04 07 25 LAGOS DE SOMIEDO – PEÑA ORNIZ (Somiedo) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN 1 PDF EN CASTELAN 2 |
SITUACIÓN: Parque Natural de Somiedo (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Alto de La Farrapona (1.710 m)
ACCESO: En Cornellana, coller a estrada que vai á Cangas del Narcea e desviarse ao Porto de Somiedo. Antes de Pola de Somiedo coller o desvío a Saliencia. Unha vez aquí, temos oito quilómetros de pista ata o Alto da Farrapona.
HORARIO: 5/7 horas DESNIVEL: 100 m de subidas / 400 de baixadas
DISTANCIA: 14 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPA: I.G.N. – 77 – III
SINOPSE: A ruta dos lagos e unha das camiñadas máis fermosas que se poden realizar dentro do Parque Natural de Somiedo. De fácil andar e con escasos desniveis, esta ruta amósanos a zona lacustre de Somiedo e o lago máis grande da cordilleira Cantábrica. O Lago del Valle.
A proposta para chegar a Peña Orniz é bastante longa e esixente, precisando de certa destreza para camiñar por terreo caótico, moitas veces sen sendeiros claros pero que nos deleitará cunha gran vista dunha chea de cumes da cordilleira así como das fontes do Sil que nace na cara sur desta montaña.
DESCRICIÓN DA RUTA: (Alto da Farrapona – Lagos – Valle de Lago) Esta camiñada parte do Alto de La Farrapona ou Collada Balbarán (1.710 m), para recorrer unha cómoda pista de un quilómetro que nos leva ata un aparcadoiro xunto ao primeiro lago que vamos atopar. O lago La Cueva ou La Mina, chamado así debido as proximidades dunha desaparecida industria mineira, da paso a unha subida preto duns muros en ruínas que antano formaban parte das instalacións mineiras de Santa Rita. Neste punto o camiño aparece de cor vermello debido ao mineral desprendido, facendo varios zigzags e ascendendo por pronunciada pendente sobre o lago que cada vez nos parece mais pequeno.
Despois de superar a que vai ser unha das poucas subidas desta xornada, acadamos un cimbro que nos sitúa por riba do lago, posiblemente, mais fermoso dos lagos de Saliencia. E o lago de Calabazosa ou Negro, que tamén e o mais fondo de todos. Ás súas beiras poden alcanzarse con facilidade abandonando o camiño principal, para coller un carreiro á esquerda. Xustamente enfronte, elévanse as siluetas de dous picos xemelgos, separados por un cimbro: son os Picos Albos, e detrás das súas caras posteriores escóndese o célebre Lago del Valle.
Tras pararnos a contemplar este fermoso lago, volvemos ao camiño principal e proseguimos en suave descenso cara as primeiras veigas coñecidas como Cervériz. Neste punto remata a pista transformándose nun sendeiro que recorre lonxitudinalmente a veiga entre touza subalpina e herba.
O camiño pasa por riba doutro lago que nos queda á esquerda, lago Cervériz, e sigue por un extenso val de cómodo andar deixando tamén á nosa esquerda as cabanas que compoñen a Majada Cervériz. Subimos a un cimbro que da paso a outra extensa veiga de verdes pradeiras. A Veiga de Camayor, que seguimos ata outro cimbro que divisamos dende a nosa posición. Neste cimbro chamado a Llomba de Camayor (1.717 m), temos que fixarnos e coller un sendeiro que rodea as rochas de Fana Brava virando á esquerda para de seguida dar paso a vista de El Valle.
De fronte temos agora o Lago del Valle ata o que temos que baixar por un sendeiro bastante marcado. Unha vez xunto ao lago, podemos dirixirnos a unhas cabanas que vemos onde existe unha fonte. Este lugar chámase Cobrana, un bo sitio para descansar e dar conta do xantar.
Logo proseguimos a camiñada, xunto a parede que fai de contención do lago, pois foi represado, para coller un camiño que sen perda e case todo costa a baixo nos vai levar a Valle de Lago en pouco mais dunha hora. Entramos primeiro no lugar coñecido como o Outeiro e un quilómetro mais abaixo temos El Valle (1.280 m), lugar onde remata esta andaina.
DESCRICIÓN DA RUTA: (Alto da Farrapona – Peña Orniz – Valle de Lago) A camiñada elixida para chegar a este cume parte do Alto da Farrapona (1.710 m) onde collemos un carreiro por monte baixo que se dirixe ao Alto del Colladín (1.866 m) podendo ver dende este lugar cara ao oeste o lago da Mina ou La Cueva. Seguimos a liña de cristeirío baixando lixeiramente para pasar polo cimbro de La Forcada, cando asoma o lago de Calabazosa. De fronte temos os picos de La Braña e Trespandu que deixaremos á nosa esquerda para continuar cara ao primeiro dous mil deste cordal, a Pena Cualmarce (2.007 m) que subimos sen maiores problemas aínda que a partir deste cume temos algúns pasos aos que prestaremos atención. Seguimos pola Horcada del Canalizo rumbo a La Colorada (2.008 m) dende a cal vamos ao pico Calabazosa (2.125 m) onde facemos unha parada.
Dende o seguinte cume de La Pena (2.018 m) pasando pola Horcada Cimera chegamos ao Pico Blanco (2.070 m) para seguir cara aos cumes de Muria Brava (2.134 m), La Muela (2.116 m), Torre de Orniz (2.176 m) e Peña Orniz (2.194 m), todas estas xa coñecidas por ser meta deste grupo noutra ocasión.
Dende o cume de Peña Orniz, saímos en dirección sur oeste para ao pouco comezar a baixada pola faldra norte na que temos que por especial atención debido ao caos de rochas que existe dende aquí, pola Mortera del Valle, ata a baixada ao Lago del Valle.
Logo proseguimos a camiñada, xunto a parede que fai de contención do lago, pois foi represado, para coller un camiño que sen perda e case todo costa a baixo nos vai levar a Valle de Lago en pouco mais dunha hora. Entramos primeiro no lugar coñecido como o Outeiro e un quilómetro mais abaixo temos El Valle (1.280 m), lugar onde remata esta andaina.