03 05 17/18 SUARBOL – BURBIA – CAMPA DA BRAÑA (Vega de Espinareda) León (Cervantes) Lugo
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Serra de Ancares
ACCESO: Dende a A-6 a altura de Becerreá, temos que coller a comarcal Lu – 722 en dirección a Navia de Suarna para desviarnos a San Román ata A Degrada e aquí collemos a esquerda en dirección Piornedo ata Suarbol onde nos deixa o autocar.
HORARIO: De 6 a 7 horas cada día DIFICULTADES: 1º día: Media - 2º día: Alta.
TIPO DE ROTAS: Travesías
DESNIVEL 1º día: 637 m. de subida. 907 m. de baixada DESNIVEL 2º día: 942 m. de subida. 432 m. de baixada
DISTANCIAS APROXIMADAS: 16 quilómetros aproximadamente cada día.
DESCRICIÓN DA ROTA - 1º día: Esta travesía comeza na aldea leonesa de Suárbol (1.120 m). Collemos un sendeiro mesmo enfronte a aldea que sobe en dirección sur para ir adentrándonos no bosque autóctono de caducifolios. O camiño vainos levando paralelo bastante por enriba do Río da Veiga, tendo que atravesar o regato de Regueira de Cabana e máis o de Regueira de Cuíña.
Despois de superar este último regato temos unha curta pero forte pendente que de seguida nos da vista a Mallada de Suarbol (1.500 m) con unha caseta en ruínas. O camiño agora ata esta braña e de fácil andar. Chegado a braña temos que subir en dirección a Golada do Cuíña (1.757 m.) que existe entre o Cuíña e Pena Longa (1.870 m). Unha vez neste cimbro (aquí chamado golada) temos a opción de subir ao cume do pico Cuíña (1.998 m) que presume de ser o mais alto da Serra de Ancares. Se o día está despexado este cume amósanos fermosas panorámicas cara aos catro puntos cardinais, chegando a verse a vila de Ponferrada, Fonsagrada e tamén o remate da nosa camiñada, a aldea de Burbia (850 m).
De volta na golada, temos que baixar cara a unha ampla zona toda chea de cenagais que iremos pasando camiñando lixeiramente a esquerda para atopar mais abaixo o camiño que segue a ladeira do cordal de montes que descende do Cuíña.
O sendeiro agora non ten perda, anque é bastante pendente iremos baixando entre carqueixas cara a Burbia admirando o bosque de carballos que temos a nosa dereita segundo baixamos. O sendeiro remata nunha pista agora de cómodo trazado. Atravesamos o río que baixa da Mallada da Bidueira sorteando unhas pedras colocadas para tal fin.
Camiñando pola pista, axiña comezamos a ver grandes castiñeiros que fan fermosos soutos. Estamos a piques de concluír a travesía desta primeira xornada, agora agárdanos unha ducha e uns grolos nos catro bares que ten a aldea antes de que nos sirvan a cea
DESCRICIÓN DA ROTA – 2º día: Pola mañanciña saímos do albergue, despois de dar conta do almorzo, polo mesmo camiño do día anterior ata unha bifurcación onde temos que coller a esquerda e cruzar o río Burbia por unha ponte e xusto ao outro lado temos unha área recreativa con mesas e barbacoas. Temos que seguir o camiño que agora comeza a empinarse cruzando bosques de carballos ata a súa extinción ao chegar ao río. Aquí cruzamos por uns paos de madeira e o amplo camiño que antes tíñamos agora tórnase nun carreiro. O trazo é pendente pero entretido, vamos penetrando no bosque e miramos algunha fervenza que o rego Vollouso fai na súa baixada. Non temos perda, non hai mais que seguir o sendeiro para chegar a unha cabana habilitada para refuxio. Os lagos (1.600 m) onde nace o río están preto, facéndolle garda os cumes de Mostallar, Pico Lanza, Corno Maldito e Campo Longo. O camiño agora diríxese ao cimbro que temos por riba dos lagos. E a Golada do Campo, antigo paso do sendeiro que unía Vilarello con Burbia. Unha vez enriba temos que coller en dirección oeste para cristear o Corno Maldito (1,848 m), Pico das Charcas (1.847 m), Pico das Merendas (1.795 m.), Os Penedos de Donís (1.783 m.) e Tres Bispos (1.792 m).
Tamén temos a opción de pasar pola vertente leonesa sen subir a todos estes cumes pero perderemos as fermosas panorámicas cara as dúas provincias.
Unha vez en Tres Bispos (1.792 m) o camiño colle rumbo noroeste e atopamos unha ancha pista que nos levará en pouco mais de unha hora ata o refuxio de Campa da Braña (1.360 m) onde nos agarda o autocar.
Se o tempo axuda, estes dous días de travesías serán para a maioría dos camiñantes unha fermosa experiencia de actividade na media montaña.