02 05 01 SERRA DA BOBIA (Vilanova de Oscos) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

ACCESO: Na vila de Vegadeo collemos a estrada que sobe ao Porto de A Garganta e aquí en dirección a Vilanova d´Oscos ata a Ponte de Penacoba.

HORARIO: Entre 6 e 7 horas.     TIPO DE ROTA: Circular       DESNIVEL: 450 m.

DIFICULTADE: Media.     DISTANCIA TOTAL: 20 km            MAPAS: I.G.N. – 25 – IV – 49 - II

 

DESCRICIÓN DA ROTA: O punto de partida atópase na estrada rexional que atravesa toda a comarca osqueña (AS-13) máis ou menos na pequena aldea de Penacoba, xustamente onde existe unha ponte sobro do regato Acebeiral.

 

1ª Parte: Na Ponte de Penacoba comeza a pista de inmellorable trazado. Nos primeiros pasos sae un camiño a nosa esquerda que non tomaremos para seguir de fronte, deste xeito a pista vai xirando á esquerda internándose por unha pequena bagoada e aparecendo outro cruce no cal tomaremos a pista da esquerda que nos leva cara enriba seguindo sempre de fronte en tódolos cruces ate chegar  á liña de cumios na que temos unha estrada asfaltada que comunica o Porto de A Garganta con Boal polo Gumio.

       Agora espéranos unha marcha fácil pola estrada asfaltada ate un cimbro chamado Campo da Bobia. Este tramo ofrécenos amplas vistas sobro dos cumios despexados e masas forestais, con matueiras e reforestacións de pinos.

2ª Parte: Dende o Campo da Bobia podemos subir de fronte ao Pico da Bobia (El Filso) (1.197m) que acadaremos sen moitos esforzos para poder contemplar a marabillosa paisaxe que nos depara este cumio dos Oscos.

    Despois de descansar, tomaremos o camiño de volta ate a estrada asfaltada onde camiñaremos uns douscentos metros para abandonala por un sendeiro que baixa a nosa esquerda.

   Esta parte da rota é especialmente rechamante, deberemos adiviñar, ás veces, por onde descorre o camiño medio tapado entre as xestas que o invaden, máis non ten perda porque intuímo-lo percorrido que baixa cara a aldea de A Bobia. Deixamos esta aldea abandonada e seguimos faldreando por camiños entretidos para chegar ate O Picón tamén despoboado.

   Merece a pena descansar e gozar da paisaxe, neste tempo inmellorable pola frondosidade dos bosques. Retomámo-la marcha para máis tarde entrar en San Cristobo cunha casa habitada, aquí poderemos observar a arquitectura popular é a súa igrexa.

    De tódolos camiños que existen, colleremos o que vai cara ao sur, que segue bordeando a ladeira con pequenas pendentes e que nos leva á aldea de Murias, dende aquí seguimos por un camiño á dereita, por certo bastante pendente, subimos ate a Sela de Murias onde tras descansar brevemente retomamos camiño en dirección sur pola vertente oriental do Pico Murias. Ao pouco o camiño mellora e métese uns quilómetros ate un outeiro baixo as ladeiras de Pena Cagadoira e Pena Redonda, case a medio quilómetro do cumio aparece un sendeiro pola dereita que colleremos para así abandonar a pista e descender ate o val do río Vilanova.

    Esta baixada ten uns dous quilómetros que nos leva ate Ovellariza e xa neste lugar so temos que descender outros cincocentos metros mais para chegar ate a canle do río Vilanova e acceder á capital do concello: Vilanova d´Oscos.