo en baixada, seguimos a estrada asfaltada durante dous quilómetros e abandonámola por un camiño que nos levará ate a braña de A Moreda Maior e logo dende aquí a aula da natureza onde acaba este fermoso percorrido.