02 06 09 FRAGAS DO EUME (Pontedeume) A Coruña

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Concellos de Monfero, Cabanas e Pontedeume (A Coruña)

ACCESO: Na autoestrada A VI, a altura de Monte Salgueiro, desviámonos pola que vai a Irixoa e Pontedeume. Chegado á Ponte da Pedra, temos que coller a dereita ata a aldea de Queixeiro a cal cruzamos cara o cámping de O Redondo.

HORARIO: 6 horas              DISTANCIA: 16 km                 TIPO DE ROTA: De ida e volta

DESNIVEL: 350 m.              DIFICULTADE: Baixa

SINOPSE.: As Fragas do Eume, impresionantes noutro tempo, van perdendo terreo fronte ao cultivo intensivo e invasivo do eucalipto.

   As queimas, a man cobizosa do home, e sobre todo a nefasta política medioambiental, acabarán desaparecendo o que queda deste marabilloso bosque.

    As Fragas do Eume comprenden un abrupto val, con gargantas e cubertas arbóreas de frondosas – carballos, ameneiros e piñeiros – que forman un dos bosques máis extensos de Galiza.

    O marco natural que ofrecen estas Fragas danos a posibilidade de realizar un sen número de rotas, todas elas de grande beleza. A que hoxe nos ocupa trata de descubrir o máis significativo das Fragas aproveitando parte do trazado dun longo percorrido que sae de Río Chelo e remata no Cabo Ortegal.

    Os mosteiros de Stª María de Monfero e San Xoán de Caaveiro, forman parte do sendeiro de longo percorrido e están relacionados con o medievo.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: O comezo desta rota, témolo xunto ao cámping de O Redondo. Debemos seguir unha pista asfaltada que pasa ao lado do cámping durante uns catrocentos metros ata que atopamos unha explanada adicada a apilar madeira para a súa posterior carga en camións. Aquí temos unha pista á dereita mesmo xunto á entrada da explanada que baixa entre eucaliptos todo de seguido cara ao rego Parrote. Temos que desestimar ramais que collen a dereita e esquerda pois o noso itinerario sigue o camiño principal é está marcado con pinturas de diversas cores.

    Chegamos ao río atopándonos con unha ponte de madeira a cal cruzamos cara a outra beira onde temos unha presa. Pasamos xunto á presa e temos que dar uns pasos con coidado para seguir pola mesma canle de auga, que mais adiante atópase tapada. Este tramo é mais acolledor, pois os eucaliptos van quedando por riba da fraga dando paso a frondosas árbores como carballos, castiñeiros e bidueiros. Proseguimos o itinerario camiñando un bo tramo en chan, ata que chegamos a unha pista de formigón, a cal colleremos cara abaixo (por certo, bastante empinada) que nos vai levar despois de varias revoltas á central hidroeléctrica onde o rego Parrote tributa as súas augas ao Eume.

      Podemos parar un anaco en sitio tan acolledor, rodeado dunha impresionante vexetación. O edificio de pedra ten un cabanón e detrás del unha fonte. Logo, despois de reunirnos, retomamos o camiño cruzando unha moderna ponte de madeira que nos vai levar durante este tramo pola marxe esquerda do Eume mesmo a carón do río ata outra ponte, esta de formigón, que temos que cruzar e seguir por unha ancha pista que sobe ao mosteiro de Caaveiro.

      O mosteiro ben merece unha detida visita. Aínda que está bastante deteriorado, podemos imaxinarnos como era esta construción e o sitio privilexiado en que está situado.

      Despois da visita ao mosteiro, colleremos un camiño que baixa por detrás del, para facer unha visita a un muíño recentemente restaurado, situado nun rego que baixa por detrás de dito mosteiro. Sitio ideal para dar conta do xantar, e logo tranquilamente proseguimos o camiño xunto ao río Eume, esta vez pola marxe dereita, xunto a mesma beira da súa canle ate chegar a unha ponte colgante. Aquí podemos dar a volta, ben pola mesma marxe ou cruzando a ponte a outra beira e collendo unha pista asfaltada que nos levará de novo ata ponte de formigón que xa cruzamos antes.

       Dende esta ponte, o camiño de volta e o mesmo que trouxemos ata a central eléctrica de Parrote pero non cruzaremos a ponte de madeira da central, senón que mesmo antes dela debemos tomar un sendeiro á dereita que sen perda vai levarnos ao punto de partida.

     Este sendeiro, debemos afrontalo con tranquilidade, pois a pendente que se nos presenta agora é considerábel. Vamos subindo facendo un número de zigzags que nos fan perder a conta, todo empinado ate que chegamos a un eucaliptal. O camiño non ten perda, e xa no remate da subida collemos a través dun monte que foi desbrozado recentemente polo que chegamos a un alpendre preto dunha casa, dende o cal xa ollamos unha pista asfaltada. Non temos mais que seguila e levaranos directamente ao cámping onde comezamos esta rota.