02 11 03 SERRA DO CALAMOUCO (Becerreá) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: BecerreáLugo

PUNTO DE PARTIDA: A Borquería 

ACCESO: Na estrada N-VI, a altura de Becerreá collemos a que vai a Navia de Suarna e a cinco quilómetros de Becerreá atópase  Borquería onde comeza a ruta.

HORARIO: De 4 a 5 horas              DISTANCIA: 14 quilómetros

DESNIVEL: 360 m                         DIFICULTADE: Media            MAPA: I.G.N. – 99 – III 

SINOPSE: O Concello de Becerreá, comprende un territorio accidentado e montañoso. As serras de Penamaior, Pena da Edra e Calamouco alcanzan cotas superiores aos mil metros. Dispón dos bosques de castaños máis importantes de Galicia e na parroquia de Cruzul un dos poucos montes de aciñeiras da  rexión.

      Ten no río Navia a máis destacada corrente fluvial que fai límite con Cervantes durante unha longa parte da súa canle.

      Rodeada dunha paisaxe especialmente fermosa esta rota recorre as aldeas de Muñez, Munel e Vilar de Frades á parte de pasar por entre gran número de árbores autóctonas como castiñeiros, carballos e bidueiros entre outros. Ademais ten boas vistas panorámicas.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Esta rota comeza pasados uns trescentos metros a aldea de Borquería, xunto a un regato temos un letreiro que nos india o inicio da rota.

      Comezamos a camiñada subindo por un carreiro que vai paralelo ao rego os primeiros metros pero de seguida este, torce á dereita onde temos un pequeno tramo en que as xestas invaden o paso. O camiño agora mellora e pasamos por un fermoso bosque de frondosos castiñeiros e carballos e así de seguida chegamos a Muñez, aldea abandonada onde faremos unha pequena parada para botar unha ollada a esta bonita paraxe.

      Aquí temos unha bifurcación, á man esquerda hai un camiño que é polo que temos que baixar á volta, mais agora, seguimos de fronte para atravesar o rego do Vao e logo coller unha ancha pista que nos vai levar un bo tramo en chan.

      Chegamos así a unha bifurcación é, atención aquí os despistados, temos que coller á esquerda durante uns poucos metros e logo coller outro camiño á dereita que baixa cara a un rego que se adiviña no fondo do val.

       Este camiño intérnase por debaixo de castiñeiros centenarios para cruzar o rego Calamouco por dous paus de madeira. Pasado o rego comeza a subida, primeiro uns metros paralelo ao rego e logo vira á dereita para achegarnos por debaixo dun bosque de frondosas á Monel.

      Atravesamos esta aldea cara arriba onde debemos fixarnos nas sinais pintadas en paredes e postes da luz, e na parte alta temos un depósito de auga e un cruce. Nós collemos á dereita cara arriba por unha ancha pista que sempre subindo nos vai levar a pouco mais de un quilómetro a outro cruce con unha pista asfaltada.

      Subindo por esta pista, se volvemos a cabeza, podemos mirar se o día está despexado un sen fin de aldeas mais ou menos pretas e os cumes da veciña cordilleira de Os Ancares.

      Ao chegar á pista asfaltada colleremos por ela á esquerda en dirección á unha aldea que vemos dende dito cruce, Vilar de Frades. Despois de camiñar algo mais dun quilómetro por asfalto, acadamos dita aldea onde temos que coller o primeiro camiño á esquerda que nos leva fora da aldea entre paredes e hortos.

      Conectamos de seguida cunha pista de recente feitura a cal seguimos, primeiro en forte baixada e logo de subir uns metros chegamos a un prado cerrado de paredes o cal pasaremos por enriba aínda que aquí temos varias opcións, calquera delas válida para seguir en dirección a un piñeiro que divisamos dende a nosa posición cara ao sur – oeste.

     Esta cómoda pista vai baixando entre unha plantación de vellos pinos do país pero temos que ter coidado cando nos apareza un camiño á esquerda que é o que temos que coller para baixar a Muñez. (A indicación está posta nun pino á nosa dereita na pista principal a cal é moi fácil que nos pase desapercibida).

      Unha vez en Muñez, a volta farémola polo mesmo sendeiro que subimos e así remataremos esta fermosa e fácil andaina do concello de Becerreá.