05 05 15 SERRA DO ARAMO (Lena, Morcín, Riosa, Proaza, Santo Adriano e Quirós) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Concellos de Lena, Morcín, Riosa, Proaza, Santo Adriano e Quirós (Asturias)                                               

PUNTO DE PARTIDA: Alto de La Cobertoria 

ACCESO: En Trubia, collemos a  estrada AS – 228 que vai a Quirós e sobe Ao porto de La Cobertoria.

HORARIO: De 4 a 7 horas                    DESNIVEL:  400 / 600 m          DISTANCIA: 12/20 km 

DIFICULTADE: Baixa / Media               TIPO DE ROTA: Travesía         

MAPAS: I.G.N. -  52 – II – IV – 77 – II

SINOPSE: Xeograficamente a Serra do Aramo pertence aos concellos asturianos de Lena, Morcín, Riosa, Proaza, Santo Adriano e Quirós.

      A Serra do Aramo elévase violentamente no medio das cuncas dos ríos Trubia e Caudal, i é precisamente pola vertente de Lena, Riosa e Morcín onde se acusa máis o desnivel. Os procesos de disolución kársticos formaron pequenos e numerosos vales cerrados, covas e buratos chamados polos paisanos, toyos, onde a escaseza de auga e unha constante o que obrigou á construcción de numerosas pozas impermeabilizadas diseminadas pola ampla xeografía destas montañas.

    A difícil orografía da Serra do Aramo, onde se combinan grades pastizais e fondos buratos, protexidos por murallas de pedra, fan que este territorio pareza máxico, pero tamén vulnerable, regalándonos as mellores panorámicas da rexión.

 

DESCRICIÓN DA ROTA:

    1ª Parte

    A primeira parte desta travesía consiste en seguir unha liña de pequenos vales e cimbros en dirección sur – norte ata o aparcadoiro do Angliru.

    Partimos do alto da Cobertoria (1.179 m) subindo por cómoda pista, apta para vehículos todo terreo, que vai á estación de repetidores do Gamoniteiru (1.791 m). Esta pista sobe faldreando os cumes ata un aparcadoiro que existe preto das antenas, pero nós, abandonámola un quilómetro antes do seu remate para coller un carreiro que pasa xunto a unha poza artificial que serve de bebedeiro para o gando.

      O camiño a partir deste punto faise entretido pero perigoso de extravío en caso de néboa, polo que deberemos valorar o estado da climatoloxía antes de acometer o resto da travesía.

      Proseguimos a andaina en dirección norte onde se ven zonas en que o camiño estaba empedrado, nós seguimos de fronte a través das distintas  bagoadas que se van sucedendo. Sen case desnivel seguimos rodeando o Gamoniteiru, á nosa dereita, bastante apartado queda o pico La Xistra (1.765 m). Deixamos outro bebedeiro á nosa dereita e sen chegar a el, collemos cara ao pico Barriscal con pequenas subidas e baixadas por calquera dos numerosos sendeiros que existen e sen maiores problemas, chegamos preto doutro bebedeiro situado na faldra noroeste do Barriscal, que deixaremos á dereita. Agora toca encararnos cunha cómoda subida que nos levará ata o aparcadoiro do famoso Angliru, (1.548 m), meta final en algunha etapa ciclista, e base da subida ao pico Gamonal ou Cochamenta (1.712 m).

2ª Parte

    No Angliru, remata a primeira parte do percorrido, despois de 12 km e unhas catro horas de andaina. Quen prosiga a andaina deberá coller a pista asfaltada e baixar por ela uns 3 km ata unha curva chamada Cobayos. Anque este tramo é asfaltado, non ten desperdicio, poderedes ver onde sofren o ciclistas cando pasan pola zoa de Cueñe les Cabres, con pendentes que superan amplamente o 20%.

    Logo de chegar a curva de Cobayos, temos que abandonar a pista asfaltada para entrar no monte e ir escollendo os mellores carreiros que nos leven ata o cimbro que divisamos dende a nosa posición que separa os picos Mosquil e Mostayal, cume, este último que remata a Serra do Aramo polo norte.

    Vamos pasando a través de fermosas brañas (Ortigal, Fonfría, Ories...), salpuxadas de flores na época en que estamos, hai abundancia de acivros e curiosas fontes onde beber ou refrescarse, todo nun marco paisaxístico fermoso.

    Chegados as Bobies, enclave fácil de identificar porque ata alí chega unha pista de formigón, dende a aldea de La Vara, poñeremos rumbo noroeste para subir sen grandes problemas a derradeira pendente da xornada. Unha vez en Brañacé, o cimbro amósase accesible. Dende este paso (1.100 m) escóndese a Mostayal á nosa dereita, cume con caídas espectaculares e cómoda subida, ocuparíanos unha hora a ida e volta para quen queira visitalo, de modesta altura (1.313 m), o tamén coñecido como Pico la Vara, ofrece grandes panorámicas da cidade de Oviedo e arredores.

    De volta no cimbro axiña encaramos a vertente oposta onde buscamos o camiño que xa en baixada, aínda que non sempre cómoda, pasa por brañas medio abandonadas achegándonos en pouco máis de unha hora á aldea de Pedroveya.